Imaxe da obra. Fonte: Ministerio de Cultura.

Atopan en Toledo un texto das Sete Partidas en galaico-portugués

Un dos tres únicos fragmentos da V Partida de Afonso X o Sabio que se conservan na súa versión en galaico-portugués foi achado no Arquivo Histórico da Nobreza de Toledo. O presente documento foi seleccionado como unha das principais pezas para a exposición conmemorativa dos 25 anos de existencia deste arquivo.

Debido ao rechamante da súa escritura, ao seu notable sabor medieval e ao peculiar do seu achado, o equipo deste centro quixo compartir tal documento facéndoo figurar na sección ‘Algo para contemplar’ da mencionada exposición, onde poderá ser aprezado ata a fin de 2018, segundo informa o Ministerio de Cultura na súa páxina web.

Alfonso X O Sabio.
Afonso X O Sabio.

As Sete Partidas forman un gran corpo lexislativo redactado durante o reinado de Afonso X (1252-1284) a fin de unificar todas as disposicións xurídicas dos seus reinos. Orixinalmente chamado Libro das Leis, no século XIV recibiu o seu nome actual, baseado nas seccións nas que se divide.

Para comprender o sentido da obra lexislativa é importante considerar o chamado ‘dato do Imperio’, é dicir, a aspiración de Afonso X de obter a coroa do Sacro Imperio Romano Germánico, para o que necesitaba dispoñer dun texto xurídico con validez universal, afán unificador e aplicable a todo o Imperio.

As Partidas toman como principais fontes xurídicas o Dereito romano, canónico e feudal, inspirándose en varias compilacións como o Corpus Iuris Civilis, as Decretales de Gregorio IX, a obra de San Raimundo de Peñafort e varios foros casteláns.

Ademais, ten claras influencias de Aristóteles, Séneca, San Isidoro de Sevilla e Santo Tomé de Aquino. As Partidas comprenden o saber xurídico medieval e tratan materias de dereito constitucional, civil, penal, mercantil e procesual.

A Quinta Partida presenta 15 títulos e 374 leis que abordan os contratos privados que o home pode efectuar ao longo da vida. Entre as súas disposicións, destacan as referidas aos contratos de mutuo, que prohibían a usura, de comodato e de depósito, as doazóns, compravendas, permutas, arrendamentos e as compañías ou sociedades, ademais da regulación das fianzas e os denominados peños ou hipotecas.

A Quinta Partida trata tamén o pago e a cesión de bens, e compleméntase con diferentes normas de dereito mercantil referidas aos contratos mercantís e os comerciantes.

Este documento, pertencente ao arquivo dos duques de Osuna, presenta unha notable singularidade debido a que só se conservaron tres fragmentos correspondentes á Quinta Partida na súa tradución galego-portuguesa, lembra o Ministerio.

Este exemplar está escrito en pergamiño que foi utilizado como encadernación para un volume manuscrito de contas da administración da Casa do duque de Béjar.

As outras dúas pezas que transmiten varias seccións da Quinta Partida están depositadas no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela (Col. Branco Cicerón, Perg. 202) e no Museo de Pontevedra (Col. A. Xeneral, 9-12 capa. Planero, 12-14).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.