Venres 29 Marzo 2024

Galicia atrasa o confinamento nocturno e permite ceas en restaurantes ata as 23 horas

O presidente da Xunta de Galicia comparece para informar dos acordos do comité clínico, que entrarán en vigor nos vindeiros días

A partir deste venres, o territorio galego dará un novo paso no relaxamento de restricións por mor da transmisión do coronavirus SARS-CoV-2. Case tres meses despois do cumio da terceira onda, a máis grave en Galicia, o presidente da Xunta anunciou este mércores que o confinamento nocturno se atrasa ata as 23 horas (seguirá finalizando ás 6 da mañá). En consecuencia, aínda que o horario de peche da hostalaría seguirá, por norma xeral, ás 21 horas, os locais con licencia de restaurante poderán pechar ás 23 para servir ceas.  Alberto Núñez Feijoo argumentou a decisión do comité clínico que asesora ao Goberno galego en que a situación actual é “mellor, ou estable” en comparación con escenarios das anteriores ‘desescaladas’, en decembro de 2020, antes da terceira onda, e a mediados de marzo, os outros momentos nos que se relaxaron as restricións na meirande parte do territorio.

Estas son, en resumo, algunhas das medidas acordadas pola Xunta:

Publicidade

  • O confinamento nocturno atrásase ás 23 horas.
  • Peche perimetral da comunidade autónoma.
  • Visitas e saídas nas residencias de maiores: calquera persoa (de forma individual) pode visitar aos residentes destes centros, seguindo os protocolos vixentes. Os usuarios e usuarias poderán facer ata tres saídas por semana durante un máximo de catro horas.
  • Hostalaría: mantense o horario de peche ata as 21 horas, pero permítense as ceas en restaurantes ata as 23 horas, con cita previa, rexistro de clientes e medidores de CO2.

Con todo, Feijoo advertiu da subida de casos nas áreas de Vigo e Pontevedra, onde se está a rexistrar un incremento da positividade das probas realizadas, mentres que noutras áreas, como A Coruña e Ferrol, o descenso segue sendo constante. E advertiu de que a cuarta onda “xa é unha realidade” en varias comunidades autónomas, co risco dun aumento da transmisión. Do mesmo xeito, apelou a prestar atención ás variantes de especial preocupación, vinculadas a un aumento da transmisión do SARS-CoV-2. Por estes motivos, decidiuse manter o peche perimetral da comunidade autónoma.

Todo queda pendente, porén, da publicación das novas medidas no Diario Oficial de Galicia.

Segundo os últimos datos achegados polo Ministerio de Sanidad, Galicia rexistra unha incidencia acumulada (casos/100000 habitantes) de 77,65 a 14 días e 41,86 a 7. Aínda que se sitúa en menos da metade da media estatal, a tendencia está a ser ascendente despois de manterse en forma de ‘chaira’ desde mediados do mes de marzo.

Neste escenario,o comité clínico acordou este martes manter a partir do venres o peche perimetral nos concellos do Grove, A Pobra do Caramiñal e Carballeda de Valdeorras. Estes tres municipios están afectados por brotes que sitúan a súa incidencia acumulada por riba dos 500 casos/100000 habitantes nos últimos 14 días, polo que se mantén o peche perimetral, a clausura da hostalaría e a prohibición de reunións con non conviventes.

Outros 10 concellos quedan en nivel alto, polo que a hostalaría estará pechada no interior e limitada ao 50% nas terrazas. Serán Monterrei, Cortegada, Padrenda, O Barco de Valdeorras, Rubiá, Barreiros, Carral, Boimorto, Boiro e A Illa de Arousa, por situarse cunha incidencia notablemente maior cá media galega. Neste nivel, como no medio e o medio-baixo, si se permiten as reunións de catro persoas non conviventes en espazos interiores e de seis no exterior.

No nivel medio fican outros 18 municipios: O Irixo, Trabada, Meira, A Pobra do Brollón, Muxía, Cambre, Ortigueira, Ribeira, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilanova de Arousa, As Neves, Gondomar, Vilaboa, Marín e Meaño. Aquí a hostalaría está aberta ao 30% no interior e 50% en terrazas ata as 21h.

No resto dos concellos galegos, un total de 282, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

O comité clínico mantén o nivel máximo en tres concellos á espera dos anuncios deste mércores

Nos últimos días estanse a detectar arredor de 150 novos positivos por infección do SARS-CoV-2. Os casos activos baixo seguimento son este mércores 2400, dos que 158 están en unidades de hospitalización e 26 na UCI. Ata o momento notificáronse 2370 falecementos entre as preto de 120000 personas que recibiron un diagnóstico positivo polo coronavirus.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"