Adolf Hitler despacha cos altos cargos alemáns.

Confirmado: Hitler nunca estivo en Galicia porque morreu en Berlín

Adolf Hitler non viviu refuxiado no mosteiro de Samos. Nin chegou nun submarino ao porto de Vigo. Tampouco aterrizou nunha leira nos montes de Lugo. Poida que todo isto pareza obvio, pero hai xente que sostiña estas teorías da conspiración. E non só na ficción, como na xenial novela ‘Izan, o da saca’ de Xavier Quiroga (Edicións Xerais). Tamén en obras con pretensións históricas como as do arxentino Abel Basti, que mesmo publicou unha suposta foto de Hitler nos anos 50 en América. Ou a do peruano Eric Fratini, que fala dun voo secreto ata Galicia. Ou a do británico Gerrard Williams, no seu superventas “Grey Wolf”. E non digamos o History Channel, que no ano 2016 estreou a serie documental ‘Hunting Hitler‘, para a que desprazou un equipo de gravación a Samos, A Coruña e Vigo.

Entrada ao búnker de Hitler en Berlín.
Entrada ao búnker de Hitler en Berlín.

Pero todas estas teorías veñen de ser desbotadas, semella que por fin de xeito definitivo. Porque un estudo revisado por pares nunha revista académica vén de demostrar o que xa sabías: que Adolf Hitler está morto e que se suicidou no seu búnker de Berlín en abril de 1945.

Soa raro que haxa que probar estas cousas despois de 70 anos. Pero case desde o momento no que o Führer morreu, unha industria artesanal de teorías de conspiración xurdiu para dicir que aínda estaba vivo.

Hitler foi “visto” emerxendo dun submarino alemán en Arxentina con Eva Braun en 1945, rodeado de adoradores fuxitivos nazis en Colombia en 1950, e chegando ao final dos seus días na década de 1980 como un nonaxenario feliz cunha namorada brasileira máis nova. E para chegar ao seu refuxio americano, case todas as teorías pasaban por Galicia.

Agora un equipo científico francés obtivo permiso para examinar unha mandíbula gardada nos arquivos do servizo secreto ruso desde a década de 1940. A análise publicada no European Journal of Internal Medicine suxire que neste caso os rusos dicían a verdade: Hitler suicidouse, os soldados das SS queimaron o seu corpo, as tropas soviéticas atoparon os restos carbonizados e a mandíbula rematou en Moscova.

O estudo titulado “Os restos de Adolf Hitler: unha análise biomédica e unha identificación definitiva” relata como os investigadores franceses tiveron acceso á mandíbula nos arquivos do FSB de Rusia, sucesor da KGB , en marzo e xullo de 2017.

O autor principal da investigación, o profesor Philippe Charlier, dixo nun documental francés que fora posible comparar a mandíbula dos rusos cos rexistros dentais de Hitler, o que permitía identificar ao Führer cos seus dentes postizos. O profesor Charlier dixo que a pesar de ter só 56 anos cando morreu, a Hitler lle quedaban só cinco dentes.

“Primeiro identificámolo polas súas dentaduras, que eran extremadamente inusuais, en formas completamente extraordinarias”, dixo o profesor ao equipo de documentais . “Houbo unha correspondencia anatómica e tecnolóxica perfecta”. A conclusión foi corroborada pola análise mediante microscopio electrónico de pequenas mostras dos poucos dentes reais restantes de Hitler, que non atoparon rastros de carne, o que é significativo porque a pesar do seu instinto asasino cara aos humanos, Hitler era vexetariano.

Imaxes do búnker de Berlín onde Hitler morreu.
Imaxes do búnker de Berlín onde Hitler morreu.

O estado das dentaduras postizas tamén parecía coincidir coa versión tradicionalmente aceptada de que Hitler tomou cianuro antes de que lle disparasen unha bala no cranio. O equipo de investigación suxeriu que os depósitos azulados nas dentaduras poderían indicar unha reacción química entre o cianuro e as dentaduras metálicas.

Os investigadores franceses tamén chegaron a contradicir un estudo da Universidade de Connecticut , que en 2009 causou sensación ao afirmar que un fragmento de cranio cun buraco de bala, almacenado nunha localización diferente da mandíbula, era dunha muller, non de Hitler, e tampouco de Eva Braun, porque ela se envelenou en lugar de se disparar a si mesma.

Os académicos estadounidenses puideron examinar e tomar mostras de ADN do fragmento do cranio que rematou no Arquivo Estatal de Rusia en Moscova. Con todo, non examinaron a mandíbula en posesión do FSB. Para os investigadores franceses, a situación case se invertiu: permitíuselles tomar material da mandíbula, pero só puideron observar o fragmento do cranio sen tomar mostras de ADN.

Isto significaba que non podían replicar por completo as probas estadounidenses que atoparon o ADN feminino, pero o profesor Charlier insistiu en que o exame antropolóxico do fragmento do cranio non podía establecer o xénero da persoa morta. “Desde a perspectiva antropolóxica, iso non se cumpre”, dixo.

“Ao facer un diagnóstico do cranio, tes un 55 por cento de posibilidades de ter o sexo correcto. Iso non é moito mellor que o azar “. Os achados da Universidade de Connecticut foron utilizados por un equipo de produción de televisión como base para un documental que se emitiu no History Channel co sensacional título Hitler’s Escape.

Así que a nova investigación semella definitiva. Resulta asombroso que as teorías ‘conspiranoicas’ mantivesen aberto o debate sobre o final de Hitler durante máis de 70 anos. Pero o personaxe é a encarnación do mal na nosa sociedade, como demostrou un recente estudo. Así que seica era esperable todo tipo de fantasías. Como que o Führer viviu como un monxe en Samos ou que escapou por Vigo en submarino. Pero xa podemos desbotar as teorías ‘galegas’ de Hitler.

A teoría da fuxida de Hitler por Galicia

Numerosas teorías apuntaban a que Hitler fuxira a través de Galicia cara ó santuario americano. Cando no 2016 o History Channel estreou a súa serie documental ‘Hunting Hitler’, gravada en parte en Samos, Vigo e A Coruña, contamos o caso nesta reportaxe

Os 700 documentos do FBI que alimentan a teoría de que Hitler fuxíu por Galicia

E tamén analizamos os supostos argumentos e os rebatimos nesta reportaxe

10 razóns a favor e 10 en contra de que Hitler estivo en Galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.