O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) acolleu este venres a presentación da 2ª edición do proxecto MEDRA(MediPIX para Estudo e Detección de Radiación nas Aulas). A iniciativa, promovida polo EduLab do IGFAE, ofrece ao alumnado de bacharelato de centros educativos de Galicia a súa primeira experiencia investigadora en física nuclear de partículas.

Neste acto, enmarcado dentro da VI Edición da Semana da Ciencia do IGFAE, participou unha representación dos equipos que tomaron parte na 1ª edición do certame. Durante o pasado curso, decenas de estudantes afondaron no coñecemento desta disciplina a través do uso dos Minipix, uns detectores híbridos de última xeración desenvolvidos polo CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear). Estes aparellos funcionan como unha cámara, fotografando as pegadas que deixan as partículas procedentes do cosmos ou dunha fonte radioactiva ao atravesar o sensor. Estas pegadas indican o tipo de partícula que se está a observar, a súa enerxía, a carga eléctrica, a súa orixe e a súa traxectoria.

Publicidade

Coa información recollida nos experimentos e o posterior traballo de análise de datos, o alumnado redactou un artigo científico, que será enviado a unha revista científica do ámbito educativo para a súa publicación. Durante o encontro deste venres no IGFAE, o alumnado realizou unha presentación da investigación desenvolvida ao abeiro de MEDRA.

EduLab é un foro de intercambio e co-creación coa comunidade educativa. Foto: IGFAE

Inscricións abertas para a 2ª edición de MEDRA

O acto serviu tamén para lanzar a convocatoria da segunda edición do proxecto, que terá lugar no presente curso académico. O IGFAE cederá un detector Minipix a cada centro participante durante un período de 2-3 semanas, no que os equipos deberán realizar un experimento sobre física de partículas. O formulario de inscrición estará dispoñible desde este venres 10 ata o vindeiro 30 de novembro na páxina web de MEDRA.

Publicidade

Durante o desenvolvemento do experimento, o persoal do IGFAE colaborará con cada grupo para realizar o traballo con éxito. Este apoio compleméntase coa información facilitada no manual do proxecto e outros materiais formativos, como videotutoriais, para garantir o correcto uso do dispositivo e, por tanto, unha axeitada toma de datos.

EduLab é un foro de intercambio e co-creación coa comunidade educativa. Foto: IGFAE

Sobre EduLab

EduLab é un foro de intercambio e co-creación coa comunidade educativa onde o persoal científico do IGFAE e a comunidade educativa (profesorado, estudantes) únense para poñer en marcha proxectos colaborativos. Este espazo procura maneiras innovadoras, máis atractivas e estimulantes, de educar nos temas científicos relacionados coa Física, en especial, aqueles máis próximos á investigación que se leva a cabo no IGFAE, que poidan servir de apoio na actividade docente e tamén espertar vocacións científicas entre as persoas máis novas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

O físico Antón Baleato incorpórase ao IGFAE: “Quero axudar a construír rede e cultura científica en Galicia”

O cosmólogo creará o seu grupo de investigación no centro para impulsar o proxecto ACCELENS, beneficiado cunha Starting Grant

Do CERN ao Revenidas: a ciencia sobe ao escenario con máis de dez relatorios da man do IGFAE 

O festival acollerá por primeira vez en Galicia unha iniciativa que aposta por achegar a investigación á sociedade a través das palabras de trece investigadores nacionais e internacionais

Aprendizaxe mecánica, falta de recursos e presión familiar: as claves da caída galega no informe PISA

A profesora da UDC Montserrat Castro considera que as metodoloxías empregadas fomentan unha lectura instrumentalista en vez dunha comprensiva