Ilustración publicada por
Ilustración publicada por "El Pueblo Gallego" o 17 de xullo de 1969.

Galicia, 20 de xullo de 1969: así se viviu a chegada á Lúa

A expectación polo acontecemento e o alarmismo ante o descoñecido xeraron curiosas situacións que recolleron os xornais naqueles días

Era un domingo de verán en Galicia, días despois das festas do Carme en moitas vilas mariñeiras. Unha Galicia, a de 1969, cuxas aldeas xa se estaban vaciando a gran velocidade, enchendo as urbes. Vigo, por exemplo, medraba a un ritmo de 5.000 habitantes por ano: dos 144.000 de 1960 aos 197.000 de 1970. Ese mesmo domingo, 20 de xullo, chegaba a Galicia, despois de pasar por Madrid, a “Turista 10 millóns”, unha moza estadounidense chamada Gnechen Grosskettler, agasallada polas autoridades e moi requerida polos medios, no marco da propaganda do Ministerio de Información e Turismo dirixida por Manuel Fraga. En declaracións recollidas por La Voz de Galicia, mentres percorría Santiago de Compostela, a moza subliñaba que España parecíalle “máis moderna do que pensaba”, e definíase como unha “moza normal, nada hippy“.

A chegada á Lúa, que foi seguida por máis de 10 millóns de persoas en toda España, ocupaba as primeiras planas dos xornais. Pero no resto das páxinas tamén se poden tirar instantáneas do que era a sociedade daquel tempo. Por exemplo, as páxinas de sucesos daban conta da enorme sinistralidade nas estradas galegas, nas que centos de persoas falecían todos os anos. Así, nun só día, o xornal recollía o falecemento de catro persoas só na provincia da Coruña. E anunciábase tamén, entre outras novas, o comezo da loita aérea contra os incendios forestais, coa presentación dun hidroavión que ía operar en Galicia.

Foron os días tamén da coñecida como Guerra do Fútbol entre El Salvador e Honduras, que en apenas catro días deixou miles de mortos nos países centroamericanos. E foi tamén a semana na que as Cortes franquistas nomearon a Juan Carlos de Borbón como sucesor do ditador como xefe do Estado. O actual rei emérito recibiu, tal e como deixou dito, “a lexitimidade xurdida do 18 de xullo de 1936“. Despois daquela histórica designación, a familia Franco iría pasar a Meirás as súas habituais vacacións de verán.

20 de xullo de 1969

Daquela, ao coincidir a aluaxe en domingo, houbo que agardar ao martes para que os xornais recolleran o fito histórico para a Humanidade, xa que daquela só se publicaba no primeiro día da semana a Hoja del Lunes. Pero a expectación viña xa de días antes, desde que o Apolo XI saíse da Terra cara a súa misión sen precedentes. Entre os detalles que describían a viaxe, destacábanse anécdotas como os pesadelos dun dos tres tripulantes, as poucas gañas que falar que tiñan, chegándolle a chamalos “os mudos do espazo”, e que “durmen máis do debido porque non teñen nada que facer”.

Había tamén expectación e alarmismo ante o descoñecido. Así, algúns titulares falaban de que “poderían traer xermes horrorosos para a Humanidade”, polo que había “enormes precaucións para evitar que isto aconteza”.

“Máis fácil falar coa Lúa que coa Coruña”

A chegada á Lúa estaba, de seguro, en moitas das conversas dos galegos e galegas aqueles días. E chegaba tamén a algúns artigos dos xornais. Así, un articulista de La Voz narraba en primeira persoa as súas dificultades para comunicarse por teléfono coa Coruña desde unha vila próxima. “É máis fácil falar coa Lúa que coa Coruña por teléfono”, laiábase. Do mesmo xeito, desde Cesuras recollían o ofrecemento dun industrial do municipio, que se amosou disposto a ir á Lúa “se lle era pedido”.

Como curiosidade, unha crítica cinematográfica daba conta de que nos cines Riazor da Coruña se proxectaba naqueles mesmos días 2001: unha odisea do espazo, de Stanley Kubrick, estreada no ano anterior. As teorías da conspiración que dubidan da chegada á Lúa atribúen precisamente a Kubrick a rodaxe, nun estudo de cine, da suposta aluaxe.

Rúas baleiras na Coruña na tarde do 19 de xullo de 1969. Fonte: La Voz de Galicia.
Rúas baleiras na Coruña na tarde do 19 de xullo de 1969. Fonte: La Voz de Galicia.

Tamén houbo fotografías que reflectían a expectación polo acontecemento. Así, tamén en La Voz, unha imaxe captada por Blanco expoñía as rúas da Coruña completamente baleiras horas antes do histórico paso de Neil Armstrong.

Do mesmo xeito, os anuncios publicitarios tamén facían referencia á chegada á Lúa, e empresas como IBM ou General Electric contaban a través da publicidade que os seus equipos fixeran posible, cos seus servizos, a fazaña do Apolo XI.

E houbo predicións que hoxe resultan canto menos curiosas. No marco da desenfrenada carreira espacial, os Estados Unidos e a URSS marcaban continuas metas e datas para conquistar o cosmos, ao xeito das predicións para o AVE a Galicia. Unha das noticias subliñaba que a primeira cidade lunar ía ser inaugurada en 1989. Sería o preludio de outra máis grande, que ía funcionar de forma permanente no 2020, e que albergaría “a 500 científicos e técnicos dunha docena de nacións, con todo tipo de comodidades”.

Recreación dunha cidade lunar. Fonte: La Voz de Galicia (19 de xullo de 1969).
Recreación dunha cidade lunar. Fonte: La Voz de Galicia (19 de xullo de 1969).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.