O equipo de Mascareñas acada unha nova bolsa europea do ERC

O financiamento destinado ao proxecto antiCSC servirá para desenvolver compostos baseados en metais capaces de loitar contra os tumores

O equipo dirixido por José Luis Mascareñas, investigador principal do CiQUS de Santiago, vén de acadar unha nova axuda Proof of Concept (PoC, ‘Proba de Concepto’) de parte do Consello Europeo de Investigación (ERC). O proxecto, co nome antiCSC, servirá para financiar o deseño e desenvolvemento de compostos químicos baseados en metais, capaces de actuar de forma selectiva sobre o metabolismo das células nai do cancro e, deste xeito, eliminar as súas características canceríxenas.

Tal e como explican desde o CIQUS, as células nai do cancro son responsables do inicio e expansión de moitos tipos de cancro, e por iso existe un grande interese en eliminar ou cancelar a actividade destas poboacións celulares. O novo proxecto permitirá avaliar ata que punto é viable a utilización dalgúns destes compostos como novos axentes antitumorais, unha investigación que xorde como resultado dos descubrimentos asociados ao proxecto previo ERC Advanced Grant METBIOCAT, situado na fronteira entre a química de metais e a bioloxía celular. As axudas da liña PoC desenvolven proxectos xa apoiados polo propio ERC, coa finalidade de estudar a transferencia á sociedade de determinados resultados e avaliar o seu potencial mercado e as posibilidades comerciais dos resultados científicos.

Publicidade

En concreto, o grupo do profesor Mascareñas descubriu nos últimos anos que algún destes complexos sintéticos con metais de transición podía actuar sobre ADN xenómico dunha maneira bastante específica; máis tarde, e grazas a unha colaboración fundamental con biólogos celulares na Universidade Autónoma de Madrid (UAM), comprobouse que un destes compostos químicos afectaba a capacidade das células nai do cancro para xerar tumores agresivos. Os resultados iniciais foron moi prometedores e, de feito, na actualidade estáse a explorar xa a actividade anticanceríxena dun destes compostos, tanto in vitro como in vivo.

Apunta o centro compostelán que “quizais a información máis valiosa e relevante obtida como resultado das investigacións previas foi a revelación do mecanismo de acción deste composto metálico que, aparentemente, é quen de inducir unha alteración selectiva do metabolismo mitocondrial das células nai de cancro”. E é precisamente este descubrimento a base sobre a que se sustenta o novo proxecto ERC.

Publicidade

O obxectivo agora é avanzar no desenvolvemento deste novo tipo de complexos metálicos para que poidan actuar de forma moi selectiva sobre as mitocondrias das células nai do cancro, dispoñendo así dun novo tipo de medicamentos antitumorais. Asimesmo, e de novo en colaboración co grupo de biólogos da UAM, preténdese obter máis información sobre a bioloxía das células nai do cancro e sobre o seu talón (ou talóns) de Aquiles a nivel metabólico, xa que é clave para desenvolver novas estratexias antitumorais máis efectivas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos

O físico Antón Baleato incorpórase ao IGFAE: “Quero axudar a construír rede e cultura científica en Galicia”

O cosmólogo creará o seu grupo de investigación no centro para impulsar o proxecto ACCELENS, beneficiado cunha Starting Grant

O CiQUS desenvolve materiais orgánicos porosos semicondutores sen necesidade de dopantes

O traballo, froito da colaboración entre tres grupos de investigación, permite incorporar portadores de carga directamente na estrutura, preservando as súas propiedades cristalinas

A investigadora da UDC Itziar Sobrino acada unha Starting Grant para investigar en dereito ambiental

A galardoada estudará as causas polas que determinadas obrigas se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan ou se aplican parcialmente