Xoves 28 Marzo 2024

Na procura dun sistema estable

Conselleiro Jesús Vázquez AbadNo ano 2011 danse, de xeito simultáneo, dous pasos fundamentais no deseño dun modelo na investigación universitaria en Galicia que se vai  caracterizar pola súa estabilidade. Dunha banda apróbase o Plan de Innovación, Coñecemento e Crecemento (Plan I2C), que substitúe ao anterior Plan INCITE e, por outra, chégase a un acordo que se vería plasmado no Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia. Ambos os dous documentos, cunha vixencia ata o ano 2015, dotan dun marco de estabilidade e coherencia ao conxunto de accións precisas para desenvolver un modelo propio e diferenciado de investigación universitaria en tempo de crise. Polo tanto, e agora que estamos a piques de encarar o último ano da súa vixencia, é un bo momento para facer unha reflexión deste período.

O novo modelo que xurde no 2011 sitúa as persoas no primeiro plano. Os investigadores e investigadoras son a base e a pedra angular do sistema. A formación de calidade que se imparte nas universidades do SUG vese reforzada polos programas de formación desenvolvidos dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Como elementos máis relevantes cómpre sinalar que no primeiro estadio formativo, a etapa predoutoral, case 300 persoas están a realizar a súa tese de doutoramento nas universidades galegas mediante contratos estables de tres anos de duración financiados pola Xunta de Galicia. Simultaneamente outras 150  fórmanse xa como doutores durante dous anos no estranxeiro e teñen garantido un ano de contrato no seu retorno a Galicia.

Publicidade

Galicia está considerada unha das comunidades cun tecido investigador universitario máis estable e desenvolvido

Pero, no momento actual, a formación precisa ser complementada con incentivos que permitan a retención do mellor talento. Nese sentido indicar que dende o ano 2011 un total de 79 persoas estabilizáronse como investigadores nas universidades do SUG grazas ás axudas á estabilización que para o efecto estableceu a Consellería. Complementariamente hai un gran esforzo no apoio aos nosos mellores investigadores con proxección internacional mediante medidas específicas destinadas a aqueles que son exitosos en convocatorias europeas, como é o caso daquelas persoas que obtiveron axudas convocadas polo ERC.

Porén, os/as investigadores/as precisan dun contexto axeitado ás súas necesidades onde desenvolver o seu labor. Un traballo cada día máis complexo e coral no que atopa o seu sentido a segunda gran liña de actuación neste período: o financiamento estrutural dos grupos de investigación a través do programa de Consolidación. Este programa atende a máis de 100 grupos de referencia cunha financiación a 4 anos e a outros 150 cunha financiación a dous anos, sen esquecer o apoio aos investigadores máis noveis que, nun número próximo á centena, tamén se benefician destas accións. Finalmente, as necesarias interrelacións entre os grupos de investigación desenvólvense con axudas específicas para Redes (máis de 50) e Agrupacións estratéxicas.

A financiación de grupos de investigación permite desenvolver estratexias estables e ben definidas

Abundando na colaboración, e sendo conscientes de que o talento e a iniciativa individual requiren de contornos institucionais solventes e competentes, recentemente se teñen desenvolto tamén accións de reforzo positivo para aqueles Centros de Investigación Singulares existentes nas universidades do SUG que demostraran, a través da súa actividade e resultados, altos niveis de excelencia científica. O obxectivo é facilitar un financiamento estrutural que permita reforzar a súa capacidade para implementar programas de investigación e recursos humanos no ámbito do propio Centro, consolidando a súa posición de liderado internacional nas correspondentes áreas científicas de especialización.

Á vista do exposto cabe concluír que, nun período especialmente complicado, Galicia como comunidade autónoma soubo estar situada na vangarda da investigación universitaria española sendo un dos escasos exemplos nos que as axudas se convocaron de xeito regular todos os anos, sen menoscabo nos seus orzamentos, o que sen dúbida permitiu consolidar e mellorar notablemente o tecido investigador existente.

Un futuro desexable debería, a partir do 2016, manter a estabilidade do período anterior pero indo un paso máis cara adiante: afondar na necesaria especialización intelixente da investigación no SUG de xeito que sexamos competitivos no marco da xestión de Fondos Europeos neste período e consolidando, na sociedade galega, as repercusións positivas das investigacións acometidas polas universidades.


*Xesús Vázquez Abad ocupou o cargo de conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ata o pasado 10 de febreiro de 2015.

3 COMENTÁRIOS

  1. Unha mentira tras outra, este conselleiro carece de credibilidade!!
    A educación é un ermo tras o paso deste PP pola Xunta, desmantelan a Universidade do mesmo xeito que xa destruiron o ensino primario e secundario.

  2. Non sei qué entede este ….. co de reter talento. Coas políticas desta xente Galiza é referencia ao respeito de expulsar talento, batendo tódolos records da galaxia.

  3. E non haberá ninguén que lle responda a este “conselleiriño” coma merece ?
    A partir do 2016 veremos o que queda do sistema universitario galego !!!
    Pois no Ensino Secundario xa sabemos o que deu de sí este “anano” !

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia cumple un año como medio digital de referencia en Galicia

La web de la ciencia gallega celebra su primer aniversario consolidada entre los ocho primeros diarios de Galicia en Internet y primer nativo digital

GCiencia cumpre un ano como medio dixital de referencia en Galicia

A web da ciencia galega celebra o seu primeiro aniversario consolidada entre os oito primeiros diarios de Galicia en Internet e primeiro nativo dixital

Excellent Oportunitas

O primeiro aniversario de GCiencia bríndame unha dobre oportunidade. Dunha banda permíteme...

Divulgar ciencia no es tarea fácil

La divulgación científica tiene como finalidad hacer accesible la ciencia al...