Venres 26 Abril 2024

“A ciencia nunca foi unha prioridade neste país”

A investigadora coruñesa, premio á mellor científica nova de Europa en 2015, estará na xornada de Muller e Ciencia en Pontevedra

Vanessa Valdiglesias (A Coruña, 1980), premio en 2015 á mellor investigadora europea de menos de 35 anos, é unha muller que dende moi pequena apostou polas ciencias “porque daban resposta a moitas cuestións que se me ocorrían” e que día a día supera os obstáculos que xorden para desempeñar o seu traballo en Galicia, que é onde quere estar. O 11 de febreiro estará na Mesa Redonda “Muller e Ciencia”, que se celebrará en Pontevedra (Casa das Campás, 20:00 horas) para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

 – Nos seus estudos, na carreira, no traballo… atopou discriminación por ser muller?

Publicidade

– Sempre había pequenas cousas, pequenos detalles que no momento nin sequera ves como discriminatorios; é mais de adulta cando caes na conta desas cousas. Como cando de nena che dicían que había carreiras para homes e outras para mulleres, ou que algunhas materias, como o cálculo ou a física, a nós non se nos daban ben e mellor non ir por aí. Mais eu tiven a sorte de estar sempre rodeada de mulleres fantásticas que foron un modelo e un exemplo polo que non notei tanto a discriminación como outras compañeiras.

– Dende hai uns anos é nai. Hai maior conciliación familiar na investigación?

– Non podo falar por outras profesións porque non as coñezo, mais na nosa penso que a conciliación é a parte mais complicada do noso traballo. Eu teño dous fillos agora, acabo de incorporarme ao traballo despois do segundo e é realmente complicado seguir co ritmo de traballo que esixe esta carreira. Pero non é imposible, como amosan moitas científicas e nais a diario, e niso estamos.

 – Cal cree que e situación da muller na ciencia en Galicia e España?

– Afortunadamente avanzou moito, grazas sobre todo a moitas persoas que están a traballar para que esa situación mellore día a día, e aquí desexaría mencionar ás miñas compañeiras da Asociación de Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) á que pertenzo e que que fai unha grande tarefa de divulgación e de visibilización do traballo da muller científica, mais aínda queda moito traballo por diante. Segue a haber xurados ou tribunais compostos exclusivamente por homes, aínda costa ser nomeada para entrar en academias e organismos oficiais, e despois está o famoso teito de cristal que segue a existir. Pero como dixen, penso que a situación está a mellorar e cada vez a sociedade tamén é mais consciente de que é preciso o cambio. Como exemplo, a iniciativa “Non sen mulleres” que iniciaron o ano pasado un grupo de académicos que se negaban a participar en actos académicos (conferencias, congresos, mesas redondas…) que non tiveran representación feminina.

– Coa crise, os recortes foron especialmente duros en investigación. Agora que parece que España sae da crise, isto cambiou?

– Desafortunadamente, non cambiou moito. Téntase solucionar a situación con pequenos cambios, mais o dano foi (e continúa a ser) moito e calquera cousa que se faga é insuficiente. Ademais, a ciencia nunca foi unha prioridade neste país e iso nótase na maneira de afrontar a situación. Non é so cuestión de fondos, tamén de mala xestión, burocracia infinita, opacidade en moitos procesos…

Podes consultar aquí o programa do Día da Muller e a nena na Ciencia (PDF)

– Como se pode frear a “fuga de cerebros” que sofre España, ante a falta de oportunidades para investigar?

– Como dicía, o dano feito creo que xa é irreparable. Hai moitas persoas que traballan fóra do país e para eles retornar segue sen ser unha opción, e ademais moitas boas científicas deixaron a súa carreira pola situación da crise. Se se quere parar ou reverter esta fuga habería que investir máis fondos, non só en programas de captación senón tamén en estabilización e fomentar ademais a participación da empresa privada no I+D.

– E a pesar de todo, os resultados da investigación en España segue dando froitos. Hai uns anos vostede recibiu o premio á Mellor Investigadora Moza de Europa pola Sociedad Europea de Xenómica e Mutaxénese Ambiental. Que significou para vostede este recoñecemento?

– A investigación segue dando froitos porque as persoas que nos dedicamos a ela temos moita vocación e moitas gañas, mais todo se esgota e non podemos aguantar eternamente. O premio supuxo moito a nivel persoal; estaba nun momento profesional complicado e moi precario e o premio supuxo un empurre moi importante nese sentido. Ademais, tamén me deu moita visibilidade, a min e ó meu traballo. Pero a nivel laboral, o feito de ser recoñecida internacionalmente non cambiou moito a miña situación. Por poñer un exemplo, os meus informes de avaliación das axudas que solicito non reflexaron ningunha mellora como consecuencia de obter o premio.

– Nese momento, reclamaba que pese a este e outros recoñecementos, seguía sen a estabilidade laboral idónea para desenvolver o seu traballo. Pouco cambiou, non?

– Si, como dicía antes, pouco cambiou nese sentido. Agora polo menos teño un contrato a xornada completa que daquela non tiña, mais a inestabilidade segue estando aí porque teño que ir renovando o contrato cada pouco tempo. Isto limita moito o meu traballo porque, entre outras cousas, non podo conseguir proxectos xa que a maioría das convocatorias esixen estar contratada durante toda a duración do proxecto, cousa que eu non cumpro.

– Iso si, foi unha sorpresa ver a unha científica nun anuncio de televisión. Como foi esa experiencia?

– Pois se foi unha sorpresa ver unha científica na tele, imaxina para min estar nela… Toda unha experiencia! Estaba moi nerviosa e desubicada, pero foi moi divertido e moi curioso, e o feito de que puidese rodar co meu equipo de traballo e no meu centro, tamén axudou a levalo mellor.

– Pensa que esta experiencia televisiva serve para achegar a ciencia á sociedade?

– Debería, pero non sei. Aínda se segue a ver raro que saia un investigador o unha investigadora na tele. Cando saíu o meu anuncio, houbo xente que pensaba que eu era unha actriz. Penso que queda moito por facer para achegar a ciencia á xente, e quizais nese sentido, poñerlle cara ás persoas que nos dedicamos a ela pode axudar a romper mitos e facernos máis reais ou próximas.

– Cando falan de nanomateriais soa a ciencia ficción para o público en xeral e sen embargo está moito máis estendido do que cremos, non si?

– Moito. Hai unha grande abundancia de obxectos cotiáns que xa conteñen nanomateriais na súa composición e que nin sabemos que os teñen: prendas de roupa, cremas, cosméticos, materiais cirúrxicos, obxectos para bebés… E no campo da medicina están supoñendo toda unha revolución. Nos próximos anos veremos moitos avances importantes para o diagnóstico ou o tratamento de distintas enfermidades que envolven o uso de nanomateriais. O meu campo de traballo, o estudo dos seus posibles efectos nocivos, é quizais a parte que menos gusta e a menos agradecida desta revolución, mais é igualmente necesaria, especialmente agora que todo está a ocorrer tan a présa e se precisa unha regulación axeitada destes compostos.

– En que está a traballar actualmente Vanessa Valdiglesias?

– Pois estou involucrada en varios proxectos. Por un lado, o que comentaba do estudo dos posibles efectos nocivos asociados a exposición a nanomateriais e a validación e desenvolvemento de novas ferramentas para estudos de monitoreo en humanos. E por outro a identificación de biomarcadores para a detección precoz de fraxilidade, un síndrome xeriátrico asociado a un declive funcional e enerxético do organismo.

–  Hai algún proxecto que lle estea roubando horas de soño?

– Pois agora mesmo o que me rouba horas de sono mais que outra cousa é o meu bebé de cinco meses. Mais no ámbito profesional, si teño un novo proxecto en mente no que me estou centrando e que me ten moi concentrada, aínda que soamente é unha idea, necesito madurala e darlle forma.

– Seguirá traballando en Galicia?

– Iso é o que me gustaría e iso é o que tentarei, pero dada a situación actual da investigación, non sei o que me deparará o futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Un neno maltratado ten tres veces máis risco de desenvolver unha adicción de adulto

O estudo dunha investigadora da Universidade de Queensland analiza as consecuencias do maltrato infantil a longo prazo