Venres 29 Marzo 2024

GCiencia recolle en Pontevedra o Premio Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua entregou onte os galardóns nun acto celebrado no Pazo da Cultura

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este sábado 21 de setembro a entrega da primeira edición do Premio Mil Primaveras. Os galardóns, impulsados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, naceron co obxectivo de recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuren dar valor á lingua e fomentar o seu uso e prestixio.

O portal de GCiencia foi a iniciativa premiada na categoría do fomento do galego nun ámbito sectorial. O director do portal, Pablo López, recolleu o Premio Mil Primaveras agradecendo a decisión do xurado, e subliñando a necesidade de dispoñer de medios de comunicación na nosa lingua: “Hoxe en día, alén dos medios públicos, pódense contar cos dedos unha man os profesionais que poden traballar en medios de comunicación privados en galego, e iso debería facernos reflexionar”.

Publicidade

Do mesmo xeito, López expuxo que o caso de GCiencia é un exemplo de que se pode contar con medios especializados na nosa lingua. “Conseguiuse que a ciencia, pouco a pouco, deixe de ser a ‘irmá pequena’ nos medios xeralistas e que contala en galego tamén é posible”.

Nun acto conducido polos regueifeiros Lupe Blanco e Luís O Caruncho, tamén foron galardoados os Mil Primaveras nas outras categorías. Foron, como mellor proxecto estabilizado: Modelo Burela, do IES Perdouro, por abordar a acollida lingüística como estratexia de integración social; mellor proxecto novo: Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora, do IES de Soutomaior, unha iniciativa integrada todo o ano no centro e dirixido á totalidade do alumnado; mellor comunicación e impacto: Desafío 48h, do IES María Casares de Oleiros, por captar a atención dun grande número de persoas e incentivar o uso do galego de maneira positiva, mellor proxecto innovador: Proxecto Youtubeiros, por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma e fomento do galego na infancia e/ou mocidade: IES de Melide, por ofrecer un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes.

Foto de familia dos galardoados do Premio Mil Primaveras.
Foto de familia dos galardoados do Premio Mil Primaveras.

A entrega pechouse coas intervencións de Anxos Sobriño, presidenta da CTNL, María Ortega, deputada provincial de Cultura, e Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra.

Co Premio Mil Primaveras, a CTNL pretende valorar e proxectar o gran labor que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poidan servir como modelo e inspiración para mellorar o traballo en normalización da lingua.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario