Venres 26 Abril 2024

Así produce a USC miles de litros de xel fronte ao coronavirus

Un vídeo amosa o traballo nas instalacións da Escola Técnica Superior de Enxeñaría para poñer a disposición da Sanidade miles de litros do produto

Co gallo da crise sanitaria xerada polo virus SARS-CoV-2, as universidades galegas puxéronse a disposición da sociedade para botar unha man en varias frontes. Desde a USC, unha das iniciativas foi a posta en marcha do proceso de produción do xel sanitizante destinado a cubrir as necesidades do sistema sanitario o máis rápido posible. O traballo que se está a desenvolver  nas instalacións da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) xa espertou o interese doutras catro universidades españolas (Granada, Almería, Cantabria e Politécnica de Valencia) así como ás de Verona (Italia), Surrey e Edimburgo (Reino Unido) e á Universidade Católica de Perú.

Estas institucións interesáronse pola iniciativa da USC que xa ten posto a disposición da administración autonómica galega arredor de 5.000 botellas do xel. Actualmente, o equipo encargado da súa produción traballa para optimizar o proceso e elevar a produción ata 1.200 ou 1.300 botellas diarias e así alcanzar os 9.000 litros requiridos para o sistema sanitario coa maior celeridade posible.

Publicidade

O reitor da USC, Antonio López, salientou que a fabricación destas solucións por parte da USC encádrase no marco da “liña de máxima colaboración que mantén a USC coa Xunta e coas autoridades sanitarias desde o comezo dunha situación excepcional, como o é este estado de alarma”. Agora, como explica o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, a USC pon o know how do proceso de produción do xel sanitizante a disposición de todas as universidades ou institucións interesadas, sempre que se destine a fornecer os sistemas públicos de saúde, nunca con fins comerciais.

Garantir o abastecemento

A USC comezou a semana pasada a produción de xel sanitizante baseado en etanol ou alcohol isopropílico, a fin de tratar de garantir así o abastecemento deste subministro ao Sergas. A institución docente dá conta así do encargo da administración autonómica para fabricar 9.000 litros desta solución hidroalcohólica, un lote que será distribuído nos centros sanitarios que o precisen en 18.000 envases de medio litro de capacidade cada un, segundo informou o reitor.

Así colabora a ciencia en Galicia fronte á crise (e ofrécese a axudar máis)

Este xel tense convertido nun material imprescindible nas accións fronte á expansión do Covid-19 entre a sociedade e, nomeadamente, entre os profesionais sanitarios e demais persoal que se atopa máis exposto ao coronavirus. A produción propia por parte da USC é posible grazas ao proceso de transformación e adaptación da planta piloto de que dispón o Departamento de Enxeñaría Química na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago.

O equipo científico que se ocupará nunha primeira fase da produción deste tipo de xeles está integrado por PDI e PAS da ETSE, Facultade de Farmacia, Facultade de Química e Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, así como de CRETUS.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Unha ponte entre a cidadanía e a ciencia

O reitor da Universidade de Santiago felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios