Os casos concentrados na Mariña fixeron pasar de 17 a 87 os positivos confirmados en Lugo nos últimos 10 días.
Os casos concentrados na Mariña fixeron pasar de 17 a 87 os positivos confirmados en Lugo nos últimos 10 días.

O Sergas rastrexa noutras provincias contactos co brote da Mariña, que suma 85 casos

A Consellería confirma 26 novos positivos respecto ao venres, e mantén baixo seguimento a centos de persoas que deron negativo nas PCR

O brote de coronavirus detectado o pasado 24 da xuño achégase xa ao 90 positivos confirmados despois de máis de 1.000 PCR realizadas polo Servizo Galego de Saúde nos últimos días, que confirmaron 26 novas infeccións entre o venres e o sábado pola mañá. Ademais, ascende a catro o número de persoas ingresadas no hospital de Burela. E o aumento dos contactos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas salpica xa a outras provincias galegas. Aínda que non trascendeu de que áreas sanitarias se trata, a situación constata que o rastrexo esténdese, despois de que se detectaran contactos vinculados ao primeiro caso en Asturias (nunha persoa que vivía e traballaba na Mariña) e na capital provincial.

Ata o momento, a Consellería de Sanidade non confirma que se detectaran casos noutras provincias, xa que os contactos procedentes da Mariña poden dar negativo na proba PCR. Con todo, de acordo ao criterio indicado polo Ministerio de Sanidad, esta persoa en contacto deberá, en todo caso, gardar corentena durante 14 días desde o último contacto co caso confirmado. Porén, e co obxectivo de poder reducir a duración da corentena, podería facerse unha PCR aos 10 días desde o último contacto co caso, podendo suspender a corentena en caso de resultado negativo.

Sobre os concellos afectados, as fontes sanitarias non ofreceron detalles publicamente, pero segundo informou este sábado a edición na Mariña de La Voz de Galicia, a Consellería de Sanidade revelou onte, nunha reunión con alcaldes da comarca, que o venres había 27 casos en Burela, 14 en Foz, 9 en Xove, 4 en Cervo e 4 en Viveiro. Ademais, fontes do Concello de Lourenzá confirman tamén un positivo no municipio, que se atopa en corentena, ademais de varios contactos aos que se lles fixo a proba e deron negativo. En Barreiros tamén hai constancia dalgún caso.

Casos activos

En canto aos casos activos (cifra que facilita a Consellería Sanidade sobre a evolución da epidemia), a área sanitaria de Lugo, que abrangue toda a provincia, ten na actualidade 87 persoas infectadas pola Covid-19, e xa é a segunda por detrás da de Vigo (101). O resto dos positivos activos, que o sábado son 279, repártense en 50 na Coruña, 20 en Santiago, 10 en Ourense, 7 en Ferrol e 4 en Pontevedra.

“Cremos que o temos localizado”

Na mañá do sábado, Sanidade lembraba que o primeiro caso de infección por Covid-19 detectouse na tarde do martes 23 de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Diversas fontes apuntan, neste sentido, a que estes contactos son, nalgúns casos, persoas que residen noutra provincia.

Con todo, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, expuxo nunha entrevista co diario El Progreso que a situación está baixo control. “Cremos que o temos localizado“, expuxo, despois de informar o xoves de que boa parte dos casos estaban relacionados con varios bares da zona do porto de Burela que pecharon ao detectarse os positivos. Por agora, Sanidade non fixo referencia a este detalle nas súas informacións diarias, mentres se seguen investigando a procedencia dos primeiros casos.

Ao tratarse na meirande parte de xente moza, a maioría dos 85 casos confirmados permanecen asintomáticos ou con síntomas de carácter leve, coa obriga de gardar corentena durante 14 días. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados polo persoal do Sergas, que segue investigando ao mesmo tempo os contactos dos novos positivos que van xurdindo.

Por agora, a Xunta de Galicia non tomar outras medidas para restrinxir a mobilidade na comarca. A normativa que rexe na Mariña é a mesma ca no resto de Galicia, agás a demora no restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, vixente en 14 municipios, debido á transmisión comunitaria detectada na comarca.

Tal e como indica a estratexia marcada polo Goberno español, os contactos estreitos son aqueles que estiveran no mesmo lugar que un caso confirmado, a unha distancia menor de dous metros e durante máis de 15 minutos, que proporcionarán coidados a un caso confirmado, ou persoas que viaxaran no mesmo medio de transporte de longo percorrido nun radio de dous asentos arredor dun caso e á tripulación ou persoal equivalente que tivera contacto co devandito caso.

O período a considerar para trazar estes contactos, segundo o mesmo documento, será de dous días antes do inicio dos síntomas do caso co que estivo en contacto a súa persoa ou, no caso de asintomáticos confirmados por PCR, os contactos buscaranse desde dous días antes do diagnóstico.

Medidas de prevención e colaboración

Co obxectivo de reducir ao mínimo o risco de infeccións derivadas do brote da Mariña, e na liña das medidas de prevención que rexen a chamada “nova normalidade”, a Consellería de Sanidade lembra á cidadanía “a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, gardar a distancia física de seguridade, e hixiene de mans”.

Neste sentido, insístese tamén, tal e como se pediu nas xuntanzas cos alcaldes da comarca mariñá celebradas nos últimos días, a colaboración veciñal para dar conta do contacto con persoas afectadas pola Covid-19 e, en caso de detectar incumprimentos das normas, proceder a sancionar ás persoas infractoras.

Segue a disposición da cidadanía o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus e, así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada coa Covid-19.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.