O proxecto Conectee está enfocado a estudar en augas do Parque Nacional Illas Atlánticas a conectividade espacial e ecolóxica dos elasmobranquios costeiros na costa de Galicia. O obxectivo é avaliar e refozar a conservación exercida polo parque na diversidade de quenllas e raias.
O dos elasmobranquios costeiros é un grupo taxonómico especialmente relevante pola súa importancia para a frota pesqueira, xa que son especies explotadas pola frota artesanal en Galicia e teñen unha cota moi reducida, e polo tanto existen múltiples implicacións na sua xestión. Ademais son especies consideradas vulnerables. De feito, non hai moitos anos, a pesca da raia ondulata, unha das especies incluídas no proxecto, estaba prohibida para promover a súa conservación e o status da poboación.
“Utilizamos unha metodoloxía moi concreta e innovadora, como é a telemetría acústica submarina, dende hai moitos anos, desde o 2010-11, pero retomámolo no 2019, coa Fundación Biodiversidade, na convocatoria Pleamar. Instalamos unha rede fixa de telemetría acústica que nos permite abordar este tipo de cuestións de ecoloxía espacial en especies mariñas”, afirma Alexandre Alonso, director do proxecto Conectee.
Os espazos e o ciclo vital
“O rol que poden exercer as áreas mariñas protexidas na conservación destas especies pode ser moi relevante, pero para iso hai que entender o papel que estes espazos protexidos xogan na ecoloxía e diversidade desas especes”, engade Alonso. O proxecto indaga nestes espazos como factor no seu ciclo vital, para deste xeito aportar información que permitan aos xestores adaptar a protección á realidade ecolóxica e biolóxica destas especies.
“Tamén faremos estudos xenéticos para ver a estrutura poboacional das especies, que está ligada aos seus patróns de movemento”·, relata o director de Conectee. A rede de telemetría acústica instalada no parque e zonas adxacentes está integrada na rede European Tracking Network, que pretende centralizar todos os datos de Europa para facilitalos a toda a comunidade científica.
O proxecto Conectee está liderado polo Instituto de Investigacións Mariñas e ten unha duración de tres anos, 2022-2025.