A cousa que caeu nunha leira dende o espazo

Un axente da Garda Civil co protocolo NRBQ achégase ao obxecto.
Un axente da Garda Civil co protocolo NRBQ achégase ao obxecto.

É lixo e non un meteorito chegado do espazo exterior. Pero sorprendeu este mércores aos habitantes da localidade murciana de Calasparra, onde dous pastores, os irmáns Francisco e Juan Espín, viron caer do ceo unha bola de lume que provocou un cráter nunha leira. No medio da herba había un obxecto esférico, de cor negra, que botaba fume. Alarmados, chamaron a Garda Civil.
Un garda civil recolle o bólido que chegou dende o espazo ata Calasparra.
Un garda civil recolle o bólido que chegou dende o espazo ata Calasparra.

Efectivos da Benemérita desprazáronse ao lugar e verificaron que se trataba dun obxecto esférico, dun metro de diámetro e envolto por algún tipo de material illante de cor negra. Á vista da tipoloxía do obxecto, e coa finalidade de establecer o correspondente perímetro de seguridade, a Garda Civil activou de inmediato o protocolo NRBQ (nuclear, radiolóxico, bacteriolóxico e químico) para asegurar o presunto meteorito e garantir a seguridade cidadá mentres investigaban.
Especialistas do Grupo de Desactivación de Artefactos Explosivos (GEDEX) desprazáronse ao lugar onde, tras un primeiro exame, descartaron a presenza de sustancias ou elementos que puidesen constituír un artefacto explosivo. Finalmente, o misterio quedou resolto. Era un trozo de lixo espacial, que se precipitou á Terra tras estar en órbita. As pescudas practicadas e a información obtida sobre obxectos de similares características caídos noutros puntos do planeta conclúen que puidese tratarse dun depósito auxiliar de combustible dun foguete espacial.
Semella que en Australia e Brasil xa teñen caído obxectos de similares características. Ademais do susto, a sorte foi que non caíse nunha zona habitada, o cal estatísticamente non é moi probable no planeta Terra, pero pode acontecer.
Quedou resolto o misterio da cousa que caeu nunha leira dende o espazo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Bólido ou avión? O misterio do falso meteoro que cruzou o ceo da Coruña

Un artigo asinado por varios autores, entre eles o astrofísico Josep M. Trigo, introduce o termo "pseudobólidos" para englobar aqueles fenómenos que aparentan ser fragmentos de asteroides

O ceo énchese de luz: un novo bólido ilumina a noite en Galicia

O meteoro especialmente brillante foi avistado dende cidades como Vigo, Santiago ou Ourense, nunha xornada na que se rexistrou unha elevada actividade destes obxectos astronómicos na península

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas
00:00:30

Vídeo completo do ‘superbólido’ que cruzou o Atlántico e se viu dende Galicia

As cámaras do portal solpor.eu captan o proceso de desintegración do meteoro dende cabo Fisterra