O cráter Viveiro, no planeta Marte.

O cráter Viveiro, no planeta Marte.

Un cráter do planeta Marte leva o nome de Viveiro

En 1979, a Unión Astronómica Internacional bautizou un cráter de 29 quilómetros co nome deste municipio de Lugo

Marte, o planeta vermello.

Marte, o planeta vermello.

Hai dúas formas de ir a Viveiro: desprazarte ata a Mariña Lucense ou tomar unha nave espacial para percorrer, como mínimo, 59 millóns de quilómetros. Esa é a menor distancia posible entre Marte e a Terra, cando as súas órbitas coinciden en oposición e perihelio.

Porque Viveiro é unha fermosa poboación de 16.000 habitantes situada na costa de Lugo. Pero, tamén, o nome dun cráter marciano, de 29 quilómetros de diámetro, bautizado pola Unión Astronómica Internacional en 1979 en homenaxe ao municipio galego.

Viveiro está situado nas coordenadas 49 graos norte e 118 oeste na cartografía de Marte. E está rodeado doutros cráteres con nomes de vilas do mundo, como Bulhar (Somalia), Kumara (Nova Zelandia),Chincotengue (EUA) e Kufra (Libia).

O nome de Viveiro responde a unha decisión da Unión Astronómica Internacional, que en 1979 quixo poñer orde na toponimia marciana. O éxito das misións Mariner da NASA, permitiran cartografar o planeta vermello. O maior éxito obtívoo a Mariner 9, que en 1971 se converteu na primeira nave espacial en orbitar outro planeta. Un ano estivo a fotografar Marte e o resultado foi un mapa con miles de accidentes xeográficos que carecían de nome.

A xolda da toponimia da Lúa

Coa Lúa, a toponimia xa fora historicamente unha xolda. Dende que Leonardo Da Vinci trazou os primeiros debuxos a simple vista, en 1505, moitos quixeron poñer nome a esas terras e mares recén descubertas. En 1600, un tal William Gilbert, médico da raíña Isabel I de Inglaterra, bautizou o Mar da Crise como Britannia. En 1645, Michael Florent van Langren, cosmógrafo da Corte de Felipe IV, xa usando un telescopio decidiu facer a pelota ao seu rei e bautizar os mares lunares con nomes como Felipe IV, Mar Austríaco ou Mar Borbónico.

Así que, en 1920, cando a fotografía permitiu mapas máis precisos, a Unión Astronómica Internacional puxo orde na Lúa e encargou unha obra, “Named Lunar Formations”, que saíu publicada en 1935 e que segue hoxe vixente como a toponimia oficial selenita.

O Viveiro marciano xurdiu cando se decidiu dar nomes de vilas ós cráteres medianos 

Con Marte, a lea durou algo máis de tempo. E fíxose urxente unha ordenación a raíz dos éxitos das sondas Mariner. Oliver Morton, autor da obra “Mapping Mars” sobre estas misións espaciais dos anos 70, recorda que o astrónomo Brad Smith, membro do equipo da Mariner 9, deixou moi claro que facían falta nomes ante tanta foto e tanto cráter: “É demasiado difícil discutir sobre aquel volcán da esquerda ou aquel outro da dereita. Á xente gústalle poñer nomes ás súas mascotas, non chamalos: ‘ Eh, ti! ‘, ou ‘ Oe, can! ‘ ”

A sonda Mariner 9.

A sonda Mariner 9.

Así que a Unión Astronómica Internacional decidiu poñer aos cráteres grandes o nome de científicos mortos ou escritores como H.G. Wells, autor de “A guerra dos mundos”, que tivesen popularizado ao planeta Marte. Os pequenos cráteres recibirían nomes de pequenas poboacións da Terra, sempre que non superasen os 100.000 habitantes.

Por esta razón, Viveiro entrou na cartografía marciana. O seu cráter, de 29 quilómetros de diámetro, pode verse en Google Mars. E mesmo podemos ver a foto que a Mariner 9 fixo del e que é a que ilustra esta reportaxe. Ademais, a web da Unión Astronómica Internacional dedica esta completa páxina ao Viveiro marciano.

2 respostas a “Un cráter do planeta Marte leva o nome de Viveiro”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.