Xoves 25 Abril 2024

Así foi o ‘Ano sen verán’ en Galicia en 1816

A erupción cataclísmica do volcán Tambora en Indonesia deixou temperaturas invernais en todo o planeta naquel estío

O 10 de abril de 1815, a illa tropical de Sumbawa, en Indonesia, converteuse no mesmísimo inferno. Nas ladeiras do volcán Tambora, tendíanse pintorescas casiñas e leiras onde os aldeáns cultivaban café e pementa. Pero aquela noite, a terra comezou a tremer e produciuse a maior erupción  volcánica coñecida na historia. Aquela catástrofe tivo un índice de  explosividade volcánica de IEV–7, e é a única desa magnitude que foi inequivocamente confirmada desde a erupción do Taupo, en Nova Zelandia, arredor do ano 180 d. C. En apenas uns segundos, foron botados 160 quilómetros cúbicos de materiais. A explosión escoitouse ata na illa de Sumatra, a unha distancia de máis de 2.000 quilómetros. E a cinza  volcánica caeu masivamente en lugares tan afastados como Borneo, Célebes, Xava e as illas Molucas. Polo menos 71.000 persoas morreron, delas 12.000 no mesmo intre da erupción. Pero as consecuencias do desastre rematarían sendo globais, deixando ao planeta enteiro sumido no frío e na fame negra durante o ano seguinte.

A cantidade de gases e partículas liberadas á atmosfera provocou un cambio da circulación atmosférica e bloqueou a luz solar en Europa e América do Norte. É o que se coñeceu como “O ano sen verán”, que se fixo patente en 1816. No ceo había unha luz avermellada que nunca se disipaba. E en xuño nevou en Nova York, en agosto a saraiba caeu todos os días en Londres e arruináronse as colleitas en case todo o hemisferio norte, estendendo a fame por medio mundo. En Nova Inglaterra, rabaños enteiros de ovellas recentemente tosquiados morreron de frío. E, como curiosidade, crese que o frío e a escuridade axudaron a Mary Shelley a escribir aquel verán a súa obra mestra: “Frankenstein”.

Publicidade

Vista cenital do volcán Tambora, na actualidade.

Por suposto, Galicia tampouco foi allea a aquel terrible ‘Ano sen verán’. Os efectos da explosión cataclísmica do Tambora chegarían ata aquí, do mesmo xeito que sucedería décadas máis tarde, en 1883, coa erupción do Krakatoa, que trouxo a esta costa os efectos do seu consecuente tsunami.

Un dos documentos que recollen os efectos do  Tambora en Galicia son as Contas da  Paneira do mosteiro de Monfero, rescatadas polo investigador Francisco Díaz-Fierros, catedrático emérito da USC e coordinador da ‘Historia da meteoroloxía e da climatoloxía en Galicia’.

Nas contas de Monfero recóllense os dezmos de produción de millo, que debían pagar os labregos á igrexa. E aquel ano foron practicamente inexistentes. Algo parecido obsérvase nas  rogativas de Santiago de 1816, recollidas no Arquivo Histórico da USC. O 5 de xullo anotan: “a estación do tempo continuado con crecidos ventos e fríos” e, en setembro, insístese en que non se disipa “o rigoroso temporal” ou aluden a que os composteláns están molestos “pola moita tempestade de aire e auga”. E xa ten que chover para que os ‘picheleiros’ se queixen da choiva como algo inaudito…

“Tenho 78 anos e nunca vin tanta chuva e tanto frío, mesmo no inverno”

Un dos relatos máis curiosos daquel verán de 1816 foi realizado polo sacerdote e avogado de Braga José Manuel dá Silva Tedim, que rexistrou así o estraño comportamento da meteoroloxía no mes de xullo: “Tenho 78 anos e nunca vin tanta chuva e tanto frio, nem  mesmo em meses de inverno”.

O testemuño foi recollido polo  climatólogo Ricardo Trigo, do Centro de  Xeofísica da Universidade de Lisboa, que en 2009 coordinou unha investigación sobre o ‘Ano sen verán’ que foi publicada na revista  Journal  of  Climatology.

Silva Tendim continúa o seu relato daquel fenómeno: “Em julho de 1816 foi o mes tanto destemperado, tanto na chuva como no frio, que tendo setenta e oito anos de idade nunca vi semelhante chover e frio, mesmo se fosse nos do propio inverno”.

“Sabiamos que este tema estaba ben documentado en Europa e América, pero había menos datos sobre a península Ibérica, polo que fixemos este estudo”, explicaba Ricardo Trigo na presentación da súa investigación.

Illa de Sumbawa, en Indonesia, co cráter do Tambora.

Pola súa banda, en Galicia o catedrático Díaz-Fierros estimou os efectos do cambio atmosférico provocado polo Tambora: “Calculamos que o descenso das temperaturas puido ser de dous graos”, afirma.

Tanto en Galicia como no norte de Portugal caeu a produción agrícola, especialmente en cereais. O viño practicamente desapareceu, porque se arruinaron os viñedos pola falta de sol e calor no momento máis estratéxico do ano. Aínda así, Portugal e España remataron exportando produtos agrícolas ao norte de Europa, onde as fames negras foron apocalípticas e pagábase calquera prezo polos alimentos. De feito, sábese que en Londres as autoridades tiveron que repartir sopa de caridade nas rúas durante meses para manter aos cidadáns.

Pero aquela traxedia tamén se reflectiu na arte. E moitas paisaxes retratadas por William Turner reflicten aqueles ceos avermellados do ‘Ano sen verán’. Sucedeu en 1816, despois da explosión cataclísmica do volcán Tambora na outra punta do globo. E que tivo tamén os seus efectos mesmo en Galicia, a milleiros de quilómetros da catástrofe.

Así chegou a Galicia o tsunami do volcán Krakatoa

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses