O rei Felipe II proxectou en Mondoñedo un criadeiro de cabalos galegos

A  crianza de cabalos ten sido sempre un aspecto destacado dentro da economía da antiga provincia de Mondoñedo e aínda hoxe mantén certa puxanza entre as principais manifestacións socioculturais mindonienses, tal e como o constatan a feira de As San Lucas e os curros que se celebran nos arredores da cidade. Esta relación secular de Mondoñedo co gando cabalar ven de ser corroborada polos investigadores do Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC trala localización dunha serie de novas, datadas na segunda metade do século XVI e xa recollidas nas actas municipais do Concello mindoniense, nas que se alude ao interese da Coroa por establecer un criadeiro de cabalos nesta provincia do Antigo Reino de Galicia.

planos mondoñedo

O primeiro dos documentos achados polos investigadores do Campus Terra da USC que están a proceder ao baleirado documental do arquivo municipal mindoniense no marco do proxecto ‘Mondoñedo Dixital: cidade histórica e patrimonio’, coordinado polo profesor do Departamento de Historia da USC na Facultade de Humanidades Gonzalo Francisco Fernández Suárez, refírese a unha real cédula de Felipe II presentada no consistorio polo licenciado Sandomingo, alcalde maior da cidade, con data do 27 de xullo de 1562.

Publicidade

Nesta real cédula de Felipe II solicítase información sobre a posibilidade de criar cabalos ou algunha raza deles nos territorios da provincia. As respostas ofrecidas polas autoridades municipais mindonienses ofrecen datos interesantes sobre a morfoloxía dos cabalos autóctonos, unha aproximación ao número de eguas que poden albergar os montes provinciais e unha estimación sobre a calidade dos montes para a súa manutención, ao tempo que se advirte das dificultades e perigos para a súa supervivencia.

Felipe II preguntou polos cabalos autóctonos, pero os informes desbotaron o plan

Logo da primeira interpelación formulada a través desta real cédula, o 29 de agosto de 1562 Rodrigo López Teixeiro, procurador xeral da cidade de Mondoñedo, presentaba a primeira información froito das pescudas realizadas en diferentes lugares. Neste documento, de marcado carácter descritivo, ponse de manifesto que tanto os garañóns como as mesmas eguas eran “muy pequeñas e mal echas” e que pese aos intentos de cruzamento con outra raza de cabalos feitos polos propios gandeiros, as crías seguían a acusar o mesmo defecto.

Publicidade

Os resultados de todas as investigacións realizadas ao respecto das posibilidades de establecer un criadeiro de cabalos na antiga provincia de Mondoñedo apuntaban asemade a escaseza de pastos e as condicións climatolóxicas adversas como outra dificultade engadida.

Este primeiro informe elaborado polas autoridades mindonienses non convenceu á Coroa, que volveu insistir sobre a posibilidade real de criar a especie de cabalos demandados. A resposta do Concello a este requirimento chegaría o 28 de setembro de 1562. Nesta ocasión insistíase de novo na non existencia de devesas e a escaseza de pastos, agás nos montes de Buio, Xistral, Penedo e Montouto, onde se estimaba que se poderían apacentar entre 500 e 1.000 eguas. Os autores deste novo informe insistían asemade en que estas eguas “foráneas” só poderían andar libres nos meses de verán e sempre gardadas, dada a abundancia de lobos, o terreo quebrado e a existencia de garañóns que poderían causarlles algún dano, segundo se recolle na documentación achada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias

Do residuo ao tratamento: ingredientes contra doenzas animais a partir do bagazo de uva Albariño

Un proxecto europeo coordinado pola USC transforma 20 toneladas de residuos do viño en máis de 15.000 litros de extractos en diferentes formulacións

Identificados no noroeste peninsular 14 lagares de cera excepcionais en Europa

Un estudo da USC analiza a distribución de construcións tradicionais para aproveitar os produtos apícolas e das que apenas existen exemplos conservados no continente

A árnica mostra unha elevada diferenciación na península ibérica fronte ás poboacións europeas

Un equipo da USC revela as singularidades da planta medicinal e advirte da súa delicada situación polo seu uso continuado en farmacia e cosmética