Xoves 28 Marzo 2024

Ksado, o fotógrafo das Estampas de Galicia de 1936

Creou un álbum do país con máis de 400 fotografías que podían adquirirse como cromos e tiveron grande éxito

Luís Casado Fernández é un dos grandes da fotografía en Galicia. Autor artístico e popular, foi moi recoñecido no seu tempo. Nacido en Ávila en 1888, desenvolveu a súa carreira dacabalo entre Vigo e Santiago, onde faleceu en 1972. E, entre o seu amplo legado, queda unha obra única, as súas Estampas de Galicia, un orixinal libro de fotografías que quería retratar o país a través de 405 imaxes que podían comprarse soltas e pegarse no seu álbum como cromos. A Guerra Civil en 1936 frustrou a continuación do proxecto, pero aquel traballo é aínda unha pequena xoia para todos os que o posúen.

Luís Casado.

O fotógrafo aprendeu o oficio de José Pacheco, dunha dinastía de fotógrafos que chegou de Portugal primeiro a Ourense e logo a Vigo. Como nome artístico, adoptou o de Ksado, que era como asinaba as súas fotos. Trasladado a Santiago de Compostela, alí foi o responsable de fotografía do xornal Galicia en 1915 e abriu estudo no número 23 da rúa do Vilar.

Publicidade

Apaixonado da técnica, en 1919 fixo unha viaxe a París para conseguir novos materiais. A partir de 1922, Ksado abre o seu estudo na rúa do Príncipe, en Vigo, onde se traslada a vivir. E aquí lanza a súa carreira, colaborando con diarios e revistas e integrándose na vangarda artística e cultural de Galicia.

Ao longo da súa vida, as súas fotos aparecerán en ABC, La Vanguardia, Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, Vida Galega ou La Esfera. Tamén en xornais americanos como o arxentino La Nación. Tamén publicou na revista Nós, ademais de ser un activo participante no Seminario de Estudos Galegos.

En 1927, lanza a primeira versión dun álbum de fotografías. Será “Estampas Compostelás”, publicado en 1927. Pouco despois chega a súa obra máis recoñecida: “Estampas de Galicia”, que se publica en 1936, no que Ksado fai unha selección de 405 imaxes de vistas, paisaxes e monumentos galegos.

Presentadas en formato de cromos, o propio fotógrafo recoñece no prólogo que quere ofrecer “cun alarde de riqueza fotográfica, as belezas urbanas, panorámicas, costumistas e monumentais de Galicia”. Tiráronse 10.000 exemplares, que tiñan por obxecto atraer o turismo ao país. De feito o Padroado Nacional de Turismo adquiriu boa parte das súas imaxes. Pero, ao mesmo tempo, serven tamén como un testemuño etnográfico e cultural do país, do que Ksado busca a súa identidade a través das fotos.

O álbum de Estampas de Galicia.

Así o definía Faro de Vigo cando se presentou o álbum: “É a obra máis perfecta que se fixo en relación co turismo na nosa rexión”. E na introdución dicía o propio Ksado: “Ao ofrecer este gran expoñente dos auténticos valores da rexión, ao presentar por vez primeira, cun alarde de riqueza fotográfica, as belezas urbanas, panorámicas, costumistas e monumentais de Galicia, guiou aos seus realizadores o propósito de satisfacer amplamente o vivísimo anhelo de milleiros de entusiastas galegos -de aquí e de*Ámerica- de contar cunha obra completísima, presentada con decoro artístico e material, que condensa canto de grandioso, aleccionador e emotivo constitúe a traxectoria da raza, nos seus múltiples aspectos. Este álbum, pretende ser por mérito propio, polo agarimo que foi concibido e editado, un dos imáns para atraer a milleiros de turistas cara a Galicia”.

Non cabe dúbida de que serviu ademais para emocionar á Galicia emigrante. É doado imaxinar as bágoas daqueles galegos que, na Habana ou Buenos Aires, recibían aqueles cromos de Ksado onde podían contemplar a súa terra, que quedara atrás para sempre.

Algúns estudiosos afirman que Ksado buscaba unha identidade de país para Galicia, recorrendo á mitoloxía celta, e é neste contexto no que debe valorarse as Estampas de Galicia.

Paralelamente, no plano internacional, deuse un crecente interese polo primitivismo, o que tamén influíu neste achegamento á cultura celta. A amizade de Ksado con personalidades de tendencia galeguista e os grupos procélticos reforzaría esta interpretación. O certo é que, coa Guerra Civil, tanto o álbum de Estampas de Galicia como a actividade de Ksado resentíronse enormemente.

Pechou a súa tenda en Vigo e trasladouse a Compostela, onde se dedicou basicamente ao retrato. Con todo, tivo en vida un grande recoñecemento, con exposicións en Buenos Aires ou Madrid, onde houbo unha antolóxica no Palacio de Cristal.

Para moitos, foi o primeiro fotógrafo galego considerado un artista polos seus propios contemporáneos. Luís Casado Fernández faleceu en Santiago en 1972. Pero a obra de Ksado permanece viva. Sobre todo nestas catrocentas fotos que nos fan viaxar ao pasado nas súas Estampas de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.