O traballo de Antonio Salas achega luz sobre os movementos das civilizacións de América que construíron lugares como Macchu Picchu.
O traballo de Antonio Salas achega luz sobre os movementos das civilizacións de América que construíron lugares como Macchu Picchu.

As veas abertas da xenética de América Latina

“O ADN nativo americano segue estando presente alá onde mires”, explica Antonio Salas, científico da Universidade de Santiago de Compostela especializado en Xenética de Poboacións, unha disciplina que é quen de estudar a historia de continentes enteiros grazas ao xenoma dos seus habitantes. Salas coordinou, xunto ao investigador do CHUS Federico Martinón, un estudo que achega novos datos sobre o proceso de expansión do ser humano pola América precolombina, e que acaba de ser publicado na revista Genome Research.

É un traballo “fascinante“, segundo explica Salas. A través da análise de milleiros de individuos que representan á poboación indíxena americana e dos datos dispoñibles en repositorios xenéticos e da literatura científica, Salas, Martinón e o resto de investigadores do equipo, galegos, italianos e estadounidenses, axudaron a escribir con mellor letra a historia do continente.

É un traballo “fascinante”, di Salas, xa que permite reconstruír os movementos da poboación precolombina

Ese ADN dos nativos que comezaron a espallarse por América hai 12.000 anos pervive nos cidadáns de hoxe en día, sobre todo nas consideradas poboacións indíxenas, pero xa dentro dun mosaico xenómico moi complexo e mestizado, mesturado ao longo dos séculos pola conquista europea e o tráfico de esclavos, que Salas estudou tamén a fondo. Observando estes individuos, “o xenetista pode reconstruír estes crebacabezas xenómicos e facerse unha idea bastante boa de como era o xenoma das poboacións indíxenas. Rescatar estas pezas é como abrir unha ventá ao pasado”, explica Salas.

A importancia dos Andes

A formación deste perfil xenético está marcada en gran medida pola cordilleira que atravesa o continente de norte a sur. E o traballo dos investigadores galegos intenta caracterizar, por primeira vez, o fluxo xenético ao longo dos Andes. Os primeiros poboadores de América avanzaron polo continente en dúas vías: unha, polo Pacífico, de forma paralela á cordilleira andina; e outra, polo Atlántico, tamén a través da liña de costa, e illados tamén pola inabarcable selva do Amazonas.

Poderiamos falar deste xeito de ‘dúas Américas’? “En certa medida pode dicirse que si”, apunta o xenetista galego. Lembra que hai uns anos, nun artigo publicado en Nature en colaboración coa universidade de Harvard, xa defendían esta hipótese. E logo viñeron uns traballos na mesma dirección, que reforzan cada vez máis esta idea.

O estudo reforza a idea de dúas vías de colonización de América: ao longo dos Andes e polo Atlántico

Esta idea de dúas Américas que avanzaron por cadansúa parte refórzase coa lingüística. “As poboacións dos Andes pertencen fundamentalmente á familia lingüística coñecida como Andina, mentres que o resto forman a familia Ecuatorial-Tucanoa“.

Porén, estes camiños separados por milleiros de quilómetros, segundo explica Antonio Salas, xuntábanse no sur. E na investigacion estúdanse tamén estas pequenas mesturas. “O resultado foi sorprendente: tan só atopamos fluxos transandinos en zonas concretas. Por exemplo, no noroeste de Arxentina, obsérvase un fluxo que encaixa ben coa documentación histórica, que describe o sometemento dos diaguitas polos pobos incas en época recente. E tamén houbo fluxo xenético máis ao sur, onde viven os mapuches, a ambos lados dos Andes, na parte chilena e na arxentina.

A xenética e a historia

Outro dos aspectos relevantes foi “o gran paralelismo” que detectaron os científicos entre os datos xenéticos e os datos arqueolóxicos. Neste punto, confirmouse o papel do Altiplano peruano como a “zona máis activa desde o punto de vista demográfico” desde as primeiras etapas da presenza humana en Sudamérica”.

A importancia deste lugar, a priori hostil para o desenvolvemento de grandes civilizacións debido ao seu clima, é un dos focos nos que pretenden continuar estas investigacións do futuro. Pregúntase Antonio Salas: “Como se entende que os Andes foran o centro neurálxico dalgunhas das civilizacións máis exitosas da humanidade e, ao tempo, durante miles de anos, apenas se difundiron fóra do seu ecosistema predominantemente de altura? Isto require un sistema adaptativo único que che permite medrar e facerte forte nese hábitat, pero ao mesmo tempo limita as túas posibilidades de conquistar e explorar ecosistemas diferentes. Eses trazos adaptativos non teñen por que manifestarse só no fenotipo, nas características externas, senón que tamén se expresan no metabolismo, na fisioloxía, etc.”. A historia escríbese tamén desde a xenética.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.