The Conversation: as claves do éxito dunha “plataforma libre de ruído”

O portal de divulgación, lanzado en España en xuño de 2018, recibe este sábado na Coruña o Premio Prismas ao Mellor Novo Medio

De esquerda a dereita, Beatriz Pérez, Miguel Castro, Claudia Lorenzo, Sergio Ferrer, Luis Felipe Torrente, Rafael Sarralde, Lola Delgado e Lucía Caballero, parte do equipo de The Conversation España.
De esquerda a dereita, Beatriz Pérez, Miguel Castro, Claudia Lorenzo, Sergio Ferrer, Luis Felipe Torrente, Rafael Sarralde, Lola Delgado e Lucía Caballero, parte do equipo de The Conversation España.

En xuño de 2018 nacía en España un proxecto de divulgación científica cunha premisa que podería parecer sinxela: reunir nun portal o coñecemento de primeira man da comunidade investigadora e achegalo á sociedade a través de artigos con “rigor académico e oficio xornalístico”. Ese é o lema de The Conversation, unha idea que comezou en Australia en 2011 e que hoxe está moi consolidada no mundo hispanofalante.

Este sábado, na Coruña, The Conversation España recibirá un dos premios Prismas de Divulgación, outorgados polos Museos Científicos Coruñeses, e que para moitos son os galardóns de maior prestixio nesta disciplina en España. Participarán no acto de entrega xunto aos premiados noutras categorías (The melting point, de Phorus Producciones, como mellor traballo en vídeo; Pioneiras en xeoloxía, de Guiomar Calvo Sevillano, mellor texto inédito; Eso no estaba en mi libro de Botánica, de Rosa Porcel, mellor libro editado; El año de la ciencia, de Patricia Fernández de Lis, mellor artigo xornalístico; Las científicas del coronavirus, de Núria Jar para Axencia SINC, mellor traballo en radio; Odour Collet, de Rosa Arias, mellor proxecto singular; e o Prisma Especial do Xurado, que este ano recaeu en José Manuel López Nicolás).

Case tres anos e medio despois do seu nacemento, The Conversation España —medio colaborador con GCiencia— suma preto de 190 millóns de visitas aos seus máis de 5.400 artigos, cunha gran presenza en América Latina, de onde proceden o 60% das súas lecturas. As súas pezas foron republicadas (todos os contidos teñen licenza Creative Commons) por centos de medios de comunicación. Un equipo de 15 persoas encárgase de ler, revisar, editar e achegar ao público unha media de 10 artigos diarios, escritos por unha crecente comunidade de investigadores de decenas de universidades e centros de investigación de España, entre as que se atopan tamén as galegas de Santiago e Vigo.

Portada de "The Conversation España".
Portada de “The Conversation España”.

Todo botou a andar ao redor de 2015, impulsado por dous xornalistas galegos (Miguel Castro, de Cortegada e Luis Felipe Torrente, de Nigrán) e un burgalés de Briviesca, Rafael Sarralde. Os tres fundadores de The Conversation España lanzáronse á procura de apoios de fundacións, universidades e outros organismos que financiasen esta nova xanela para a ciencia. E non sen esforzo, hoxe o portal é xa todo un referente. Rafael Sarralde (director xeral) e Luís Felipe Torrente (director) fan un repaso por estes anos de traballo en conversación con GCiencia.

Ambos están “encantadísimos” coa “honra” e o “orgullo” de recibir o Prismas. “Supón chegar ao cumio da divulgación en España en apenas tres anos”. Destacan, ademais, que The Conversation sitúase “á beira doutras persoas e proxectos premiados que demostran que estamos no bo camiño”.

Os primeiros pasos: pechar unha fenda

Segundo lembran Sarralde e Torrente, ao principio publicaban un, dous ou tres artigos ao día “porque nos custaba atopar autores”. “Foi unha primeira etapa de pico e pa, de dar a coñecer a nosa idea e convencer a investigadores e institucións de que tiñan ao seu alcance unha ferramenta con moitas oportunidades”.

Destacan os fundadores que o cambio de actitude na ciencia cara á divulgación contribuíu a que The Conversation España puidese frutificar. “Hai 10 anos seguramente teriamos fracasado no intento. En 2018 partiamos dun traballo previo que xa se fixo en universidades e demais centros coa creación das unidades de cultura científica. As xeracións investigadoras máis novas, pero tamén os que xa levan moitos anos nisto, interiorizaron a importancia da divulgación”.

Rafael Sarralde (esquerda) e Luis Felipe Torrente, fundadores de "The Conversation España".
Rafael Sarralde (esquerda) e Luis Felipe Torrente, fundadores de “The Conversation España”.

Esta confluencia permitiu, por tanto, pechar a fenda existente entre o público xeneralista e a vida interna dos grupos de investigación. “Moitas veces producíase un curtocircuíto entre xornalistas e científicos: na academia eran remisos a comunicar o seu traballo porque se consideraba que as mensaxes non se trasladaban ben nos medios, e os xornalistas vían, á súa vez, que a mensaxe era demasiado complexa para transmitila ao público”, reflexiona Sarralde.

The Conversation acabou, en boa parte, con este obstáculo. “A clave do éxito é un modelo que resulta moi doado de entender: somos un medio serio porque quen firma ten credenciais, un coñecemento avalado pola súa traxectoria e polas institucións para as que traballa”, resume Luis Felipe Torrente.

O día a día

As propostas chegan segundo explican, en dúas direccións. “Temos un formulario de contacto no que calquera investigador pode remitirnos a súa idea. Avaliámola e, cando se adapta aos nosos criterios (o que ocorre a maioría das veces) poñémonos a traballar nela”. Por outra banda, o equipo editorial é tamén parte activa na procura de temas. “Se hai algún artigo ou asunto concreto que nos interesa, contactamos coas institucións que nos apoian e eles remítennos á persoa adecuada”.

O equipo xornalístico axuda a escalar o chanzo preciso para achegar temas ás veces complicados para o lector medio. “En moitos casos non existe o hábito desde a comunidade científica de explicar conceptos complexos para receptores que non teñen un coñecemento profundo do tema. O noso traballo é acompañar aos autores neste proceso”, expón Torrente. “A idea é pensar que o editor, como o lector, descoñece o tema do que fala, e necesitamos adaptar a linguaxe ao nivel do que ignora o asunto que se trata”.

“O que queremos é contribuír a que a sociedade tome decisións informadas e comprenda mellor o mundo”

A través dunha plataforma na que autor e editor traballan de forma simultánea, o estilo faise máis asequible, mais sen esquecer o rigor. “Un dos aspectos que temos en conta é que ademais da lectura máis superficial, debemos ofrecer a quen o demande un segundo nivel de lectura: enlazamos a fontes de datos, artigos científicos nos que se basea a propia peza, etc.”. E outro punto importante: “Sempre, antes de publicar, o autor debe dar o visto e prace a todo o proceso de edición”.

O abano de disciplinas que trata The Conversation é outro dos motivos dos seus bos resultados, a xuízo dos seus fundadores. Se en moitos medios especializados os esforzos céntranse nas ciencias da saúde ou experimentais, aquí ábrese o campo. “Traballamos coas seccións que podería ter un medio tradicional; falamos tamén de humanidades, de ciencias sociais, tamén de deporte… O que queremos é contribuír a que a sociedade tome decisións informadas e comprenda mellor o mundo. É moi importante ofrecer respostas e solucións aos retos que se nos presentan”, resume Rafael Sarralde.

E chegou a pandemia

Cos vimbios xa reforzados, a pandemia do coronavirus supuxo un gran salto para o proxecto. “Foi un cambio total, multiplicouse o número de artigos e de visitas, e moitísima xente prestouse a colaborar desde o seu campo de coñecemento para botar unha man e poñer algo de luz en todo o que estaba a pasar”, conta Sarralde.

Preto da metade das lecturas que suma The Conversation desde xuño de 2018 correspóndense a temas relacionados coa Covid-19. “Foi un ano fundamental para gañar notoriedade, e estamos a ver que cada vez son máis as persoas que acceden de forma directa á publicación, que nos teñen na barra de ‘favoritos’ para ver o que publicamos cada día”.

O vivido na pandemia axudou a valorar máis se cabe o papel da plataforma para informar á sociedade. “Era un momento de enorme incerteza e necesitabamos mandar mensaxes construtivas e de esperanza, contar que había moita xente traballando para solucionar o problema e que os avances xa se estaban vendo. Todo iso hai que agradecelo á ciencia”, reflexiona Torrente.

A independencia da publicidade comercial é, ao mesmo tempo, un filtro para moitos dos problemas que axexan ao sector xornalístico hoxe en día. “Somos unha plataforma libre de ruído. Os comentarios que atacan aos autores ou con insultos elimínanse automaticamente. Non queremos xerar conflitos, senón xerar confianza no cidadán e a sociedade ofrecéndolles solucións”, engade Rafael Sarralde. Por iso, conclúe o director xeral, a fórmula está a ser exitosa: “A crise dos medios acentuouse, desde hai moito tempo, polo efecto das redes sociais, xa que se fixo un excesivo seguidismo que debemos evitar”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.