O programa educativo Inspira STEAM, promovido pola Universidade de Deusto e coordinado na Coruña pola investigadora Verónica Bolón do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), celebrou este mércores 21 de xuño o peche da edición correspondente a este curso. Este programa ten como obxectivo fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os estudantes, especialmente entre as nenas, e contou este ano coa participación de catro centros: o IES Ramón Menéndez Pidal, o CPR Sagrado Corazón Franciscanas, o Colexio Santo Domingo e o CEIP Teixeiro.
A nova edición de Inspira STEAM comezou o pasado xaneiro cunha xornada formativa en liña que tivo unha duración de cinco horas. Nesta xornada, participaron mentoras e mentores do ámbito académico, empresarial e da investigación. A formación foi impartida por Ander Mimenza Aurrecoechea, un experto en desenvolvemento organizacional e de persoas.
Unha vez rematada a xornada formativa, desenvolvéronse seis sesións de traballo en centros educativos de ensino primario e secundario da provincia da Coruña. Estas sesións tiveron como obxectivos facilitar referentes de mulleres científicas e tecnólogas ao alumnado, dar a coñecer as profesións STEAM, sensibilizar e orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, reivindicar as mulleres STEAM da historia e concienciar sobre os estereotipos existentes nestas áreas, coa finalidade de non condicionar as decisións das nenas e dos nenos.
Nesta edición, o programa contou tamén coa colaboración da cátedra NTT Data e do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), o que enriqueceu a experiencia e permitiu un maior alcance e difusión das actividades realizadas.
“Inspira STEAM está a ser unha iniciativa moi valiosa no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado. O compromiso e a colaboración dos diferentes axentes implicados, así como o interese e a participación activa dos estudantes, son clave para o éxito deste programa” segundo explicou a propia Verónica Bolón, quen recordou que xa está aberto o prazo de inscrición para o vindeiro ano. Os centros interesados poden formalizar a súa participación a través desta ligazón. As sesións comezarán en
xaneiro de 2024.
O proxecto
O programa Inspira STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas) é un proxecto pioneiro para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, baseado en accións de sensibilización e orientación, que imparten mulleres profesionais do mundo da investigación, a ciencia e a tecnoloxía.
A iniciativa xorde ao detectarse unha carencia crecente de persoas en profesións científico-técnicas e, sobre todo, do feito de que as mulleres elixen e desenvolven estas profesións en menor medida que os homes.
Dende a súa posta en marcha no ano 2016 teñen participado 17.248 rapazas e 16.384 rapaces, 2.122 mentoras/es e 725 centros escolares en Euskadi, Madrid, Cataluña, Asturias, Galicia, Murcia, Zaragoza, La Rioja, Canarias, Castellón, Chile e Arxentina. No caso concreto da Coruña, que cumpriu este ano a súa segunda edición, téñense sumado a esta iniciativa: 111 rapazas e 165 rapaces, 15 mentoras, 5 mentores e 4 centros escolares.