Galicia pode presumir de contar con algo que moi poucos poden ter no CERN, o maior experimento do mundo, onde se atopa o colosal acelerador de partículas LHC. Dous irmáns de Camposancos, Juan Carlos e Francisco Pérez, que forman parte da plantilla. Pero tamén hai outros dous irmáns galegos, aínda máis novos, cunha particularidade engadida. José e Salvador Ferradás Troitiño, de Pontevedra, son xemelgos. Naceron o 1 de febreiro de 1990, e tras compartir aulas, vivencias e formación na Universidade de Vigo, hoxe comparten lugar de traballo no maior experimento do mundo.
“É como xogar na NBA, todos os días falas e traballas cos maiores expertos do mundo”
Ambos traballan, precisamente xunto a Juan Carlos Pérez, no deseño e desenvolvemento dos imáns supercondutores do acelerador de partículas. O LHC, o tubo de 28 quilómetros de circunferencia que cruza baixo terra esta zona entre Suíza e Francia, precisa acadar velocidades próximas á da luz para recrear unhas condicións semellantes ao Big Bang. Así podería ser posible coñecer a orixe de todo o que coñecemos. E isto, ademais de grandes cantidades de enerxía, necesita uns imáns moi potentes e que, ao mesmo tempo, teñan unha precisión enorme. E niso aportan o seu grao de area os dous irmáns Ferradás.
Os xemelgos estudaron na Universidade de Vigo. José fixo Enxeñaría de Minas, na especialidade de Enerxía, e Salvador estudou Enxeñaría Industrial, pola rama de tecnoloxía eléctrica. Os dous apostaron por seguir formándose, aproveitando as bolsas Erasmus, en dúas das universidades máis prestixiosas de Europa en cadansúa especialidade. Así, José pasou un ano en Noruega e Salvador, outro curso en Suecia. Con todo, a pesar das súas excelentes cualificacións durante toda a súa traxectoria, tiveron tamén meses de incerteza, nos que andiveron á procura de traballo despois de realizar o proxecto de fin de carreira.
Os dous chegaron ao CERN despois de estudar na Universidade de Vigo a través do programa FTEC
O primeiro en chegar a Xenebra foi José, que foi un dos vinte seleccionados na primeira edición do programa FTEC, impulsado polo Ministerio de Economía e o Ciem (Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas), no que posteriormente tamén entraría, o terceiro ano, o seu irmán Salvador.
Despois de dous anos traballando con esta bolsa, estaba “encantado” de aprender e traballar no experimento do LHC, así que intentou buscar unha forma de quedar. Conseguiu empezar o doutoramento no departamento de Física aplicada da universidade de Xenebra e tamén puido prolongar o seu contrato no CERN. Compaxina ambas tarefas durante a semana.
Aprenden ao lado das referencias mundiais neste eido. “Cando estou en Galicia e os amigos e a familia me preguntan, eu explícolle que é como se xogase na NBA, xunto a Jordan, LeBron ou Bryant. Falas todos os días cos maiores expertos mundiais na materia”, explica José.
Salvador, pola súa parte, chegou en xuño de 2017, tamén a través do programa FTEC, e está especializado nos sistemas de medicións dos imans e en novas estratexias para axudar a estudiar as bobinas superconductoras en profundidade. “Estar nuns proxectos tan punteiros e tan relevantes é moi gratificante”, destaca Salva. Subliña, sobre todo as “facilidades para desenvolver habilidades en todos os ámbitos; insisten moito na formación, en seguir aprendendo cousas novas día a día.
“Non é que non queira volver, pero é que aquí estou moi ben”, di José
E ademais de traballar nun experimento de referencia mundial, os irmáns Ferradás atópanse moi agusto vivindo nesta zona dos Alpes, entre Suíza e Francia. Un lugar tranquilo e que, ao mesmo tempo, ofrece moitas oportunidades de ocio. José, apaixonado do ciclismo, ten a tiro de pedal algunhas das cimas máis míticas do Tour de Francia, e aproveita sempre que pode para saír coa bicicleta. Salva engade: “Pasas cada fin de semana dun sitio para o outro; no CERN hai moita xente nova e organízanse moitísimas actividades en grupo: esquí, submarinismo… e hai clubes deportivos para que todo o mundo poida gozar do seu tempo libre”.
E volver a Galicia? “Non é que non queira volver, Pontevedra é a miña casa e tamén é preciosa, e para min como para moitos galegos, non hai outro lugar mellor, pero é que aquí estou moi ben“, di José. “Encántame isto: a zona, o estilo de vida… Pero por riba de todo, o traballo. Todo é moi tranquilo e, ao mesmo tempo, estás nun dos mellores lugares do mundo nos que podes traballar”. Salva tampouco pecha portas ao que poida deparar o futuro. “Agora mesmo estou moi contento aquí, pero non descarto probar no sector privado, na xeración de enerxía ou en motores eléctricos”.
O esforzo familiar
Ao igual que os irmáns Pérez González de Camposancos, os xemelgos galegos no CERN tamén teñen un recordo para o esforzo da súa familia. “O noso avó, que faleceu hai uns anos, tamén tivo que emigrar a Venezuela na busca de oportunidades. É algo que nós temos sempre moi presente, e que nos define a tantos galegos”, lembra José. “Se el soubera a onde chegamos, sabería que foi grazas a el, á miña avoa, aos nosos catro avós en xeral, e aos nosos pais>”.
Personas asi hacen sentir el orgullo de ser gallego y ciudadano del mundo. ¡¡Enhorabuena y gracias!!