Juan Lema, no seu despacho da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. Fotos: Anxo Iglesias.

Juan Lema Rodicio: “A Academia de Ciencias ten que crear opinión e debate en Galicia”

O novo presidente da Real Academia de Ciencias avoga por dar "un novo salto" despois do mandato de Miguel Ángel Ríos, que Lema toma como "punto de partida"

Case 50 anos de traxectoria docente e investigadora avalan a Juan Manuel Lema Rodicio (Santiago de Compostela, 1949), catedrático de Enxeñaría Química da USC que toma posesión este mércores como novo presidente da Real Academia Galega de Ciencias. Lema, licenciado en Ciencias Químicas, é un referente mundial na biotecnoloxía ambiental, estudando a degradación anaerobia de contaminantes en augas e residuos, e na produción de biogás. A súa traxectoria foi recoñecida co título de doutor honoris causa pola Pontificia Universidad Católica de Valparaíso (Chile) en 2015 e como profesor honorario da universidade de Queensland (Australia), en 2018, entre outros méritos.

Compostelán do barrio de Conxo, e moi querido polos seus alumnos, Lema Rodicio foi un dos impulsores da titulación de Enxeñaría Química en España, e dirixiu os departamentos desta especialidade na USC (onde puxo en marcha a Escola Técnica Superior de Enxeñaría) e na Autónoma de Barcelona. Asume agora o mando da RAGC co obxectivo de dar “un novo salto” á entidade despois da etapa de Miguel Ángel Ríos, que fixo un traballo “impresionante”, segundo Lema.

– Cal foi o primeiro contacto coa ciencia que lembra?

– Eu sempre fun moi curioso. Gustábame experimentar, e como non había xoguetes electrónicos tiñamos tempo para facer todo tipo de experimentos. Algúns eran arriscados, como o de poñer carburo nunha lata, botábaselle auga e rebentaba a tapa, ou o Cheminova… A min sempre me gustaron esas cousas, e tratar de aprender por min mesmo e buscar novas cousas. Fixen Química e a especialidade de Química Industrial, que despois veu a ser Enxeñaría Química, e despois o doutoramento, e nisto sigo.

– Hai un mes daba a súa última clase de grao despois de 47 anos, en que pensa despois de todo este tempo?

– Trato de non botar moito a vista cara a atrás, pero si é certo que é unha grandísima ilusión, e estou moi contento de ter elixido ser profesor. É un privilexio, non só por transmitir coñecementos aos estudantes, senón tamén por transmitirlle valores e intentar ser un referente para eles. Falar con eles, discutir con eles… É unha marabilla.

Cando reviso todo, e miro toda a xente que pasou polas aulas, tamén me alegra moito ver que lles vai ben, porque foi nunha pequena parte grazas ao que aprenderon nas clases. O tuit que publiquei cando din a miña última clase fíxome poñerme en contacto con estudantes que tiven en Barcelona, cos que non volvera falar, e que me lembraban con cariño.

Poucos días despois desa última clase, asume a presidencia da RAGC. Que o levou a tomar a decisión?

– Foi unha invitación por parte de varios compañeiros. Estiven pensando, comenteillo a outros compañeiros por se lles interesaba entrar na directiva, e os académicos foron moi xenerosos porque confiaron en nós por unanimidade. Esa é unha responsabilidade engadida, pola confianza.

– Colle o relevo despois do pulo que lle deu Miguel Ángel Ríos á institución.

– O traballo do profesor Ríos foi impresionante, porque fixo renacer a Academia. Estaba nunha situación bastante escura, e deulle estabilidade e un pulo moi grande: 20 dos 33 novos académicos, establecéronse bases económicas e estruturais moi fortes… Foi un traballo ímprobo, necesario e moi interesante.

Juan Lema, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. Fotos: Anxo Iglesias.
Juan Lema, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. Fotos: Anxo Iglesias.

– Que liñas se marca a nova directiva?

– Non podemos dicir só que imos facer o mesmo, porque senón non teríamos asumida a responsabilidade. Tomamos o punto de partida do que se fixo ben, nunha etapa importantísima, pero nós estamos obrigados agora a dar un novo salto.

Gustaríanos incentivar máis o contacto coa sociedade: a científica, a civil, a política e a educativa; ter abertos programas e actividades para cada unha delas. E tamén abrirnos máis a Galicia: a maior parte das iniciativas desenvólvense en Santiago, e temos que saír cara outras cidades e vilas. E tamén queriamos colaborar con outras institucións con fins semellantes: universidades, consellerías, organizacións profesionais, sindicatos, ONGs, etc. Queremos facer con elas accións que nos permitan atinxir o obxectivo común: difundir a ciencia e a cultura científica en Galicia.

– Como experto en xestión de residuos e contaminación, cre que fai falta falarlle máis á sociedade sobre a importancia destes problemas?

– Outro dos obxectivos vai nese camiño. A Academia ten que crear opinión e debate, independente e multidisciplinar, e transmitirlle á sociedade o noso punto de vista sobre o que acontece na ciencia. Podemos abrir espazos para falar e escoitar, e esa sería unha misión importante. Promover a ciencia e a tecnoloxía non é só cousa do que fai a Academia, senón que a sociedade escoite e preste atención sobre temas como o cambio climático, a contaminación, e moitos outros.

“A palabra clave do éxito da ETSE é a cooperación: un proxecto ilusionante no que sexamos capaces de incorporar á sociedade nun labor colectivo”

– Vostede foi impulsor da ETSE, que hoxe é referente internacional. Cal é a receita?

– Estou moi orgulloso do traballo que sen feito aquí: desde a construción do propio edificio ata a creación da cultura da Escola. A cultura é fundamental nunha organización, porque iso marca dalgún xeito o día a día, e o que trascende co paso do tempo. É un sentimento de pertenza, que non podemos confundir coa endogamia, que tratamos de manter. A ETSE demostrou ser unha entidade pioneira, moi dinámica, que segue tendo moito pulo en investigación e actividades.

E eu creo que á palabra clave da receita é a cooperación: ter un proxecto ilusionante, no que sexamos capaces de incorporar á maior parte da sociedade nun labor colectivo. E isto é un pouco o que quero facer na Academia. Que todos e cada un dos académicos sexan motores e líderes para sacar adiante actividades e novas ideas. Podemos facer o símil cun tren: a diferencia sería entre ter unha locomotora que tire de todos, ou ter, pola contra, un motor en cada un dos vagóns; iso é o que temos que buscar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.