Xoves 28 Marzo 2024

Veterinarios galegos, na vangarda do estudo do bulbo olfactivo dos coellos

Investigadores da facultade lucense publican un artigo na revista máis prestixiosa do mundo no campo da anatomía e a morfoloxía

A publicación dun estudo morfolóxico, inmunohistoquímico e morfométrico do bulbo olfactivo accesorio (BOA) dos coellos, tal e como se coñece a área do cerebro responsable de procesar a información captada polo órgano vomeronasal (OVN), a través do que os individuos desta especie captan e detectan as feromonas, na revista Brain, Structure and Function, a publicación científica máis prestixiosa do mundo no campo da anatomía e a morfoloxía, sitúa a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC no cúspide desta liña de investigación.

Este traballo, desenvolvido fundamentalmente polo profesor da área de Anatomía da USC na Facultade de Veterinaria Pablo Sánchez Quinteiro e a investigadora de doutoramento Paula Rodríguez Villamayor, e no que tamén colaboran os profesores da USC José Manuel Cifuentes, Luis Quintela e Ramiro Barcia, dá continuidade ao traballo sobre o órgano vomeronasal dos coellos publicado en 2018 por estes dous investigadores da USC, ao tempo que proba o crecente o interese espertado polo estudo da comunicación química e o cometido que desenvolve na cunicultura logo do descubrimento da súa feromona mamaria, a responsable de que as crías atopen a teta da nai e comecen o acto reflexo da succión.

Publicidade

Debuxo do bulfo olfativo accesorio dos coellos, realizado por Alejandro García.
Debuxo do bulfo olfactivo accesorio dos coellos, realizado por Alejandro García.

Este interese inicial polo estudo das feromonas, sinais químicos intraespecíficos que modulan a fisioloxía da reprodución e o comportamento social e sexual dos animais e que incluso poderían ser chave para explicar algunhas das condutas animais e mesmo humanas non controladas polo cerebro, acada se cabe máis importancia por abrir novas posibilidades para mellorar o benestar animal, así como outros parámetros produtivos e reprodutivos nas granxas de coellos.

Estas expectativas alimentan tamén a liña de traballo de Sánchez Quinteiro e Paula Rodríguez Villamayor, que salientan o alto grao de sofisticación que presenta o bulbo olfactivo do coello, un aspecto que constata o importante cometido que desenvolven as feromonas no caso desta especie. Asemade, as últimas pescudas realizadas por estes investigadores da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC demostran a expresión das dúas familias de receptores vomeronasais que se coñecen, o que só sucede nun pequeno grupo de mamíferos, apuntan.

A metodoloxía da investigación que deu pé ao artigo, abrangue tanto a macro e a microdisección do órgano como un amplo número de marcadores e tincións histolóxicas. Complementa estas achegas un debuxo artístico do bulbo olfactivo accesorio do coello, obra de Alejandro García, exalumno da Facultade de Veterinaria da USC.

De xeito adicional, os autores desta publicación científica destacan o descubrimento de catro enigmáticos núcleos nerviosos únicos en relación coa bulbo olfativo accesorio do coello e que só previamente foran descritos de xeito parcial por catro investigadores que traballaban noutras especies nas que a comunicación química se antolla menos desenvolvida.


ReferenciaStructural, morphometric and immunohistochemical study of the rabbit accessory olfactory bulb (Publicado en Brain Structure and Function).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC vincula os produtos cárnicos con infeccións no tracto urinario

O estudo demostra que os animais destinados á produción de alimentos poden ser unha fonte de cepas bacterianas que causen doenzas extraintestinais

A técnica dun científico lugués axuda á detección precoz do circovirus porcino nas granxas

A tese de Gonzalo López Lorenzo expón que o uso de mostras de aire permite detectar a infección ata dúas semanas antes

Unha cunicultura con máis algas para usar menos antibióticos

Veterinaria da USC implementa técnicas innovadoras para mellorar a saúde dixestiva dos coellos e aumentar a rendibilidade dos cunicultores

Unha tese presentada en Lugo detecta en elefantes de Kenia parasitos de interese zoonótico

O científico Edward Muteathia King’ori analizou as infeccións parasitarias destes mamíferos nunha tese dirixida pola catedrática Patrocinio Morrondo