As frases de Concepción Arenal seguen a estar vixentes.
As frases de Concepción Arenal seguen a estar vixentes.

200 anos de Concepción Arenal, unha galega universal

Cúmprense dous séculos do seu nacemento en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e esta soterrada no cemiterio de Pereiró, en Vigo

Hai agora 200 anos, o 31 de xaneiro de 1820, nacía no Ferrol Concepción Arenal, xurista e escritora galega, muller de ciencia e feminista, é unha das figuras senlleiras do século XIX pola trascendencia do seu pensamento.

Selo da República de Concepción Arenal.
Selo da República de Concepción Arenal.

Nada na cidade departamental, onde o seu pai era militar, residiu a maior parte da súa vida en Madrid, e retirouse a Galicia de novo no final dos seus días. Faleceu en Vigo o 4 de febreiro de 1893. Na cidade olívica, varios fitos e monumentos lembran a unha persoa exemplar que viviu longos anos na cidade, no seu pazo situado na zona dos Choróns, tras o convento dos Capuchinos, no barrio de Casablanca.

A súa vida foi un exemplo de afouteza intelectual, nun intre en que as mulleres estaban totalmente marxinadas da vida pública. Exemplo diso é como ingresa, en 1841, con 21 anos, na Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid, baixo identidade falsa e vestida con roupas de home. Como ouvinte, puido cursar a carreira, malia a oposición da súa nai, xa viúva. E, sen ánimo de agocharse, dende moi nova participou en faladoiros literarios e políticos ata entón vedados para a muller.

Tras obter a súa titulación, comeza a colaborar en diversos xornais, con artigos de contido social. Colabora tamén con institucións de beneficencia e publica obras sobre a atención aos máis desfavorecidos. Entre eles, chaman a súa atención os presos. En 1863, convértese na primeira muller que recibe o título de Visitadora de Cárceres de Mulleres. E alterna a súa obra política coa literaria, en especial na poesía.

“Odia o delito e compadece ó delincuente”, a súa grande frase

A súa obra “Oda á escravitude” (1866) é premiada pola Sociedade Abolicionista de Madrid. E son aclamadas as súas “Cartas aos delincuentes” (1865), o reo, o pobo e o verdugo” ou “A execución da pena de morte” (1867). “Odia o delito e compadece ó delincuente” é a súa grande frase para a historia.

En 1872, funda a Construtora Benéfica, unha sociedade que se dedica á construción de casas baratas para obreiros. E, durante as guerras carlistas, chega a poñerse á fronte dun hospital de campaña en Miranda de Ebro.

Como feminista é valente, unha pioneira. As súas ideas, aínda que hoxe serían extremadamente conservadoras, son avanzadas para o seu tempo. Está enmarcada no catolicismo social e defende que a muller se instrúa e traballe. Recibe ataques da Igrexa, malia que é profundamente relixiosa. E non dubida en criticar aos cregos da súa época: “O clero en xeral é moi ignorante, non quere a muller instruída; é mellor auxiliar: mantela na ignorancia,”. Pero, cando o feminismo avance, serán os conservadores os que abracen con máis entusiasmo as súas ideas. En 1902, o xesuíta Julio Alarcón, na recén fundada revista “Razón y Fe”, defenderá o seu feminismo.

Tumba e monumento a Concepción Arenal no cemiterio de Pereiró, en Vigo.
Tumba e monumento a Concepción Arenal no cemiterio de Pereiró, en Vigo.

Dezaoito anos despois da súa morte, en 1912, Concepción Areal recibiría a súa primeira grande homenaxe en Vigo. Os seus restos mortais son trasladados, nun cortexo fúnebre de gala, dende o cemiterio de Picacho, preto do Berbés, ata o de Pereiró, que se estrea ese ano coa súa tumba. Será o colosal monumento que hoxe preside a entrada do camposanto e que é obra de Manuel Gómez Román e que foi pagado polo Concello. Anos despois, dedicaráselle tamén unha rúa.A grande activista, escritora e xurista retiraríase a Vigo ao final da súa vida. Falecería en 1893, con 73 anos.

Ademais, consérvanse os restos do vello pazo de Núñez, na zona dos Choróns, onde pasou os seus últimos anos e faleceu. Alí vivira antes Casto Méndez Núñez, o da honra e os barcos. En 1938, unha campaña pública pediu que se conservase o pazo, xa en ruínas, para convertelo en reformatorio, xa que Vigo era (contaba un xornal da época) “a cidade de Galicia que máis nenos dá á criminalidade, como acontece en todas as urbes de complicada vida industrial, portuaria e cosmopolita”.

Finalmente, o pazo será demolido. Pero a súa solaina, cunha fermosa balaustrada, foi trasladada aos xardíns de pazo de Castrelos.

Arenal conta tamén con monumentos na súa honra erixidos na Coruña e Ferrol. E moitas rúas ao seu nome en cidades e vilas galegas. Así que Concepción Arenal conseguiu o recoñecemento público, como unha das máis grandes personalidades da investigación e lexislación penitenciaria. E tamén como unha pioneira da loita polos dereitos da muller. Naceu en Ferrol hai agora 200 anos.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.