“Somos científicos, sácanos de aquí!”

A que te refires cando dis que as bacterias falan? Como é iso de perseguir pedras? Que che dixeron os teus pais cando lles dixeches que querías ser científico? As preguntas dos escolares poden ser ás veces un auténtico desafío. E a elas estanse a enfrontar estes días dous mozos científicos galegos, Alejandro Gómez e Andrea Muras, participantes no concurso “Somos Científicos, sácanos de aquí!” un certame estatal que pon en contacto a investigadores de diversas ramas con estudantes de 10 a 18 anos

O concurso, impulsado por Kialo Comunicación e que conta coa colaboración da Fecyt e La Caixa, consiste en que un grupo de investigadores divididos en seis áreas, con seis participantes en cada unha, responden ás cuestións do alumnado (125 clases de toda España) a través de preguntas e chats en directo. Os propios rapaces votan polo investigador que máis lles guste, que será o escollido como gañador de cada unha das súas categorías, recibindo un premio de 500 euros.

Publicidade


Desde o pasado 5 de novembro e ata este venres 16, Alejandro e Andrea manteñen unha intensa actividade que vai alén do seu traballo diario de investigación. Alejandro Gómez, graduado en Xeografía e máster en tecnoloxías de información xeográfica, é investigador predoutoral no grupo Ambiosol da USC, e Andrea Muras, licenciada en Bioloxía e máster en Biotecnoloxía, traballa actualmente como investigadora contratada no grupo de Acuicultura e Biotecnoloxía da mesma universidade.

Alejandro concursa na zona Argon, e preséntase ante os estudantes como un investigador que “inserto sensores en rochas para saber como se moven e analizar cara a onde viaxan”. Animouse a participar no certame cando viu o traballo dun dos concursantes do ano pasado, Pablo R. Ros, e decidiu apuntarse.

Publicidade

Andrea, pola súa banda, está na zona Potasio, e explica así o seu traballo: “Algunhas bacterias precisan falar entre elas para facernos enfermar, así que eu intento entendelas para poder evitar esas enfermidades”. Ela decidiu inscribirse despois de tomar parte nun concurso de divulgación científica o pasado ano. “Era un mundo que non coñecía e que me chamou moito a atención”.

No concurso participan tamén varios colexios e institutos galegos, que envían as súas preguntas

Ademais dos investigadores, en “Somos científicos” participan varios centros galegos: Na zona ‘Cazador de cerebros’, CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel e o IES Rafael Dieste da Coruña; na zona Argon, o IES de Poio; na zona Cloro, o IES Punta Candieira de Cedeira; e na zona Potasio, o CPI Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao-Láncara.

Preguntas

Cada clase é un mundo. A Alejandro chamoulle á atención, por exemplo, que houbo moitas cuestións sobre o vulcanismo, ou se era posible que a radiación de Fukushima chegase ás nosas costas. Pola súa parte, Andrea destaca que hai diferenzas debido á distinta idade dos participantes, mentres que as preguntas dos máis novos son máis persoais, as dos estudantes de Bacharelato reflexionan sobre aspectos concretos. “Houbo razoamentos moi interesantes: preguntaban, no caso dunha bacteria que causa gastrite, por que a doenza a padecen só o 25% das persoas se está presente nunha porcentaxe moito maior”.

Ambos coinciden: “Estamos aprendendo moito. É un xeito de contar o que fas dunha forma totalmente distinta, é como saír do laboratorio para explicalo da forma que todo o mundo entenda; é moi enriquecedor”, sinala Andrea. E mesmo, quen sabe, están espertando algunhas futuras vocacións.

Esta semana será a decisiva en “Somos científicos“. A partir deste martes, comezará a creba dos investigadores menos votados, ata o venres 16, cando os que queden disputaranse a victoria”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A mestra de Ferrol que foi precursora do libro electrónico: “Era un ben común e universal”

María Luisa Souto conta a historia da súa avoa tras un evento da Universidade da Coruña no que se conmemora o 50 aniversario do seu falecemento

A G-Night superará as 200 actividades na súa quinta edición

Vigo, Ourense e Pontevedra sumarán máis de 40 eventos que achegan a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade

Román Rodríguez: “A pandemia puxo enriba da mesa a necesidade de apostar pola ciencia”

O conselleiro de Ciencia defende a aposta do Plan de Investigación polas tecnoloxías da bioloxía, cuántica e verde: “Galicia non pode ser boa en todo”

Kip Thorne, premio Nobel: “É probable que descubramos a orixe do universo en 30 ou 40 anos”

O físico albisca un futuro próximo no que as ondas gravitacionais desvelen a orixe do cosmos e defende a universidade fronte á "estupidez" de Trump