Domingo 28 Abril 2024

“Nos Museos Científicos Coruñeses queremos menos pantallas e máis contacto real”

Mentres camiña entre as ducias de experimentos e pezas expostas na Casa das Ciencias, Marcos Pérez Maldonado vai apuntando detalles que se lle escapan ao visitante. Como é posible que, ao abalarnos nun bambán e coller forza, chegue un momento no que fiquemos totalmente parados, mentres o outro bambán comeza a moverse de seu? Como se pode soster unha pelota amarela no aire, como por arte de maxia, grazas a un ventilador? Abraiarse coas marabillas da ciencia a través do xogo pode ser un primeiro paso para crear cidadáns e cidadás que se namoren do coñecemento científico. O director dos Museos Científicos Coruñeses (mc2) conversa con GCiencia sobre o presente e o futuro dos lugares onde está ‘prohibido non tocar’.

– Que sente cando alguén sae dos Museos Científicos Coruñeses cun sorriso de orella a orella?

Publicidade

– Hai dúas cousas distintas. Está a ledicia do xogo, que é algo propio deste tipo de museos. Como a xente ten liberdade para probar, para facer o que lle apeteza, o que hai é un xogo coas cousas que están aquí dentro. Ás veces é un xogo manipulativo, mesmo físico, ou intelectual, de recoñecemento, etc. Hai xente que se divirte con estas cousas, e iso é unha sensación que non ten que ver tanto co museo, senón coa vida en xeral, como cando eu vexo ás miñas fillas no parque e están xogando e rindo, iso é unha marabilla.

“Hai xente que ao ver un módulo interactivo comprende por fin algo que antes non entendía ben”

E a parte de aprendizaxe, por outra banda, é distinta. Porque a noción clásica de aprendizaxe na nosa cultura ten que ver coa lectura, co eido escolar, algo regrado, estruturado, xerarquizado, e iso non é algo que se vexa nun museo de ciencia. Nun museo científico expoñémonos a estímulos, a feitos, a ideas, e a partir deses materiais establecemos moitas conexións que teñen que ver co que xa traemos dentro. Non é o mesmo o que experimenta unha matemática na Casa das Ciencias que o que sente unha nena de nove anos. Son cousas totalmente distintas. Depende moito do que cada un de nós somos.

E así, aquí hai de todo. Hai xente que descobre cousas, que ao ver un módulo interactivo comprende por fin algo que non entendía moi ben. E tamén hai outro tipo de aprendizaxe que ten que ver coas emocións. As asignaturas de ciencias en xeral teñen a etiqueta de seren difíciles de entender, que esixen un esforzo que ás veces non ten recompensa, e que mesmo che fan sentir un pouco ‘burro’ de cando en vez. Nun museo de ciencia hai a oportunidade de que un se sinta máis intelixente, porque fai asociacións brillantes, porque descobre cousas. Non é tanto o que aprendes senón como cambia a túa comprensión de cara a determinados fenómenos científicos.

Marcos Perez pon a proba a célebre lámina de xabón da Casa das Ciencias. Foto: Anxo Iglesias.
Marcos Perez pon a proba a célebre lámina de xabón da Casa das Ciencias. Foto: Anxo Iglesias.

– Que exemplos hai disto?

Hai unha pregunta que nos fan moito, sobre todo na Casa das Ciencias, que é onde se aborda máis frontalmente o ensino científico (movemento, rozamento, calor, luz, etc.): “Por que pasa isto?”. Os textos dos paneis non explican o que pasa. Hai uns días, nunha visita da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias propuxémoslle que pensaran en tres textos alternativos para o ventilador que fai que unha pelota fique suspendida no aire. Algo que calquera pode facer na casa cun secador de pelo e unha pelota de tenis de mesa. O que hai no texto agora é unha suxerencia de uso e varias preguntas, para facer que a xente experimente.

Pero neste, como en moitos casos, as explicacións non son moi accesibles: hai que citar a Bernouilli, ou dar unha fórmula matemática que non todos podemos comprender. Pois ao mellor iso non é unha explicación: pódese entender no sentido en que ti ves que hai unha razón, pero moi probablemente esa explicación non é para ti, non a vas entender. Entón, esa ‘tensión’ de non dar todas as explicacións e facer que a xente saia con máis preguntas das que traía a chegar, esa é tamén a auténtica disposición para aprender cousas.

– No tempo que leva aquí, viu nacer vocacións científicas despois de visitar os museos?

– Tes diante unha delas. Tiña 13 anos cando viñen á Casa das Ciencias, e lembro o impacto da visita, de todas as cousas que non eran explicacións ao uso, coas que ti podías xogar. Para min é unha constante no sentido do museo, o ‘prohibido non tocar’, algo que no seu momento foi bastante revolucionario. E mesmo agora que temos todos estes aparellos virtuais, que sigan existindo obxectos físicos, manipulables é unha novidade en certo modo. En todos estes anos hai moita xente na Coruña que tivo tempo para desenvolver a súa carreira científica, e algúns deles veñen aquí a dar conferencias, e si que é un comentario habitual: viñeron aquí cando eran rapaces, e lembran a visita, e posiblemente aquela visita forma parte do conxunto das vivencias que dan lugar a carreiras científicas.

– Fala da irrupción do mundo dixital. Cara a onde deben ir os museos tendo en conta isto?

– É algo no que estamos inmersos agora. Parte das reunións que temos co equipo dos Museos son de prospección, de pensar cara a onde imos, se as cousas que vemos noutros sitios se poden trasladar aquí, etc. O futuro dos museos faise ás veces con decisións pequenas, cambios sutís de enfoque que deveñen en cousas distintas. E neste momento o que temos claro é que toda esa virtualidade que atopamos nas redes sociais, onde non existe o contacto real coa xente, ou no ocio virtual, están aí para quedarse. Pero iso non substitúe aos contactos reais. E nese sentido os Museos Científicos Coruñeses camiñan cara a unha desvirtualización dos contidos. Queremos menos pantallas, menos referencias ao mundo virtual, e máis contacto real, porque vemos que o que empeza a falta na experiencia da xente é o contacto.

Por exemplo, son todas esas experiencias de perda de contacto que experimenta a xente que vive nas cidades. Pasear por un bosque, ou por unha praia en inverno, son cousas cada vez máis extraordinarias. Entón temos que reivindicar a experiencia directa, o contacto real, coa xente, cos materiais, co físico”.

O director dos mc2 sinala que os módulos interactivos dos museos cambian a comprensión das persoas cara a determinados fenómenos científicos. Foto: Anxo Iglesias.
O director dos mc2 sinala que os módulos interactivos dos museos cambian a comprensión das persoas cara a determinados fenómenos científicos. Foto: Anxo Iglesias.

– Como é un día a día dirixindo os Museos Científicos Coruñeses?

– Sempre hai sorpresas, e cousas que xorden e que hai que atender. E hai unha parte lóxicamente que ten que ver coa xestión, como toda institución pública: mercar unhas lámpadas require unha tramitación administrativa. Hai tamén traballo de mantemento: un sitio onde podo se pode tocar, apalpar, mover, ten que ser revisado todos os días, hai que reparar ou axustar as cousas que o precisen. Hai tamén atención ao público: visitas guiadas, de formación, etc. É un día a día moi diverso.

E hai que deixar tamén un tempo para producir: novas exposicións, novos contidos, cambios na información que ofrecemos nas redes sociais e na web… A nós non nos interesa que a xente estea co teléfono móbil na man, pero si queremos que a xente nos poida coñecer a través da rede, por iso procuramos darlle vida á web e ás redes.

– E como mudou A Coruña coa existencia dos mc2?

– Os museos son un recurso público municipal. As taxas de acceso son das máis baixas deste tipo de museos en Europa. E todos os anos veñen colexios e institutos de forma sistemática desde toda Galicia, o que demostra que son tamén un recurso educativo. E tamén hai outra variante, o efecto sobre a identidade da cidade. A Coruña ten iconas, como a Torre de Hércules, María Pita, as praias, as rúas dos viños, e tamén están os Museos Científicos.

E así, os museos son unha das visitas típicas destas datas é a dos veciños da cidade que acompañan aos amigos ou familiares que viven fóra e os levan a coñecer as iconas da cidade. Van á Torre, ás praias, a María Pita… pero tamén aos Museos Científicos Coruñeses. Porque son as cousas das que un se gaba da súa cidade cando lla ensina á xente de fóra.

– A ciencia avanza máis ca nunca, pero agroman con forza as pseudociencias. Que está fallando?

– Hai unha parte da sociedade que non comparte a sensación que temos moitos de que a ciencia é un mecanismo de progreso social. Nós vemos a parte positiva da ciencia, pero é certo que ten tamén un lado negativo: hai xente que sente que está quedando á marxe cos cambios tecnolóxicos asociados aos avances científicos; xente que xa non entende moi ben o mundo no que vive.

“Algúns científicos e divulgadores teñen unha actitude un pouco prepotente: din ‘eu teño a certeza de que isto é así e ti tes que tela tamén'”

E tamén hai por parte dalgúns científicos e divulgadores unha actitude un pouco prepotente; din que ‘eu teño a certeza de que isto é así e ti tes que tela tamén, porque o dicimos nós’. E iso a moita xente xéralle rexeitamento.
E logo hai tamén movementos sociais como os antivacinas, ou este delirio en Cataluña, aprobando a venda de leite cru, algo que se prohibira para evitar enfermidades (meninxite, brucelose) que se transmiten facilmente se non se pasteuriza o leite. Hai unha volta a unha suposta naturalidade perdida. Hai tamén modas, porque ti ves agora calquera revista de tendencias e estas cousas están por todas partes.

Por unha banda hai un desencontro entre a ciencia e parte da sociedade, e por outra, a intención interesada de persoas que viven de vender cousas que non se deberían vender e que sacan beneficio delas: a homeopatía, outras pseudoterapias que non curan e que evitan que a xente vaia a onde se pode curar. Todo isto ten un trasfondo económico.

“Non pode ser que os colexios de médicos e farmacéuticos amparen a homeopatía; iso confunde á xente”

A cuestión é o que se pode facer desde a ciencia. No artigo que escribín sobre as vacinas, o que expoñía é que hai persoas ás que os feitos e os datos non as convencen; móvense por mecanismos máis emocionais. Por iso o artigo empezaba cunha cita de Roald Dahl, á que lle morrera a súa filla maior por mor do virus do sarampelo porque non había vacinas. Foi algo que lle cambiou a vida. El perdeu á súa filla, e logo ve que a xente non vacina aos seus fillos por tonterías, e pensa ‘eu perdín á miña, pero non perdades vós ás vosas’.

Pero claro, estas cousas son difíciles. Hai que insistir moito e hai que mudar cousas. Non pode ser que os colexios oficiais de médicos e farmacéuticos amparen este tipo de prácticas, porque iso confunde á xente. Se ti eres tibio con isto, ao mellor o usuario non ten criterio para discernir o que é medicina e o que é un timo.

– Non deberían intervir máis as institucións públicas, apoiando máis á ciencia?

– Eu penso que é imprescindible. Non pode haber un futuro para un país coma o noso se non hai desenvolvemento científico. E o que está acontecendo nos últimos anos é lamentable e unha auténtica desgraza. Son moitos anos de diminución de recursos destinados á ciencia. Hai xeracións enteiras de novos investigadores, nos que se investiron moitos cartos para formalos, e que agora están fóra e moitos deles non van volver. É un auténtico fracaso social que hai que reverter.

Desde o eido local, os concellos pouco poden facer, porque a política científica se establece no eido estatal e autonómico. Pero todos os científicos e divulgadores participamos desta protesta pública. De feito na Domus temos unha exposición sobre científicos novos, que naceron aquí pero xa non están aquí. Isto é unha invitación á xente nova a seguir carreiras científicas, pero tamén unha reflexión sobre como está a carreira. Noutros países un pode ter a aspiración de traballar para ser científico, e logo ter unha vida normal, preto da casa, e isto en España está totalmente en cuestión.

Non pode ser é que este país non teña un sistema científico que produza ciencia e tecnoloxía en termos de riqueza para o país. Renunciar a ese potencial é como renunciar á costa. Temos un sistema de formación científica espléndido para os recursos que temos, pero o que falla é a parte final, a inserción no sistema produtivo do país.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como rexenerar o monte galego para resistir o cambio climático? Así o investigan na USC

Un grupo de Lugo proba distintas combinacións para a introdución de especies animais e vexetais en Quiroga, Abegondo e Cervantes

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

Un tren de borrascas traerá abundante chuvia e descenso térmico a Galicia na ponte de maio

A vindeira semana estará marcada pola alta probabilidade de precipitacións en todo o territorio, con temperaturas que non superarán os 15 graos