Xoves 28 Marzo 2024

Domingo Fontán: 230º aniversario do descoñecido arquitecto de Galicia

“Digamos que é unha personaxe recoñecida, pero non coñecida, que é o realmente importante”. Así define o xornalista Miguel Anxo Murado á figura de Domingo Fontán Rodríguez (Porta do Conde, Portas, 1788). O escritor lucense foi unha das persoas que rescatou hai uns anos a este persoeiro, esencial para entender a historia recente de Galicia, pero amplamente ignorado máis alá dos círculos académicos e intelectuais do país. En abril de 2018 cúmprense 230 anos do seu nacemento. E neste ano, a Real Academia Galega de Ciencias homenaxeará a Fontán na celebración do Día da Ciencia en Galicia.

Na primeira liña do primeiro capítulo de Outra idea de Galicia (Debate, 2013), Murado xa dá por feito que o nome de Domingo Fontán “non lle dirá gran cousa ao lector”. Pero, como destaca, Fontán é clave para entender o país, e foi o artífice de que Galicia se adiantara en máis dun século ao resto do Estado español en posuír un mapa científico, un documento con tal precisión que en moitos lugares non se puido igualar ata a aparición das medicións por satélite. Durante case vinte anos, percorreu palmo a palmo o país para trazar a súa Carta Xeométrica, que serviu de base para o trazado de moitas das posteriores vías de comunicación que artellaron todo o territorio galego.

Publicidade

Trazou un mapa que non se igualou no resto de España ata 130 anos despois

Precisamente foi esa primeira liña do libro de Murado a que inspirou ao reporteiro brasileiro Vítor Hugo Brandalise, que, despois de indagar na historia de Fontán, decidiu percorrer, ao longo de varios meses de 2012, os mesmos pasos que dera o matemático 195 anos atrás. O seu proxecto quedou recollido no blog El primer rostro de Galicia, e ofrece, coas ferramentas multimedia do século XXI, unha detallada reprodución daquela aventura.

Antes ca Murado e Brandalise, e que Marcos Calveiro, autor da novela biográfica Fontán (Galaxia, 2015), as figuras centrais da literatura galega tamén subliñaron a importancia de Fontán para a historia e a cultura do país. A través do seu mapa, Adrián Solovio, protagonista de Arredor de si, de Otero Pedrayo, experimenta a chamada da Terra. Tamén Cunqueiro en moitos artigos, e Castelao en Sempre en Galiza fan referencia á Carta Xeográfica.

Fontán demostrou desde novo as súas capacidades. Nacido nunha familia podente, comezou estudar moi preto da súa casa, na parroquia de Santo André de Valiñas, en Barro. Con só 12 anos xa estaba matriculado en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo, por medio do seu tío materno, Sebastián Rodríguez, párroco de Noia, aprendeu inglés e francés con presbíteros exiliados de Francia após da Revolución do 1789.

Obtivo o título de Bacharel en 1802. Entre 1804 e 1807 estudou Teoloxía, doutorándose en 1811. Nese mesmo ano, con só 23, comezou a impartir clases na universidade santiaguesa. Naquel tempo, comezou a aprender de José Rodríguez, o matemático de Bermés, outra figura insigne da ciencia galega de finais do século XVIII e comezos do XIX, que se acabaría convertendo no mestre e principal influencia de Fontán.

Seguiu aumentando o seu prestixio académico nos seguintes anos e no 1816 comezou a súa colosal tarefa. Foi nun pombal do pazo de Sobrecarreira, en Sigrás (Cambre), propiedade da familia do seu amigo, o político Antonio Loriga, onde triangulou con dúas pranchetas os accidentes xeográficos que rodeaban o lugar. Eran as probas preliminares dun traballo que arrancaría un ano despois, hai agora dous séculos exactos, na Berenguela da Catedral de Santiago, a tiro de pedra da súa vivenda da rúa do Vilar.

A Berenguela da Catedral de Santiago foi o “punto cero” do seu mapa

“Atopei a latitude da Torre do Reloxo da Catedral por máis de 144 observacións astronómicas da (estrela) Polar, e por outras 200 de Orión e por alturas meridianas do Sol”, anotou Fontán no seu caderno de traballo. A partir deste “punto cero” desenvolveu a rede de estacións xeodésicas por toda Galicia, cunha exactitude asombrosa, axudándose do seu teodolito, que hoxe se conserva na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela. Para medir as distancias empregou o metro, unha distancia que non foi adoptada oficialmente en España ata 1849. Niso tamén foi un pioneiro.

A accidentada orografía do país dificultaba en maior medida as triangulacións que debería facer Fontán, pero non se arredou. Foi un complexo traballo que realizou gran parte das veces en solitario, dacabalo ou a pé, e, noutras ocasións coa axuda do seu irmán Andrés, que completaba os datos recollidos por Domingo con medicións barométricas que facía en Noia, ao nivel do mar, e un grupo de estudantes e amigos. Rexistrou os accidentes xeográficos, cumes, chairas, cabos e badías, máis de 3.600 curatos (parroquias) e máis de 10.000 vilas e aldeas. Debeu coñecer, por tanto, á meirande parte dos galegos vivos naquel momento. A súa sona propagouse pronto polo territorio, e era recibido, segundo conta Murado, “cunha mestura de reverencia e conmiseración, a que lle merecía un sabio que tiña o comportamento dun tolo”.

As dificultades económicas e técnicas, a convulsión política e as súas outras actividades profesionais estiveron a piques de facer que Fontán renunciase en varias ocasións á súa empresa. Pero ao fin, en 1834, un ano despois do comezo da Primeira Guerra Carlista, foi reclamado polo Ministerio de lo Interior para presentar ante a rexente María Cristina “la Carta General de las Provincias del Reino de Galicia”. A gobernante aprobou unha partida de 160.000 reais para imprimir o mapa de Fontán, aínda que a imposibilidade de realizar os traballos en España debido aos estragos da guerra retrasou o seu inicio. A Carta comezouse a gravar no 1839 en París, nos talleres Bouffard, e rematouse seis anos despois, aínda que houbo que agardar ao 1847 para que chegaran a España 500 das 550 copias encargadas polo goberno. O resto chegaron tempo despois. Daquela primeira tirada aínda se conservan exemplares na Real Academia Galega ou no Pazo de Trasalba, sede da Fundación Otero Pedrayo.

Carta xeométrica actualizada no 1917, coas estradas xa existentes nese momento.
Carta xeométrica actualizada no 1917, coas estradas xa existentes nese momento.

A partir daquel “rostro de Galicia“, como o definiu o intelectual ourensán, tamén xeógrafo coma Fontán, trazáronse moitos camiños, estradas e vías férreas. De feito, Fontán participou no deseño do primeiro camiño de ferro inaugurado no 1861 entre Cornes (Santiago) e Carril. No 1917 imprimiuse unha versión actualizada, coas vías existentes naquel ano.

Amais da súa máis grande obra, Fontán tamén foi un salientable político de corte liberal moderado, sendo elixido deputado en varias ocasións entre 1836 e 1843, durante as convulsas rexencias de María Cristina e Espartero e o comezo do reinado de Isabel II. Durante todo este tempo mantivo unha intensa actividade nas Cortes ata que regresou definitivamente a Galicia. Foi entón cando probou sorte como empresario cunha fábrica de papel en Lousame, herdada do seu tío crego. Xubilouse como catedrático no 1851, e seguiu traballando en numerosos proxectos ata que a súa saúde llo permitiu. Faleceu en 1866 no balneario de Cuntis, preto do seu lugar de nacemento, onde acudira para tratar unha cistite.

A súa figura é, con todo, amplamente descoñecida na sociedade galega. Só conta con rúas co seu nome en Madrid, Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Ourense e Poio. Desde 2004, os seus descendentes tratan de preservar o seu legado a través da Fundación Domingo Fontán. Amais, unha asociación que leva o seu nome organiza actos de homenaxe todos os anos en Portas e no Panteón de Galegos Ilustres. Alí xacen os seus restos desde 1988, xunto a Rosalía, Castelao e as outras figuras que, cada unha ao seu xeito, debuxaron o rostro do país.

4 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Andrés Antelo, o reloxeiro da Berenguela

O enxeñeiro ferrolán renovou técnicamente o Arsenal de Ferrol e deseñou reloxos monumentais de deseño revolucionario

Varela Santos, precursor das lentes de contacto

O oftalmólogo compostelán, amigo de Castelao, foi un pioneiro da óptica, grande investigador e viaxeiro polos mellores laboratorios de Europa

‘Nós’, elixida Palabra do Ano 2020, seguida de ‘seteiro’ e ‘gromo’

As voces dedicadas á pandemia do coronavirus quedaron en lugares retrasados do certame organizado polo Portal das Palabras

Castelao en Bos Aires, en 4K e 8K

O xornalista César Galdo procesa as filmacións de Eligio González, que recolle a presenza do intelectual rianxeiro desde 1940 ata o seu pasamento