Luns 2 Decembro 2024

Éter, cloroformo e Santiago de Compostela

A cidade foi pioneira en España, en 1847, no uso da anestesia xeral para as cirurxías; un fito pouco coñecido fóra do eido académico

O ano 1846 foi deses anos que marcan un antes e un despois na historia da Medicina e da humanidade. Foi o ano no que se deu co método adecuado para facer cirurxías xerais, durmindo por completo ao doente. Antes desa data as operacións cirúrxicas supoñían un trauma brutal e había quen prefería a morte a pasar polo trago dunha cirurxía.

A anestesia xeral supuxo un gran salto. Permitiu aforrar o sufrimento ao doente e ademais fixo posible facer cirurxías máis complexas, e que salvaron máis vidas. Santiago de Compostela foi a primeira cidade en España que a aplicou. Un fito pouco coñecido fora de ámbitos médicos e no que o Camiño de Santiago xogou un papel fundamental, ao converter á cidade durante séculos nun lugar de confluencia de saberes e de persoas de moitas nacionalidades. Unha sorte de historia, determinante na creación e transmisión de novo coñecemento cultural, e tamén científico, neste caso ligado ao ámbito da Medicina.

Publicidade

Parte da Colección de Anestesioloxía da Facultade de Medicina da USC.
Parte da Colección de Anestesioloxía da Facultade de Medicina da USC.

Xosé Carro Otero, médico, antropólogo, profesor e Presidente da Real Academia Galega de Medicina, é un dos maiores coñecedores da Historia da Medicina compostelá. Sentarse a falar con el é escoitar un libro aberto sobre o uso pioneiro da anestesia en Galicia, e sobre o papel fundamental que xogou Compostela e a súa Universidade neste fito científico.

Segundo explica o profesor Carro Otero, a cirurxía “moderna” comezou a ser posible no 1846 grazas ao descubrimento da anestesia xeral. Ata ese momento, as únicas operacións que se viñan realizando eran as chamadas “externas“, pois as intervencións nas distintas cavidades internas, como a abdominal ou a pélvica, antes da anestesia xeral nunca foran posibles. Explica o profesor Carro Otero que no caso do abdome a aplicación da anestesia foi especialmente significativa, ao impedir a contracción espontánea dos músculos da parede abdominal. Antes diso, engade, cando se facía unha incisión no abdome os intestinos saían por ela e non había forma de volver a introducilos.

Publicidade

No entanto, a anestesia ten unha historia longa que vai moito máis atrás no tempo. Xa dende a prehistoria os humanos estiveron á busca de substancias analxésicas e anestésicas que permitisen mitigar a dor das intervencións realizadas sobre os doentes. Foi moi común o uso do alcohol, visto moi habitualmente no cine, a cocaína, determinadas herbas ou algúns derivados do opio e o cannabis. Tamén era habitual empregar métodos físicos para producir no doente un coma temporal, dándolle, por exemplo, un golpe na cabeza para que se desmaiase, ou mediante un pequeno, e supostamente, estrangulamento controlado. Calquera dos métodos era de alto risco, e o máis eficaz resultaba ser “simplemente” amarralo pola forza. Con todo, e a pesar da intensa busca ao longo dos séculos, todos eses métodos supuxeron intentos fallidos porque non conseguían durmir completamente ao doente.

Por sorte, isto comezou a cambiar, e fíxoo en paralelo aos inicios, e avances, da Química. Foron o éter sulfúrico e o cloroformo as sustancias que si conseguiron durmir por completo ao doente. O éter como sustancia química, aínda que bautizado como vitríolo doce, foi descuberto no século XIII. No entanto, ata chegar ao seu uso anestésico a mediados do XIX tiveron que pasar varios séculos sen apenas grandes avances. O descubrimento do cloroformo foi máis recente, de principios do XIX. Porén, non foi ata os anos 40 dese mesmo século, que comezou a usarse como anestésico.

O profesor Carro Otero conta que o descubrimento do éter como anestésico foi un achado curioso. Naquela época, e en determinados círculos, puxéranse de moda as chamadas “festas do éter”, nas que se inhalaban determinadas substancias só pola diversión que provocaban os seus efectos.

Foi nunha desas festas no ano 1842, cando un médico norteamericano chamado Crawford Williamson Long se decatou de que os seus amigos eran insensibles á dor despois de inhalar éter. Axiña pensou na súa potencial aplicación á cirurxía, e días despois extirpou dous tumores do pescozo a un doente con total éxito. Continuou a facer máis operacións administrando éter, pero Williamson non fixo público o seu achado ata 1849. Iso fixo que segundo a documentación histórica non fora o primeiro.

Outra substancia empregada como anestésica foi o óxido nitroso, ou gas hilarante, descuberto no 1800. Era un dos gases usados nas “festas do éter” debido a súa capacidade para provocar risas de forma compulsiva. Acadou tal sona que aos donos dos circos ambulantes lles gustaba meter un número para entreter aos asistentes. Precisamente nun deses espectáculos foi descuberta a súa capacidade para eliminar a dor. Horace Wells, un dentista de Boston que se atopaba entre o público nun número con éter, observou como un dos participantes, levado pola excesiva euforia ao inhalar o gas, se golpeaba as pernas e sangraba, mais non manifesta dor. Incluso ría de forma descontrolada. Wells, logo diso, chegou a usalo nas súas intervencións odontolóxicas de maneira habitual, mais non tivo a sorte de coñecer realmente o alcance do seu achado.

Ether Dome (Cúpula do Éter), na sala onde tivo lugar a célebre operación de 1846. Fonte: Adam Lenhardt - CC BY-SA 3.0.
Ether Dome (Cúpula do Éter), na sala onde tivo lugar a célebre operación de 1846. Fonte: Adam Lenhardt –
CC BY-SA 3.0.

A capacidade anestésica do gas hilarante era menor que as outras dúas, quedando, ao final, restrinxido o seu uso a intervencións máis pequenas, como as odontolóxicas. No entanto, o seu descubrimento abriu paso a novas investigacións con outras sustancias, como o éter, que si foron máis determinantes, e que permitiron que o 16 de outubro de 1846 tivera lugar o gran salto. Ese día, o doutor John Collins Warren conseguiu extraer, empregando éter, un tumor do pescozo a un doente agora xa célebre, Edward Gilbert Abbott. Foi no Anfiteatro do Hospital Xeral de Massachusetts (Estados Unidos); lugar que pasou a ser coñecido como Ether Dome (Cúpula do Éter). A pintura da operación hoxe xa forma parte da Historia da Medicina. Pouco tempo despois desa primeira intervención, o uso do éter estendeuse rapidamente por Estados Unidos e Europa.

En canto ao cloroformo, foi utilizado por primeira vez en 1847 por James Young Simpson, xinecólogo escocés que comezou a usalo para anestesiar durante os partos. Nese momento buscábanse xa novas sustancias con menos efectos secundarios que o éter. Porén, o cloroformo, que naquel entón aínda non se sabía que era máis tóxico que o propio éter, popularizouse rapidamente como anestésico. Décadas máis tarde volveuse ao éter.

Aquí en Galicia, e tan só catro meses despois da operación de Massachusetts, en febreiro de 1847, constátase que tiveron lugar en Santiago de Compostela as primeiras cirurxías con anestesia de España. Foron no antigo Hospital Real. Sábese que foron realizadas polo cirurxián e catedrático da Facultade de Medicina compostelá, o profesor José González Olivares. Esas primeiras operacións foron realizadas con éter. E meses máis tarde, como acontecía no resto de Europa, introduciríase tamén o cloroformo. Nese caso, os pioneiros serían os cirurxiáns e profesores de Medicina da USC Andrés Laorden e Vicente Guarnerio.

Do éter e cloroformo a outras substancias

Ambas substancias, éter e cloroformo, explica Carro Otero, non eran doadas de conseguir, e tívose que buscar quen as preparase en Santiago de forma habitual. O encargado da súa elaboración comezou a ser o catedrático de Química da USC Antonio Casares Rodríguez, fundador no 1843 da Farmacia da Praza do Toural de Santiago. Anos máis tarde converteríase tamén en ilustre reitor da Universidade de Santiago.

Ao profesor Antonio Casares Rodríguez, recoñéceselle, entre outros, o mérito de facer preparados “puros” que evitaron moitos dos efectos adversos, incluídas mortes, que se estaban a observar noutros hospitais de España e Europa.

Comenta o profesor Carro Otero que era habitual naquel inicio da anestesia que moitas das elaboracións usadas estivesen adulteradas para lograr maiores e ilícitos beneficios comerciais. Casares deixou escrita unha publicación médica, do ano 1848, na que explica non só o proceso de preparación do cloroformo, senón tamén as observacións feitas ao probalo en si mesmo, en presenza dos colegas Laorden e Guarnerio, co obxectivo de coñecer mellor os seus efectos. Así mesmo, desenvolveu un protocolo para que os cirurxiáns composteláns soubesen recoñecer os preparados adulterados.

Chegados case a finais do século XIX e despois de moitos efectos adversos producidos polo cloroformo en todo o mundo, volveuse ao éter, sendo este o anestésico estándar usado ata 1960. Asemade, foron xurdindo novos anestésicos, tamén locais, e aparatos para aplicalos, así como novas técnicas de aplicación. A Universidade de Santiago seguiu a ter un peso destacado en moitas desas investigacións e aplicacións médicas.

O éter foi desprazado na segunda metade do século XX por novos e diferentes anestésicos, moito máis potentes, ata chegar as sustancias usadas hoxe. Con todo, os mecanismos de acción da anestesia aínda non se coñecen totalmente, habendo certas teorías que recentemente foron postas en dúbida.

Hoxe, na terceira pranta da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, pode visitarse a colección adicada a Historia da Anestesioloxía. Conta con algunhas pezas do antigo instrumental médico anestésico, cirúrxico e de reanimación de Galicia.

Unha colección actualmente dependente dos Museos da Xunta de Galicia, moi interesante, aínda que precisa, para mellor comprensión do visitante, máis espazo, organización e un maior relato das pezas expostas. Non parece, ao visitala, que se estea a facer unha valoración xusta do rol que a cidade, a facultade de Medicina, e a propia Universidade tiveron nun feito tan importante como o descubrimento da anestesia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Órganos impresos en 3D: a revolución tecnolóxica que está a mudar os quirófanos do país

As simulacións de Cella Medical Solutions pódense usar para a práctica previa e mesmo nas propias intervencións cirúrxicas

Gómez Ulla, un médico en todas as frontes de batalla

O cirurxián compostelán participou na contenda de Marrocos e as dúas guerras mundiais mellorando a atención aos soldados feridos

Unha tese confirma a desnutrición como factor de risco na cirurxía colorrectal

A investigación revela que as medidas de control nutricional e a suplementación poderían reducir as complicacións e mellorar a evolución dos pacientes

Gómez de Bedoya, o médico que clasificou as augas minerais

Este hidrólogo ilustrado deixou pegada en Compostela, onde avanzou na cirurxía, buscou moitas polémicas e cantou ás súas fontes medicinais