Investigal denuncia o “desmantelamento” do programa de doutoramento da Xunta

O colectivo expón que a convocatoria de 2021 reduce o salario das persoas solicitantes e as horas de docencia, entre outras eivas

Laboratorio da Universidade de Vigo. Foto: UVigo.
Laboratorio da Universidade de Vigo. Foto: UVigo.

A Rede Galega pola Investigación (Investigal), colectivo que agrupa a científicas e científicos que desenvolven o seu traballo nas universidades e organismos públicos de investigación de Galicia, lamenta o “desmantelamento do principal programa de contratación de doutores do sistema galego de ciencia”. Así cualifica a situación que se abre despois de coñecer os detalles da convocatoria das axudas á formación na etapa posdoutoral que deu a coñecer a Xunta de Galicia en datas pasadas.

Nun comunicado publicado este xoves, Investigal denuncia que o texto da convocatoria “introduce unha serie de cambios (…) que son lesivos para os/as solicitantes con respecto a convocatorias anteriores precarizan notablemente as súas condicións laborais e desincentivan a atracción de talento e a consolidación da carreira investigadora en Galicia”.

Segundo o colectivo, entre outras eivas, a nova convocatoria “imposibilita o acceso á convocatoria ao persoal investigador que obtivo o titulo de doutor/a no ano 2015 ou de licenciatura, grao ou equivalente no 2009”, ofrece un “número de axudas insuficientes”, amosa unha “redución significativa das remuneracións salariais do persoal investigador”, e contempla “50 horas menos de docencia por ano”.

Nos últimos meses, Investigal e outros colectivos que representan ao sector científico en Galicia, así como os grupos políticos da oposición, esixiron á Xunta de Galicia que convocase a liña de axudas posdoutorais do ano 2020, suspendida por mor das circunstancias derivadas da pandemia da Covid-19. Respecto a isto, neste novo comunicado, Investigal expón que a convocatoria non compensa o baleiro de 2020, xa que aínda que o número de axudas pasa de 46 a 49, o feito de non ofrecer axudas no pasado ano fai que na práctica as prazas se reduzan case á metade.

No referente aos salarios, a entidade denuncia que o salario na primeira etapa do posdoutoramento será, no ano que se desenvolve en Galicia -os outros dous cursos son estadías no estranxeiro- “será de aproximadamente 1.500€ brutos mensuais, moi afastados dos 2.000€ brutos mensuais que percibe o persoal investigador que obtivese a mesma axuda entre 2012-2019”.

Para a Rede Galega pola Investigación, “a crise social e sanitaria que atravesamos puxo de manifesto as carencias do sistema de investigación e ciencia en España, e en particular en Galicia”. Tal e como lembra o colectivo, “InvestiGal ten manifestado repetidamente a súa vontade para contribuir a corrixir os numerosos desequilibrios creados polo sistema e contribuír de forma activa a un mellor deseño da carreira investigadora”.

Porén, a nova convocatoria, mantén, ao seu xuízo, a precariedade e a desvantaxe da carreira científica en Galicia respecto a outras zonas de Europa. “Consideramos que baixo estas condicións o programa de axudas posdoutorais está abocado ao fracaso, e que lonxe de coidar e incentivar o crecemento dun sector estratéxico para o futuro do país, constitúen unha nova ofensa por parte da Xunta de Galicia cara ao seu desmantelamento gradual”. Fronte a isto, lembran, “levamos tempo propoñendo unha reforma estrutural do
programa e ofrecéndonos a axudar no seu deseño, aportando o punto de vista do colectivo que inclúe o maior número de persoal investigador doutor de Galicia”.

Diante desta situación, a rede solicita “unha reunión urxente cos responsables desta convocatoria co fin de reconducila, dado que aínda existe marxe antes da súa publicación definitiva no DOG. Esiximos que se depuren responsabilidades e se rectifiquen as devanditas modificacións realizadas nesta convocatoria”, conclúen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.