A experta en bioquímica dos alimentos Carmen González, nova delegada do CSIC en Galicia

Releva a Javier Rey, quen cesa a petición propia. Continuará como director do proxecto da Casa da Ciencia do CSIC en Galicia

Este martes produciuse unha substitución á fronte da Delegación Institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia: Carmen González Sotelo, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) substitúe a Javier Rey Campos, da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), quen cesa a petición propia tras desempeñar o cargo desde setembro de 2021.

A nova delegada institucional exercerá, no ámbito territorial da comunidade autónoma, funcións de coordinación e representación ante outras institucións públicas e privadas e ante outros axentes de I+D+i con presenza no territorio, de dirección e xestión e de apoio á actividade de investigación, transferencia do coñecemento e a innovación, formación, difusión e promoción da cultura científica.

Publicidade

Carmen González Sotelo (Caracas, Venezuela, 1961) é licenciada pola Universidade de Navarra (1984) e doutora (1991) en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Realizou estancias de investigación no estranxeiro (Brandeis University EE.UU.; Torry Research Station ?çReino Unido- ou University of Texas Branch EE.UU), e gañou unha praza de científica titular do CSIC no ano 1998, a través da que comezou a traballar no IIM, dentro do grupo de Bioquímica dos Alimentos. En 2005 promocionou dentro da escala de persoal científico do CSIC a investigadora científica e en 2022 a profesora de investigación (pendente de nomeamento no Boletín Oficial do Estado).

Entre as súas liñas de investigación figuran o desenvolvemento de métodos de análises que permitan garantir a trazabilidade e a correcta etiquetaxe de produtos da pesca e acuicultura, a valorización de subprodutos de pesca e acuicultura, e en concreto o estudo do potencial do coláxeno e os hidrolizados de coláxeno provinte de residuos de pel en aplicacións biomédicas e cosméticas.

Publicidade

Autora de máis de 100 artigos de investigación publicados en revistas de alto impacto incluídas na base de datos Science citation index (SCI) e de tres patentes para a identificación de especies en conservas de produtos mariños. Participou en máis 15 proxectos de investigación de ámbito nacional e autonómico e en 11 proxectos da Unión Europea, sendo a investigadora principal de preto de 19 proxectos, entre os que figuran UE DNAIS e LABELFISH, dos que foi coordinadora.

Na actualidade, coordina SEATRACES, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico, no que participan 10 socios de 5 países europeos, e o proxecto do Plan Estatal SEAFOOD-IDE. En ambos se está traballando en metodoloxías que permitan a verificación da orixe xeográfica dos produtos da pesca e acuicultura, así como outros aspectos relacionado coa información que de maneira obrigatoria debe figurar nestes alimentos.

No ámbito da xestión, foi directora (2011-2015) do IIM, instituto do que tamén foi vicedirectora.

A Delegación do CSIC en Galicia

O CSIC contou case desde os seus inicios con Delegacións Institucionais nos diferentes territorios. En 1943 creáronse as de Galicia e Navarra e en 1985 estableceuse en Santiago de Compostela a sede da Delegación do CSIC na comunidade autónoma.

Á fronte de cada Delegación do CSIC hai un delegado institucional, funcionario de carreira dalgunha das escalas científicas (profesor de investigación, investigador científico, científico titular) de Organismos Públicos de Investigación. Noméao a Presidencia do CSIC e pode compatibilizar dita función co posto científico que viñese desempeñando até o nomeamento.

Até a data, houbo sete delegados institucionais en Galicia: José Manuel Gallardo Abuín (1985-1992), Mª Cruz Mato Igrexas (1992-2002), Amando Ordás Pérez (2002-2006), Uxío Labarta Fernández (2006-2012), Eduardo Pardo de Guevara e Valdés (2012-2019), Antonio De Ron Pedreira (2019-2021) e Javier Rei Campos (2021-2023).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Algas galegas para unha agricultura máis resistente á seca e á calor

O proxecto BIO-MARTERRA abre unha nova vía para valorizar subprodutos da industria alimentaria e ofrecer alternativas naturais ao sector agrícola

Do lixo ao fertilizante: a segunda vida dos residuos orgánicos en Vigo

O contedor marrón, impulsado polo Concello e FCC Medio Ambiente, permite separar os restos para transformalos en compost

A nova edición dos premios Zendal consolídase cun 11% máis de canditaturas procedentes de 14 países

As propostas, un total de 189, son de universidades, centros de investigación e hospitais de referencia internacional

Documentadas novas anomalías de coloración en peixes mariños de Galicia e Andalucía

A investigación describe tres exemplares con alteracións pigmentarias e outros tres casos posibles observados na ría de Vigo