Venres 29 Marzo 2024

Menos de 4 euros e resultado en 4 minutos: o test Covid-19 do galego César de la Fuente

O biotecnólogo da Universidade de Pennsylvania publica na revista "Matter" as claves do dispositivo, que tamén é quen de diferenciar a variante B.1.1.7

A traxectoria do científico galego César de la Fuente Núñez (A Coruña, 1986) segue a velocidade de vertixe. Apenas dúas semanas despois de recibir o prestixioso premio Princesa de Girona, o biotecnólogo da Universidade de Pennsylvania, nos Estados Unidos, publicaba este martes na revista Matter, do grupo Cell Press, os resultados dos ensaios cun revolucionario test de diagnóstico da Covid-19 no que leva traballando nos últimos meses. O dispositivo, nomeado RAPID, destaca porque pode detectar a presenza do SARS-CoV-2 en catro minutos e, ademais, ten un baixo prezo: 4,67 dólares, que ao cambio actual son menos de catro euros.

“É un test máis rápido e máis barato; é clave producir tests deste tipo para incrementar o acceso a estas ferramentas esenciais. Durante a pandemia vimos unha inequidade tremenda coa distribución e o acceso ás vacinas, probas e máscaras. E o noso obxectivo é axudar a pechar esta fenda para que o mundo sexa un pouco máis equitativo. Veremos se podemos achegar o noso gran de area”, conta a GCiencia o investigador coruñés.

Publicidade

O obxectivo do equipo de De la Fuente é a autorización deste dispositivo para producilo a gran escala. No artigo afirman que RAPID “é altamente escalable, permitindo a produción de millóns de unidades á semana”. O investigador manifesta o desexo de axudar canto antes, a través deste aparello, á contención da pandemia en lugares con limitado acceso a vacinas, onde as novas ondas da pandemia están a causar miles de mortes todas as semanas. “Oxala poidamos facelo canto antes; o seguinte paso será conseguir que se aprobe o test para o seu uso na poboación. Sería un soño poder axudar a países como Brasil ou a India, que están sufrindo moitísimo agora”.

O artigo no que se describe o RAPID está asinado por De la Fuente como autor principal, xunto aos membros do seu laboratorio Marcelo D.T. Torres, William R. de Araujo, Lucas F. de Lima e André L. Ferreira. Fronte ás actuais probas PCR, que requiren de varias horas ata obter resultados, o equipo do biotecnólogo galego describe un “biosensor miniaturizado sinxelo, portátil e altamente sensible”. O aparello, modificado co receptor ACE2, ao que se adhire ao SARS-CoV-2 para entrar nas células, é quen de detectar o coronavirus usando 10 μL (isto é, 0,01 mililitros) de cuspe en catro minutos. A sensibilidade e especifidade de RAPID en mostras de exsudados nasofarínxeos e cuspe son, segundo os autores, de 85,3% e 100% e do 100% e 86,5%, respectivamente.

A variante B.1.1.7 e adaptable para outros patóxenos

Alén da rapidez, o test ideado polo equipo da Universidade de Pennsylvania permite peneirar a presenza da variante B.1.1.7, detectada nun primeiro momento en Gran Bretaña e agora dominante en Europa. “Durante os experimentos vimos que o noso test detectaba a variante ‘británica’ con máis afinidade que a cepa ‘salvaxe’ do virus, o cal nos indica que esta variante se une ao receptor ACE2 con maior afinidade. Por agora só testamos esta variante, pero estamos intentando conseguir o mesmo con outras cepas emerxentes do virus.

Ademais da capacidade de detectar o SARS-CoV-2, o test RAPID pode adaptarse “para a detección doutras ameazas biolóxicas emerxentes, como bacterias, fungos e outros virus”, polo que “serve como plataforma para diagnóstico rápido in situ de Covid-19 e futuros brotes endémicos e pandémicos” en hospitais, empresas privadas ou eventos públicos, indican.

Este test de diagnóstico supón, por tanto, un novo paso na carreira de De la Fuente, que con 35 anos xa acumula unha contrastada traxectoria nos Estados Unidos, inzada de recoñecementos. É licenciado en Biotecnoloxía pola Universidade de León e doutor en Microbioloxía e Inmunoloxía pola Universidade de British Columbia (Canadá), grazas a unha bolsa da Fundación “La Caixa”. Realizou estadías de investigación e formación en destacados centros como o Massachusetts Institute of Technology (MIT) grazas a unha bolsa da Fundación Ramón Areces.

A súa liña principal de investigación é o estudo das resistencias a antibióticos desde o punto de vista da bioenxeñaría, un desafío de saúde pública nas vindeiras décadas. Os resultados dos seus traballos recibiron numerosos recoñecementos entre os que destacan o Langer Prize, o ACS Kavli Emerging Leader en química, o AIChE’s 35 Under 35 Award, o ACS Infectious Diseases Young Investigator Award, ou o Top 10 Under 40. Recentemente, o premio Princesa de Girona recoñeceuno como “un dos innovadores máis importantes do mundo por dixitalizar a evolución para crear antibióticos mellores e a súa actividade en defensa de grupos socialmente desfavorecidos”, destacando ““o seu liderado e excelente traxectoria científica no campo da bioloxía computacional que aúna unha produtividade científica extraordinaria cunha capacidade de transferencia da tecnoloxía desenvolvida”.


Referencia: Low-cost Biosensor for Rapid Detection of SARS-CoV-2 at the Point-of-Care (Publicado en Matter).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...