Kiko da Silva ilustra o calendario de 2018 sobre o galego para a UVigo

.
.

A Área de Normalización Lingüística da UVigo ten novo calendario para 2018. Despois do éxito das tiras cómicas do debuxante Luis Davila, que acadaron cifras históricas de impacto en redes sociais, o artista pontevedrés Kiko da Silva será o encargado de ilustrar o ano que acaba de comezar. 12 debuxos para, de novo, loitar contra os prexuízos cara o galego botando man do humor gráfico.

Mantendo o lema Na Universidade en galego. Sen prexuízos, a ANL volve apostar polo formato dun calendario de parede no que cada páxina é un mes de 2018 e, en cada unha delas, o ilustrador gráfico Kiko Da Silva introduce unha viñeta na que a través do humor e a retranca presenta diferentes situacións cargadas de prexuízos sobre a lingua e se achegan recursos e estima para superalos. “Trátase de empregar a gracia, o humor e a retranca para chegar á xente e darlle armas coas que loitar contra ese tipo de situacións que xa deberían estar superadas”, explica Paulo Cabral, director da ANL, quen se amosou tremendamente satisfeito polo éxito que tivo o calendario de 2017.

Publicidade

Kiko da Silva é o autor do calendario deste ano. Foto: Duvi.
Kiko da Silva é o autor do calendario deste ano. Foto: Duvi.

Nesta ocasión, foron editados 500 exemplares máis ca en 2017, facendo un total de 2000, que serán enviados ás secretarías e decanatos das distintas escolas, facultades e departamentos. A maiores, todas as persoas que estean interesadas poden descargalo en formato pdf na web da ANL.

É “un reto que impón, pero que tamén ilusiona”. Así acolleu Kiko da Silva o encargo da Universidade para facerse cargo do calendario de 2018. “Desde o principio tiven claro que o mellor era empregar unha das fórmulas que ten o noso idioma para comunicar, a retranca”, explica o autor das viñetas de 2018, ao tempo que fai fincapé na importancia de “empregar o humor non só como fin de facer rir, senón de facer pensar e cavilar sobre a sociedade na que vivimos”.

Publicidade

Desde o mestre que fala ‘un gallego muy cerrado’ á lubina e gallo que non saben como cando eran robaliza e rapante; desde o home que non fala o galego “porque no te lo sé hablar bien” á moza á que de nena non lle falaron galego por prexuízos e cando chega á universidade ‘namora del’… Desde xaneiro a decembro, 12 meses, 12 temáticas, 12 ideas nas que pensar e outros tantos estereotipos que derrubar.

Pola súa banda, o reitor da UVigo, Salustiano Mato, sinalou que o calendario é “un dos mellores vehículos para potenciar o noso idioma, do que nos sentimos tremendamente orgullosos” e tamén serve para “ridiculizar os múltiples snobismos que seguen a existir a día de hoxe arredor do seu uso”.

Aquí podes descargar o calendario da UVigo ilustrado por Kiko da Silva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Celta vs. Deportivo: dúas formas de reivindicar a lingua galega dende o fútbol

As estratexias de comunicación de ambos clubes buscan reforzar o vínculo coa afección e coa cultura do territorio a través do idioma