‘A memoria viva’, un testemuño documental do Centro Galego da Habana

O audiovisual, gravado na capital cubana en decembro, repasa a historia da institución e o seu emblemático edificio a través dos seus protagonistas

GCiencia estreou este 26 de febreiro ‘A memoria viva’, un documental sobre a historia do Centro Galego da Habana e a súa emblemática sede narrada co testemuño dos seus propios protagonistas. O audiovisual, dirixido polo xornalista Pablo López, codirector de GCiencia, foi gravado en decembro na capital cubana, e este sábado será lanzado a través das plataformas GaliciaAberta da Secretaría Xeral da Emigración e na web de Política Lingüística da Xunta. Pode verse ennas súas canles de Facebook e YouTube.

O Gran Teatro da Habana Alicia Alonso, unha das principais institucións culturais da capital cubana e icona arquitectónica da cidade, é herdanza directa da sede do Centro Galego da Habana, recinto dun enorme valor simbólico para Galicia e a súa emigración.  A Sociedade de Beneficiencia de Naturais de Galicia comprou en 1906 o antigo Teatro Tacón —na súa época o máis grande e luxoso do continente americano—para e levantar na súa contorna gran edificio que loce nun lugar estratéxico da cidade, obra do arquitecto belga Paul Beleu e inaugurado en 1914.

Centro Galego da Habana.
Centro Galego da Habana, coñecido na actualidade como Gran Teatro Nacional Alicia Alonso. FOTO: P. L.

Alí instalou a súa sede o Centro Galego da Habana, que fixo do lugar un punto de encontro da abundante e próspera colonia galega na capital cubana. Era un complexo que comprendía non só o teatro, senón tamén salóns de baile, casino, salóns de xogos, oficinas, caixa de aforros, tesourería, restaurantes e cafés. Aquel impoñente edificio albergaría momentos cruciais para a historia de Galicia, como a primeira interpretación do Himno galego. O Centro Gallego chegou a ter 51 delegacións na illa, 64.000 socios e máis presuposto que o goberno habaneiro, e exerceu influencia directa noutros dous grandes fitos da Galicia actual: a súa bandeira e a creación da Real Academia Galega.

Símbolo do galeguismo no mundo

Ese símbolo do galeguismo no mundo, lugar elixido polo expresidente dos Estados Unidos Barack Obama para pronunciar un histórico discurso de reencontro, seguiu sendo coñecido para moitos cubanos como o Centro Galego da Habana, mesmo despois de que o edificio fose nacionalizado pola Revolución, e incluso do seu rebautizo en 2016 como o Alicia Alonso.

O edificio conserva un esplendor que remite a época de prosperidade da colonia galega en Cuba

Transcorridos máis de cen anos desde a súa inauguración, o recinto conserva un esplendor que remite a aquela próspera colonia da nosa comunidade autónoma que triunfaba cos seus negocios na illa caribeña. Froito do acordo alcanzado pola Revolución cos seus antigos propietarios, o edificio acolle aínda na actualidade a sede de institucións herdeiras do Centro Galego da Habana, como son a propia Sociedade de Beneficiencia e as Sociedades Galegas de Cuba, senllos organismos que albergan nos seus arquivos un auténtico tesouro, reflexo non só daqueles anos en que a emigración galega supoñía máis dun terzo da colonia española en Cuba, senón tamén das etapas posteriores e mesmo da actual.

Alí seguen traballando emigrantes ou fillos de emigrantes que foron testemuñas da última etapa do Centro Galego da Habana antes da chegada ao poder de Fidel Castro, persoas de idade avanzada pero coa memoria fresca cuxos testemuños son probablemente os únicos que se poden aínda recabar sobre aquela época de esplendor do núcleo do galeguismo en Cuba.

O audivisual propón recuperar unha historia crucial do patrimonio cultural de Galicia e poñela en imaxes

Recuperar esta historia crucial do patrimonio cultural de Galicia e poñela en imaxes é o principal obxectivo do audiovisual, un documental de 15 minutos de duración gravado no actual Gran Teatro da Habana Alicia Alonso e coas testemuñas dos traballadores que coidan deses valiosísimos arquivos, pegadas vivas daqueles últimos anos previos á Revolución, nos que o Centro conservaba todo o seu esplendor.

A obra foi realizada para o Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 de contidos creativos de interese cultural, lingüístico e turístico, dentro do Plan de reactivación nos sectores turístico e cultural da Consellería de Cultura e Turismo fronte aos efectos da Covid-19.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.