Venres 26 Abril 2024

Javier Rey Campos, novo delegado do CSIC en Galicia

O científico da Misión Biolóxica de Galicia sucede no cargo a Antonio de Ron, representante do organismo na comunidade desde marzo de 2019

O científico titular da Misión Biolóxica de Galicia Javier Rey Campos (Pontevedra, 1958) asume este luns o cargo de delegado institucional do CSIC en Galicia, en substitución de Antonio de Ron Pedreira, que asumira o cargo en marzo de 2019. Así o anunciou este luns a institución, avanzando que, de acordo ás atribucións da delegación, o novo responsable “exercerá, no ámbito territorial da comunidade autónoma, funcións de coordinación e representación diante doutras institucións públicas e privadas e diante doutros axentes de I+D+i con presenza no territorio, de dirección e xestión e de apoio á actividade de investigación, transferencia do coñecemento e a innovación, formación, difusión e promoción da cultura científica”.

Javier Rey Campos é licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1980) e doutor (1986) en Bioloxía pola Universidade Autónoma de Madrid. Realizou estancias posdoutorais en centros de investigación de Nova York e París. Desde 1993 é científico titular do CSIC. Iniciou a súa carreira investigadora no Centro de Investigacións Biolóxicas. As súas investigacións versaron, fundamentalmente, sobre a bioloxía molecular de virus animais como o virus da peste porcina africana; a xenética humana de xenes do sistema do complemento ou a regulación da expresión génica en animais.

Publicidade

Desde 2004 o seu labor centrouse, especialmente, na xestión, a análise e as estratexias da I+D+i. Na súa traxectoria figura o ser director fundacional da Fundación General CSIC (2009-2012), entidade privada sen ánimo de lucro que se constituíu en 2008 por iniciativa do CSIC e co apoio dos seus patróns fundacionais co principal labor de facilitar, promover, potenciar e articular financiamento privado para o desenvolvemento de iniciativas público-privadas no CSIC e outras entidades públicas de I+D. Tamén foi coordinador adxunto da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva, e vocal asesor da Presidencia do CSIC.
Desde 2014 está destinado na Misión Biolóxica de Galicia. Na actualidade, é colaborador externo da Axencia Estatal de Investigación e tamén colabora coa Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.

Sétimo delegado do CSIC en Galicia

O novo delegado será o sétimo representante institucional do CSIC en Galicia, despois de José Manuel Gallardo Abuín (1985-1992), María Cruz Mato Iglesias (1992-2002), Amando Ordás Pérez (2002-2006), Uxío Labarta Fernández (2006-2012), Eduardo Pardo de Guevara e Valdés (2012-2019) e Antonio De Ron Pedreira (2019-2021).

Desde a súa creación, en 1939, en substitución da desmantelada Junta para la Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas tralo triunfo do golpe de estado de 1936, o CSIC contou case desde os seus inicios con Delegacións Institucionais nos diferentes territorios como un compoñente máis dentro da súa estrutura organizativa. En 1943 creouse a de Galicia. Daquela estaba presidida nese momento polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, quen era asistido por vogais do ámbito académico e profesional de recoñecido prestixio.

En 1985, estableceuse unha sede da Delegación autonómica, nas instalacións do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (Santiago de Compostela), e nomeouse ao primeiro delegado institucional. En 2004, a Delegación do CSIC en Galicia trasladouse á súa actual localización: un emblemático edificio que foi sede do Seminario de Estudos Galegos e catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC). Está situado na rúa do Franco, a escasos metros da Catedral de Santiago de Compostela. O edificio, construído no século XVIII e restaurado no XX polos arquitectos Vaquero e Baselga para albergar a sede do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) –que a ocupou ata 2001–, consta de dúas plantas e conta cunha biblioteca que alberga fondos editoriais do CSIC.

O CSIC en Galicia

En Galicia, ademais da Delegación Institucional, o CSIC conta con cinco institutos de investigación: Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra, 1921), Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” (Santiago de Compostela, 1943, desde o ano 2000 mixto coa Xunta de Galicia), Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo, 1951), Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (Santiago de Compostela, 1952) e Instituto de Ciencias do Patrimonio (Santiago de Compostela, 2010).

En 1992 a Xunta de Galicia e o CSIC asinaron un convenio para a construción e
posta en funcionamento do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); en 2004
instalouse en Vigo a Sede Atlántica da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) e
no porto de Vigo ten a súa base o buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa. O CSIC participa, ademais, en CETAqua Galicia, CETMAR, Campus Vida e Campus
do Mar. Ademais, desde a integración do IEO, o CSIC conta en Galicia, tamén,
co IEO de Vigo e da Coruña.

O novo delegado asumirá, entre outros proxectos, a posta en marcha da Casa da Ciencia na Casa da Parra, na Praza da Quintana, que se rehabilitará nos vindeiros meses e se converterá nun espazo de divulgación científica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte