Empreamar selecciona seis proxectos para emprender pensando no mar

A iniciativa Empreamar, que aposta polo aproveitamento sostible dos recursos mariños, acaba de anunciar os seis proxectos seleccionadas para que desenvolvan a súa idea de negocio, nesta edición na área de Moaña. Tras as primeiras fases de formación e de identificación de ideas de negocio sostibles, este martes o tribunal do programa elixiu os seis proxectos de negocio que pasarán á derradeira fase, a de preincubación.

A iniciativa céntrase nesta ocasión no municipio de Moaña

Empreamar, impulsada polo Campus do Mar, o Concello de Moaña e o Grupo de Acción Local do sector pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda, diríxese a emprendedores locais, maioritariamente desempregados, do sector da pesca e do mar, proporcionando asesoramento, titorización e apoio financeiro e de infraestruturas para estimular a creación de novas empresas sostibles no sector da pesca. O tribunal, composto por Elena Herbello, xerente do GALP7; Coral Ríos, concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Moaña; Cristina Quelle, coordinadora da Área de Transferencia do Campus do Mar; Carlos Ferro, profesor da Universidade de Vigo especialista en emprendemento e desenvolvemento empresarial e Jacobo García Durán, director de ViaVigo e especialista en emprendemento, valorou os dez proxectos presentados, seguindo criterios como a viabilidade técnica e económica, o carácter innovador, a sustentabilidade ou o impacto potencial no territorio, entre outros.

Publicidade

As e os membros do tribunal destacaron a calidade das ideas presentadas e valoraron moi positivamente o esforzo, creatividade e motivación das persoas participantes no programa. A partir de agora e ata febreiro de 2018, os proxectos gozarán dun espazo de traballo, de titorización para a redacción dos seus plans de negocio e, a través do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar, de asesoramento científico- técnico nas liñas relacionadas cos seus proxectos de negocio, da man de persoal especialista do ecosistema da I+D+i mariña de Galicia.

A edición de Empreamar en Moaña toma a remuda dunha primeira celebración, que arrancou en 2014 no territorio do GAC 4, nas vilas de Carnota e Porto do Son. Nela participaron 30 persoas da contorna, na súa maioría desempregadas, co obxectivo de converter as súas ideas emprendedoras nunha realidade. O programa deu os seus froitos, con oito empresas que desenvolven a súa actividade en diferentes eidos relacionados co mar.

Publicidade

As seis propostas: 

– A Galera Mariñeira: iniciativa de turismo mariñeiro e hostaleira.

– Mar reutilizable: proposta que buscará o aproveitamento e segunda vida para materiais de refugallo da actividade pesqueira.

– Smart Motor: proxecto que explorará a utilización de novas tecnoloxías para a mellora e optimización do funcionamento de motores náuticos.

– Hostel Real: posta en marcha dun hostel turístico en Moaña.

– Consultoría SIX: iniciativa especializada no asesoramento na planificación territorial coa axuda de ferramentas informáticas

– Polyana Cosmética: proxecto de elaboración de produtos cosméticos artesanais con ingredientes mariños.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade