Poemas de Nicolasa Añón coa caligrafía de Jacobo Lema.

Nicolasa Añón, a poeta galega que non sabía ler nin escribir

Labrega e analfabeta, ata 2014 non se atopou o manuscrito dos seus poemas que ditou a un mestre de escola dous anos antes de morrer

“Estos versos mal compostos
son de Nicolasa Añón
que non tivo máis principios
que os que tivo o ligón”

O 28 de febreiro de 1810 nacía no concello de Outes Nicolasa Añón Paz, recoñecida hoxe como unha pioneira da poesía, aínda que xamais escribiu nada do seu puño e letra, porque era analfabeta, como a inmensa maioría dos galegos da súa época. Os seus 77 anos de vida pasounos traballando no agro. Foi labrega ata a súa morte, no ano 1887, na mesma casa onde nacera. Pero, dous anos antes de falecer, en 1885, un mestre de escola aceptou que lle ditase un feixe de poesías, que hoxe constitúen a única mostra da súa obra, que ademais estivo parcialmente inédita ata o ano 2014.

A singular historia de Nicolasa, a poeta que non sabía ler nin escribir, chegou ao gran público cando o escritor o escritor Ramón Blanco Fernández atopou casualmente, en outubro de 2012, parte do seu poemario, mentres presentaba en Serra de Outes un libro seu sobre Francisco Añón Paz, xornalista, precursor do Rexurdimento cultural galego no século XIX e irmán da poeta analfabeta. Dous anos máis tarde, no 2014, facíase público o manuscrito do antigo mestre de escola cos versos da poeta.

Portada do manuscrito atopado por Ramón Blanco.

A vida de Nicolasa foi como a de calquera galega dunha familia de labregos no século XIX. Naceu e morreu na mesma casa, entregou a súa vida ao campo e ás tarefas domésticas, e non puido viaxar moi lonxe do seu terruño. Casou o 23 de xuño de 1829 con Pedro Buján Coiradas, tamén de Outes, e tivo tres fillos: Jesús, Eduardo e José.

Nicolasa era analfabeta, cousa habitual entre os campesiños e as mulleres do tempo. Pero cando cumpriu os 75 anos de idade, en 1885, conseguiu poñer sobre o papel os poemas que tiña composto na súa cabea durante décadas e que sabía de memoria. O fillo primoxénito de Nicolasa, Jesús, era crego en Dumbría e convenceu ao mestre da vila, Jacobo Lema Fernández, para que a visitase na súa casa e tomase nota dos seus versos.

O texto resultante está formado por catro poemas en castelán e dous máis en galego, de certa extensión e de temática relixiosa; só un dos poemas, en galego, apártase desta temática e recolle a visita que fixera o rei Afonso XII a Santiago de Compostela.

Casa natal de Nicolasa Añón, en Outes. Foto: Galipedia.

Ao ano seguinte de transcribir os seus versos, a figura de Nicolasa espertou certo interese público. Así, en 1886, o xornalista noiés Lisardo Rodríguez Barreiro visitouna na súa casa e conseguiu que lle recitase algunhas poesías. Na súa crónica, publicou a dedicada ao rei Afonso XII: “Señor, non lle valen nada, porqu’eu maxinos así coma quen non quer a cousa, mentras debullo n’o millo ou acomerando as vacas”.

Nicolasa morrería ao ano seguinte, en 1887.Na casa de Outes onde nacera hai unha placa, pero só recorda ao seu irmán poeta Francisco Añón.

Máis tarde, o xornalista Manuel Ossorio y Bernard dedicoulle unha entrada na súa obra ‘Apuntes para un diccionario de escritoras españolas del siglo XIX’, publicado en cinco capítulos na revista cultural La España Moderna, entre setembro de 1889 e maio de 1990.

Ninguén volve a mencionar a Nicolasa ata 1963, cando Ricardo Carballo Calero publica a súa Historia da literatura galega contemporánea. Xesús Alonso Montero dálle unha entrada na Gran Enciclopedia Galega.

Pero a revolución chega grazas ao escritor Ramón Blanco, quen descubre o manuscrito de Jacobo Lema cos poemas que lle ditara Añón.

Aquí podes consultar a biografía que Ramón Blanco escribiu sobre Nicolasa Añón no Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.