Venres 26 Abril 2024

Pontevedra, unha cidade chea de anécdotas

A Oficina de Turismo de Pontevedra inaugura o Servizo de Visitas Guiadas 2018. Estas actividades permitirán aos visitantes achegarse dun xeito ameno ao centro histórico da cidade. As visitas serán accesibles ata o 30 de setembro en xornadas de mañá e de tarde, dependendo do día. Ademais, coma novidade, nas festas da Virxe Peregrina ampliaranse os horarios. O percorrido organízao a Casa da Luz, o primeiro edificio de Galicia que tivo luz eléctrica. Este é un dos misterios da cidade que desvela esta agradable experiencia.

“Como facía moita calor, en vez de irnos facer turismo fóra, decidimos facelo aquí”

Nunha mañá de sábado percíbese moita expectación dentro e fóra da Oficina de Turismo de Pontevedra, situada na Avenida de Santa María. Sobre todo por parte de Marta Pérez, a encargada de informar e vender as entradas aos turistas. Maricruz é unha delas. Non vén de lonxe, é pontevedresa.  Esta muller acode á recepción para comprar os pases dos seus amigos e amigas. Xa cos papeis na man e un gran sorriso na cara, explica os motivos que a animaron a embarcarse nesta aventura. “Como facía moita calor, en vez de irnos facer turismo fóra, decidimos facelo aquí”. A súa compañeira Alicia, tamén nada en Pontevedra, espera aprender moito desta experiencia.

Publicidade

Marta Pérez, a informadora, acolle con entusiasmo estas visitas guiadas polo centro histórico de Pontevedra.
Marta Pérez, a informadora, acolle con entusiasmo estas visitas guiadas polo centro histórico de Pontevedra.

Non tardan en chegar Rita e Elena, tamén da cidade. “Estamos aquí porque Rita tiña diñeiro que lle sobraba”, chancea Elena. Segundo din, no seu grupo hai xente que non coñece demasiado Pontevedra, por iso tiveron a idea de asistir. “Queremos pasalo ben, que nos conten cousas novas ou lembrar o que xa sabemos”, matizan. Marta Pérez dálles, xunto coas entradas, uns folletos informativos para complementar os datos da visita. Acto seguido, agradécelles que esperen fóra polo guía.

Xente de aquí e de acolá

Xa na rúa, un importante número de persoas falan entre elas. Todas turistas. A meirande parte vén de Galicia: de Vigo, de Foz, de Lalín… Aínda que tamén de fóra de España, como Portugal, como é o caso de Pablo e Hortensia, que veñen de Lisboa. Son de diferentes lugares pero teñen algo en común: a curiosidade por coñecer máis sobre Pontevedra. Que lles deparará a visita? Nuns minutos aparece Inés Brandido, a guía turística. Axiña se decata de algo importante: “É unha visita peculiar, a maior parte dos visitantes son galegos, non é o habitual”, apunta. É unha circunstancia tan excepcional que non sabe se falar en castelán ou en galego.

Os asistentes da primeira visita guiada polo centro histórico de Pontevedra son maioritariamente galegos
Os asistentes da primeira visita guiada polo centro histórico de Pontevedra son maioritariamente galegos

Os segredos da Ponte Vella

A pesar de estar acostumada a tratar con xente doutros lugares, a guía turística demostra experiencia. Leva xa oito anos traballando neste tour e nótase a bagaxe laboral. Inicia o percorrido adaptando o seu discurso á situación. Sostén que “a curiosidade chama á curiosidade”. Por iso comeza a exposición cunha serie de preguntas introdutorias sobre a cidade. Grazas a elas, os visitantes puideron aprender que Pontevedra significa Ponte Vella  ou que nela habitan aproximadamente 83.000 persoas.

Inés avanza cara as Ruínas do Convento de Santo Domingo, das que se conserva unha cabeceira con cinco ábsidas de finais do século XIV. É a maior cabeceira construída polos dominicos en Galicia. A guía resalta a importancia da conservación deste lugar, aínda que non estea completo: “É unha sorte que conservemos esta cabeceira, xa que tiñan pensado derribala xunto coa antiga muralla medieval”. Fala tamén dunhas lápidas situadas no chan: son laudas gremiais. Estas en concreto pertencían aos gremios dos panadeiros e dos cesteiros.

Os turistas deixanse levar pola historia das Ruínas de Santo Domingo.
Os turistas deixanse levar pola historia das Ruínas de Santo Domingo.

A continuación, visítase a Casa Consistorial, un edificio empregado en diversos rodaxes cinematográficos e televisivos como na popular serie de Fariña. Este lugar é un dos dous concellos de Pontevedra. Está separado do edificio administrativo. “Se alguén di: ‘quedamos no concello’., estase a referir a este”, apunta a guía. Tamén se fixo unha parada para falar de O Fiel Contraste, unha obra escultórica do coñecido Ramón Conde.

O FIel Contraste, a escultura de Ramón Conde situada na parte superior da Casa Consistorial.
O FIel Contraste, a escultura de Ramón Conde situada na parte superior da Casa Consistorial.

Pouco despois, os turistas atravesan a Praza de Santa María para chegar á Basílica Menor de Santa María a Maior. Nesta ocasión, a visita no interior do templo foi breve por mor da celebración dunha comuñón. Porén, Inés transmitiu o significado da fachada plateresca, que comparou coa do Hostal dos Reis Católicos ou coa do Colexio Fonseca en Santiago de Compostela. “Esta basílica é especial polas influencias portuguesas grazas aos mestres canteiros portugueses do século XVI”. Pero sen dúbida, o que fai excepcional a esta igrexa é que foi levantada por un gremio de traballadores.

Unha calor de mil demos

Á metade do camiño, Rita atópase moi satisfeita: “A experiencia está sendo moi positiva”. Comparte esta opinión Gigi, que naceu en Cádiz, pero leva 40 anos vivindo en Pontevedra: “Sempre é máis agradable aprender cousas das que non te vas examinar”. No caso dos portugueses Pablo e Hortensia tamén. “Gústanos moito Galicia e estamos a aproveitar esta visita”, engade Pablo. Vai moita calor. O público de Inés aproveita a sombra para refuxiarse do sol, mais observa e escoita con moita atención.

As visitantes Elena e Rita escoitan con atención as palabras de Inés sobre o Cruceiro.
As visitantes Elena e Rita escoitan con atención as palabras da guía turística

Un lugar, unha anécdota

Unha vez chegados á Praza das Cinco Rúas, o cruceiro do século XVIII acaparaba todas as miradas. “Cantos cruceiros hai en Pontevedra?”, preguntaba Inés. Segundo un estudo realizado por uns compañeiros seus, en Galicia hai quince mil. Os cruceiros afondan as súas raíces na cultura castrexa. Entre as numerosas aplicacións, unha delas era a de protexer aos transeúntes.  Os cristiáns retomaron esta tradición pagá.

Após a visita á Praza do Teucro e afondar sobre as orixes de Pontevedra, pasouse polo Camiño Portugués. Este traxecto é de vital importancia para os peregrinos xa que se dirixe á cidade de Santiago de Compostela. Unhas luces situadas no chan marcan o percorrido unha vez caída a noite. Foron moitos os segredos antes de chegar á Igrexa da Peregrina: a escultura de Valle-Inclán na Praza de Méndez Núñez; a Praza da Ferrería, onde se asentaba o gremio dos ferreiros ata o século XV; ou a obra escultórica do enigmático Papagaio Ravachol.

A viaxe fina no Santuario da Virxe Peregrina, que conta coa cuncha da vieira máis grande de España. Inés Brandido remata así unha exposición chea de anécdotas que, incluso os propios pontevedreses, descoñecían. Demóstrase así que Pontevedra é unha cidade moi interesante, de alto valor histórico e cultural para os turistas. A guía turística comeza estes días a transmitir os aspectos máis salientables da cidade nun tempo reducido, pero que dá moito de si. Unha aventura que, sen dúbida, paga a pena.

A guía turística Inés Brandido diante do Santuario da Virxe Peregrina.
A guía turística Inés Brandido diante do Santuario da Virxe Peregrina.

 

Horario e visitas

Este verán do 23 de xuño ao 30 de septembro, os turistas poderán desfrutar do servizo de visitas guiadas estivais acompañados por un Guía Oficial de Turismo de Pontevedra.

As visitas sairán dende a Oficina de Turismo Rías Baixas e realizaranse en horario de mañá e tarde. Do 23 de xuño ao 15 de setembro ás 11:30h e ás 18:30h de luns a sábado, domingos e festivos só ás 11:30h. Do 16 ao 30 de setembro ás 11:30h e a visita en horario de tarde adiántase ás 14:30. Os domingos manterán o seu horario

Durante ás festas da Virxe Peregrina, do 10 ao 19 de agosto, ampliaranse os horarios. Haberá dúas visitas guiadas en horario de mañá: unha ás 11:30h e outra ás 12:00h. Pola tarde haberá tamén dúas: unha ás 18:30h e outras ás 19:00h. Domingos e festivos ás 11:30h.

As visitas terán un prezo de cinco euros na tarifa xeral e tres euros na tarifa reducida. O tamaño máximo do grupo será de 35 persoas e o mínimo de cinco.

Máis información aquí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas