Venres 26 Abril 2024

O CSIC analiza os lingotes de ouro e prata dos castros prerromanos

A investigación do Incipit e do Instituto de Historia permite constatar que algúns metais nobres foron importados na Gallaecia a partir da conquista latina

O Consello Superior de Investigacións Científicas, a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit, Santiago de Compostela) e do Instituto de Historia (IH, Madrid), publica en “Archaeological and Anthropological Sciences” a primeira aproximación sistemática á composición química de lingotes castrexos en metais nobres, tomando como obxecto de estudo 40 exemplares achados de xeito casual ou en escavacións arqueolóxicas de castros de Galicia e norte de Portugal.

A investigación, dirixida por Xosé Lois Armada (Incipit) e Óscar García Vuelta (IH), permitiu identificar dous grandes grupos de lingotes: os elaborados mediante unha aliaxe de ouro, prata e cobre e os conformados por prata.

Publicidade

“O estudo arqueolóxico dos lingotes gañou importancia nos últimos anos. A ourivaría dos castros do Noroeste Ibérico é unha das máis relevantes de Europa occidental, tanto polo número de achados como pola súa orixinalidade. Con todo, ata o momento, escasean estudos sobre os lingotes e outras formas de acumulación de materia prima. Neste contexto, realízase esta investigación”, explica Xosé Lois Armada, investigador no Incipit, quen desenvolve desde fai máis dunha década unha liña de traballo sobre metalurxia antiga, entre cuxos fitos consta a datación por carbono 14, por primeira vez no ámbito peninsular, de testemuños de produción ourive.

A investigación realizouse no marco do proxecto “Innovación tecnolóxica, circulación do metal e artefactos metálicos de prestixio na Europa atlántica (séculos XIII-I a. C.)”, financiado por GAIN-Xunta de Galicia e entre cuxas actividades de comunicación social figura a exposición “Cinco vidas, unha historia” sobre a colección de artefactos metálicos do Bronce Final da Universidade de Santiago de Compostela. Os principais resultados da investigación son tres.

En primeiro lugar, observouse que a composición dos lingotes de ouro, prata e cobre non coincide coa das xoias castrexas.

“Antes da conquista romana, as comunidades castrexas obterían o ouro mediante o bateado nos leitos dos ríos. Esas pebidas de ouro contiñan prata, pero ao elaborar as xoias con frecuencia eran engadidas cantidades adicionais deste metal, que seguramente sería importado porque os recursos arxentíferos do noroeste son pouco abundantes e non existe constancia da súa explotación na antigüidade”, apunta Xosé-Lois Armada.

Tesourillos de Calvos de Randín e de Recouso.

En segundo lugar, os lingotes están elaborados con cantidades de prata e cobre superiores ás documentadas nas xoias. “Nos momentos máis avanzados da ourivaría castrexa, coincidindo coa conquista romana (137-19 a. C.) e no primeiro século de nosa era, documéntanse algunhas xoias con núcleos interiores elaborados en metais menos nobres (prata ou bronce) aos que logo se daba aparencia áurea mediante técnicas de dourado superficial. Consideramos que os lingotes obxecto de estudo poden pertencer precisamente a este momento”, interpretan os investigadores. “A reciclaxe destas xoias si podería dar lugar a composicións como as que atopamos nos lingotes”, sinala Óscar García-Vuelta, responsable técnico de microscopía electrónica do IH e experto en ourivaría castrexa.

En terceiro lugar, constatouse que a dispersión xeográfica dos dous grupos de lingotes é diferente: o primeiro grupo (oro-prata-cobre) localízase en Galicia, predominantemente na súa zona central e norte da provincia de Lugo, mentres que o segundo grupo (prata) concéntrase no sur de Galicia, norte de Portugal e occidente de Asturias.

Estas diferenzas poderían deberse a procesos culturais distintos en relación co avance da presenza romana no noroeste ibérico. A área meridional (norte de Portugal e sur de Galicia) estivo máis sometida ao control e influencia de Roma, sufrindo as incursións das súas tropas a partir do último terzo do século II a. C, o que puido estimular o fluxo de metal entre ambas as partes, a circulación de prata nas zonas de conflito e unha transición máis prolongada das formas premonetales de intercambio á monetización.

A área setentrional, en cambio, mantívose máis afastada destas influencias, cun maior peso das tradicións locais, entre elas a ourivaría, e un contacto algo máis tardío –xa en época augustea- coa economía monetal. Así, os lingotes de prata poderían ter unha dobre función de materia prima para a produción metalúrxica e elemento premonetal, e os de aliaxe de ouro, prata e cobre estarían destinados á primeira destas funcións, segundo conclúen os autores do estudo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte