Venres 29 Marzo 2024

Santiago acolle a presentación da Nova Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial

O plan ten un investimento público de 600 millóns de euros, e ten entre os seus obxectivos que en cinco anos o 25% das empresas usen a IA e Big Data

“A recuperación económica ten que ser dixital”, así o afirmou este mércores a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (IA), Carme Artigas, no transcurso dun acto en liña que serviu para presentar a Nova Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA). A presentación, conducida dende o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), permitiu debullar os detalles desta folla de ruta que ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento e o uso da IA en España para “modernizar o noso sistema produtivo”, alén de contemplar a creación dunha rede de centros de excelencia especializados neste eido. O acto foi presidido polo reitor Antonio López e moderado polo director científico do CiTIUS, Senén Barro.

O reitor da USC aproveitou a súa intervención para subliñar que a IA constitúe “un reto transversal de futuro que vai afectar a todos os sectores, dende o tecido empresarial, ás administracións, ou mesmo na resolución de retos sociais”.  “Na Universidade temos un papel que xogar na formación das persoas que ocuparán os perfiles profesionais do futuro, alén de aportar novo coñecemento e ser quen de transferilo”, engadiu. “Non queremos ser meros espectadores, queremos permanecer activos, ser líderes neste cambio transcendental”, concluíu López.

Publicidade

Pola súa parte, Senén Barro puxo o foco en que a IA é moito máis que “a electricidade do século XXI”, xa que non é só “unha forza bruta”, trátase do “principal recurso das tecnoloxías intelixentes”. Barro destacou que no conxunto de España radica unha moi relevante comunidade científica centrada neste ámbito, sendo Galicia e o CiTIUS un claro exemplo desta especialización de vangarda.

Cun investimento público de 600 millóns de euros para o período 2021-2023, a ENIA constitúe unha das propostas fundamentais do Plan España Dixital 2025, lanzado o pasado mes de xullo. A estratexia presentada este mércores desenvolve o eixo número 9 do Plan relativo a “transitar cara a unha economía do dato, garantindo a seguridade e privacidade e aproveitando as oportunidades que ofrece a Intelixencia Artificial co obxectivo de que, polo menos, o 25% de empresas usen Intelixencia Artificial e Big Data dentro de cinco anos”.

Carme Artigas destacou na súa intervención por videoconferencia que a “IA é xa presente e debemos explotala nos sectores tradicionais, así como noutros novos”. Esta nova folla de ruta, a diferenza da de 2019, adquire “unha perspectiva holística”, afirmou, xa que amplía toda a transformación aos eidos industrial, produtivo e social. A secretaria de Estado sinalou que o 33% dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Economía irán destinados á dixitalización, inxección que ao seu xuízo permitirá impulsar asemade a inversión privada. Neste senso, a secretaria de Estado avanzou o futuro nacemento dun fondo público-privado para impulsar a creación e desenvolvemento de startups neste eido de actuación.

Catro son os retos que se formula a ENIA: tecnolóxico, ético, normativo e social. “Poñer á persoa no centro da transformación tecnolóxica” é a meta que se persegue con esta estratexia que se nutrirá fundamentalmente da investigación científica. “Fomentar a investigación pública de excelencia e fomentar sinerxías”, apuntou Artigas, é unha das bases desta folla de ruta. Alén da creación da rede de centros de excelencia especializados en IA, a ENIA contempla promover a creación de novos centros, fomentar a retención e a captación do talento investigador, así como flexibilizar a carreira científica.

A nova estratexia, que conta cun consello asesor integrado por dezaoito especialistas, pretende ser un punto de encontro entre as demandas de todas as partes interesadas, conciliando as inquedanzas da comunidade científica, a industria, a sociedade civil e as comunidades máis vulnerables, pero sobre todo busca comprender e previr as implicacións que expón a rápida introdución da Intelixencia Artificial en ámbitos sociais básicos. “Cerrar brechas para que ninguén se quede atrás e deseñar un futuro con piares máis robustos”, sinalou Artigas, é o horizonte desta folla de ruta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

Pódcast | Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

Pódese predicir o estrés emocional dos adolescentes a través da voz? Así o investiga atlanTTic

Dende o centro da UVigo lidéranse varios proxectos nos que se utiliza a intelixencia artificial para analizar a fala e, así, mellorar a calidade de vida das persoas