Mércores 24 Abril 2024

Os raios cósmicos axudan a datar a presenza de viquingos en América no ano 1021

A análise de restos de madeira cortada nun asentamento de Terranova 29 anos despois dunha tormenta solar permite concretar o tempo da presenza viquinga

Aínda que o ano 1492 siga utilizándose como un antes e un despois para abordar a relación entre Europa e América, é sabido desde hai tempo que os viquingos, como quedou escrito nas súas sagas, foron os primeiros habitantes do Vello Mundo en pasar ao outro lado do Atlántico. Ata agora, o único sitio confirmado en Norteamérica era o xacemento de L’Anse aux Meadows (Enseada das Medusas) en Terranova, onde se descubriron nos anos 60 do século XX os restos dun asentamento dos pobos nórdicos europeos. Pero un estudo publicado esta semana en Nature por investigadores da Universidade de Groningen (Países Baixos) ponlle data exacta a esta presenza: fai exactamente 1.000 anos, no 1021, algún viquingo cortou unha árbore no lugar e a súa pegada permaneceu ata hoxe.

Aneis alterados por unha tormenta solar

Como é posible dicilo con tanta precisión? Entre os anos 992 e 993 tivo lugar unha das meirandes tormentas solares das que existe constancia. Este evento, que transportou ata a terra un feixe de raios cósmicos, deixa pegada. É posible calculalo a través dun coñecidos indicadores que se utilizan para datar a antigüidade das árbores: a dendrocronoloxía, a medición dos aneis concéntricos que van medrando co paso do tempo, xa que durante estas tormentas solares aumenta a concentración do isótopo do carbono-14 na atmosfera. E, a través da fotosíntese, as árbores desenvolven ‘cicatrices’ polas variacións nos isótopos de carbono.

Publicidade

No caso das madeiras do asentamento de Terranova (un abeto, un xenebreiro e unha tuia), abonda con facer unha sinxela operación a partir do cálculo da parte máis externa dos tres anacos que os científicos utilizaron para a súa análise. E foron contando, un a un, desde o anel alterado polos raios cósmicos ata o momento no que os viquingos cortaron as árbores para facer as casas: así obtiveron 29 aneis, que axudaron a datar 1021 como o ano no que se cortaron os anacos.

Detalle ao microscopio dunha das madeiras talladas polos viquingos. Foto: Universidade de Groningen.
Detalle ao microscopio dunha das madeiras talladas polos viquingos. Foto: Universidade de Groningen.

“O significativo aumento na produción de radiocarbono que aconteceu entre 992 e 993 detectouse en aneis de árbores de todo o mundo”, explica Michael Dee, profesor de cronoloxía isotópica na Universidade de Groningen.

A conclusión de que eran viquingos susténtase, ademais, en que naquel momento os poboadores de Norteamérica non coñecían a metalurxia, e os cortes observados na madeira, moi limpos, só poderían estar feitos con artiluxios metálicos que os viquingos si usaban daquela.

Con todo, segue habendo incógnitas por resolver sobre a presenza dos viquingos en América, alén desta datación de enorme precisión. As evidencias dispoñibles suxiren que estas incursións foron breves, e o que se sabe delas aparece nas sagas islandesas, que non deixan de ser historias transmitidas de forma oral e que só se escribiron séculos despois dos acontecementos reais.


Referencia: Evidence for European presence in the Americas in ad 1021 (Publicado en Nature).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Así se conserva o ‘Titanic’ galego: “Parece que se afundiu onte”

O obxectivo da investigación Ría de Viveiro I é comprender como vivían as entidades poboacionais e a influencia do mar na súa evolución