Susana Rodríguez, a galega na portada de Time: médica, divulgadora e paralímpica

A triatleta conta na revista a súa experiencia profesional durante a pandemia da Covid-19 ás portas da competición en Tokio

Susana Rodríguez Gacio, na portada de TIME. Foto: Gianfranco Tripodo.
Susana Rodríguez Gacio, na portada de TIME. Foto: Gianfranco Tripodo.

“Ter unha discapacidade desde o nacemento é unha máis das moitas cualidades que teño, e iso converteume nunha persoa que ama os retos; a miña discapacidade non me define, pero é unha parte moi forte do meu carácter”. Así resume Susana Rodríguez Gacio, a triatleta paralímpica galega que aparece no último número da célebre revista TIME, ocupando a portada xunto a varias deportistas como Naomi Osaka, Allyson Felix ou Sue Bird. A reportaxe salienta tamén o papel de Susana Rodríguez, que nos últimos anos foi médica residente, especializada en Medicina Física e Rehabilitación, no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, durante a pandemia da Covid-19, traballando na asistencia telefónica a pacientes. A pesar deste traballo, a triatleta non deixou de adestrar nin un só día, facendo remo, bicicleta estática e correndo nunha cinta na propia casa, coa mirada posta no horizonte dos Xogos Paralímpicos de Tokio. A fotografía de TIME reflicte o seu día a día nestes últimos anos: un fonendoscopio pendurado do pescozo e o uniforme de competición.

Na conversa, a doutora e atleta galega fai referencia ás dificultades que, pola súa condición, afrontou durante a pandemia. “Como é sabido, tocar outros obxectos era moi perigoso. Para min foi moi duro porque como persoa cega, confío moito en tocar as cousas para saber como é o mundo”.

A entrevista, acompañada dunha vídeoreportaxe, percorre a traxectoria vital da triatleta galega, de 33 anos. Practicou atletismo desde os 10 anos e no ano 2010, por casualidade, mentres buscaba información sobre os resultados na competición duns amigos, viu que a Federación Española de Triatlón tiña unha sección de paratriatlón. “Non sabía que existía este tipo de deportes para persoas con discapacidade”. Co apoio dunha amiga, que se converteu na súa guía, conseguiu un tándem e comezou a adestrar e competir. “En canto crucei a meta dixen: ‘Isto é o que me gusta’.

Pouco despois, en 2011 e 2012, Susana Rodríguez gañou as súas primeiras probas no Campionato do Mundo. En 2013 conseguiu a medalla de prata no Campionato do Mundo de 2013 e o bronce en 2014 e 2015. Nos Xogos Paralímpicos de Río de Janeiro, en 2016, conseguiu o 5º posto. Acumula tamén tres campionatos do mundo na disciplina. En Tokio afronta a posibilidade de conseguir o fito da medalla olímpica.

Divulgación do albinismo

A atleta viguesa, con orixes familiares en Mondoñedo, naceu con albinismo, unha condición de orixe xenética que provoca alteracións importantes na visión e, na meirande parte dos casos, ausencia ou diminución de melanina na pel, os ollos e o cabelo. É unha patoloxía xenética recesiva, polo que se manifesta cando os dous proxenitores portan a anomalía no xene (aínda que non se manifeste neles) que se fai patente nos descendentes cun 25% de probabilidades. Afecta a arredor de 1 de cada 20.000 persoas.

Susana Rodríguez ten albinismo oculocutáneo, que se manifesta tanto na visión como na pel e o cabelo, polo que a súa capacidade visual é menor do 10% do total. Ademais da súa actividade deportiva, está moi implicada na concienciación e divulgación sobre o albinismo, e colabora con entidades como ALBA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.