Imaxe de Bennu tomada pola sonda Osiris Rex. Foto: NASA

A sonda Osiris Rex alcanza o asteroide Bennu

Durante os últimos dous anos, a sonda espacial OSIRIS- REx navegou a través do Sistema Solar á luz das estrelas. E finalmente este luns a nave da NASA alcanzou o seu obxectivo, un asteroide do tamaño de Empire State Building chamado Bennu.

Agora OSIRIS- REx enfronta un novo tipo de desafío: explorar o obxecto máis pequeno xamais orbitado por unha nave espacial. O enxeñeiro Javi Cerna, orixinario de México, confirmou a chegada da sonda dende as oficinas de Lockheed Martin en Denver. “Chegamos!”, comunicou. Pronto apareceu unha imaxe do asteroide nas pantallas de control da misión: un corpo en forma de diamante cun exterior áspero.

Bennu é un asteroide carbonáceo, un fragmento de cascallo primitivo rico en carbono que quedou do proceso que formou o Sistema Solar fai 4.600 millóns de anos. OSIRIS- REx pasará os próximos 18 meses alí, inspeccionando a paisaxe e examinando a composición química de Bennu antes de seleccionar finalmente que peza do asteroide quere traer de regreso a casa.

Nunha manobra parecida a un bico, o brazo robótico da nave espacial recollerá material da superficie de Bennu, e logo botará a mostra cara á Terra. Será a mostra planetaria máis grande recuperada desde a era de Apolo, cando os astronautas trouxeron rochas da Lúa.

A sonda Osiris Rex.

Ao estudar a mostra en laboratorios terrestres, os científicos esperan descubrir pistas sobre o nacemento dos planetas e os orixes da auga e a vida da Terra. Tamén poden descubrir recursos naturais potencialmente útiles, como moléculas orgánicas e metais preciosos. E dado que Bennu ten unha probabilidade de 1 entre 2.700 de impactar na Terra dentro de 200 anos, os investigadores estiman que sería bo obter información sobre o destino do asteroide, e como podería interactuar co noso mundo.

Bennu é tan pequeno, escuro e distante que os científicos só podían teorizar sobre como se vería cando lanzaron OSIRIS- REx hai dous anos. Agora, para o noso deleite, os primeiros planos coinciden estreitamente coas primeiras predicións.

A gravidade de Bennu é case insignificante. Se estiveses no polo norte do asteroide e deras un chimpo, alcanzarías a velocidade de escape e subirías ao baleiro. Iso fai que a órbita, que se basea nun delicado equilibrio entre a velocidade dunha nave espacial e a gravidade dun obxecto, sexa especialmente difícil. Incluso a débil presión da luz solar que quenta a nave pode crear suficiente empuxe para deformar a súa órbita.

En 2020, despois de 18 meses de observacións, OSIRIS- REx achegarase a Bennu e estenderá un longo brazo robótico equipado co seu instrumento de recolección de mostras, chamado TAGSAM. Finalmente, o 24 de setembro de 2023, unha cápsula que contén a mostra atravesará a atmosfera da Terra e aterrará no deserto de Utah.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.