Só o inglés, o serbio, o xaponés e o español tiñan tradución do boletín cando apareceu a a da lingua galega.
Só o inglés, o serbio, o xaponés e o español tiñan tradución do boletín cando apareceu a a da lingua galega.

O galego, 5ª lingua do mundo no boletín da Unión Internacional de Astronomía

Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Ío, traduce desde 2016 unha publicación que só conta con versións noutros catro idiomas

Os afeccionados á astronomía teñen no boletín quincenal que publica a Unión Astronómica Internacional (IAU) unha fonte de contidos e referencias para achegarse á actividade que se desenvolve arredor desta ciencia en todo o mundo. E na publicación da IAU, entidade que en 2019 cumpre un século de existencia, o galego ocupa un posto de honra: é a cuarta lingua do mundo (alén do inglés, idioma orixinal do boletín) en ter unha tradución do que é unha obra de referencia no planeta.

Foi Martin Pawley, vogal da directiva da Agrupación Astronómica Ío da Coruña, e premio de divulgación da Federación de Asociacións Astronómicas de España, quen comezou a desenvolver a versión en novembro de 2016. “A idea naceu da propia lectura do boletín. Como afeccionado á astronomía sempre estou á espreita de recursos, contidos e informacións sobre esta materia e obviamente a Unión Astronómica Internacional é unha fonte sempre interesante”, conta Pawley. Este boletín ofrece “noticias de encontros e seminarios, convocatorias e concursos, materiais didácticos etc; dá sempre boas pistas de accións de popularización da ciencia en todo o planeta, pistas que a miúdo poden (ou deben) servir de inspiración para executalas tamén no noso país”.

A Unión Internacional de Astronomía cumpre en 2019 100 anos.
A Unión Internacional de Astronomía cumpre en 2019 100 anos.

Unha fonte de ideas que non se limita só aos lugares de referencia (Estados Unidos, Xapón ou Europa) senón que tamén se amosan iniciativas de países como Etiopía, Armenia, Marrocos, Siria ou Sri Lanka, e que tamén pon o acento “nos recursos dispoñibles en liña (vídeos, imaxes, sons, etc.) e fan unha aposta decidida pola astronomía inclusiva (dando conta de materiais que axudan a explicar a astronomía para persoas con discapacidades)”.

A tradución

Explica Pawley que “en cada boletín anímase á xente a que colabore coa súa tradución a outros idiomas”. E en outubro de 2016, cando deu o paso, “só existían versións en serbio, xaponés e español, esta última feita en Nicaragua”. Foi cando o coruñés contactou coa Oficina de Divulgación da IAU, da que é responsable unha portuguesa, Lina Canas, para ofrecerse a facer a tradución. “Todo foron facilidades: pedíronme que lles presentase unha tradución do boletín a maneira de exemplo e que puidese aloxar a tradución nalgún sitio web”, que foi o blog da Agrupación Ío.

Desde entón, con só un par de meses de ausencia por problemas técnicos, o galego ten tradución do boletín da IAU. Incorporáronse despois outras linguas como o italiano, o ruso e o portugués.

Normalización nas ciencias

Martin Pawley afonda, neste senso, na importancia da normalización da lingua tamén nas ciencias. “O sistema cultural galego estivo historicamente moi enfilado cara ‘as letras’, por máis que houbera esforzos pioneiros e valiosos coma os asociados ao Seminario de Estudos Galegos, esforzos aniquilados logo pola barbarie da guerra civil e a ditadura; parte con desvantaxe histórica no que se refire aos usos científicos, e a política lingüicida das últimas lexislaturas non axuda en absoluto, como é evidente”.

“Sería moi útil que os colectivos científicos, por exemplo, axudasen a limpar de erros o tecnolecto científico do dicionario”

Así, subliña que “hai moito por facer, mesmo en termos de vocabulario”. Tal e como se fixo o ano pasado coas matemáticas, propón: “Sería moi útil que os colectivos científicos, por exemplo, axudasen a limpar de erros o tecnolecto científico do dicionario”. Xa houbo avances na astronomía, xa que Pawley, xunto a Salvador Bará, fixo hai uns anos “unha primeira peneira, aceptada pola RAG, mais hai outras tarefas pendentes, como fixar nomes en lingua galega para as constelacións e mesmo algunhas estrelas”.

Deste xeito, opina o divulgador, “son benvidas e necesarias todas as iniciativas que contan a ciencia na nosa lingua, sexa de forma amadora ou profesional, e estaría ben que algún día algúns deses esforzos sexan recoñecidos, que se asuma dunha vez desde todas as institucións e entidades que non hai cultura sen ciencia e, en consecuencia, non hai cultura galega sen ciencia galega”. Engade Pawley que “esa ciencia é tamén a que nos defende e nos dá argumentos contra decisións políticas equivocadas e irresponsábeis, sexa unha eurodeputada que promove o movemento antivacinas, sexan os e as negacionistas do cambio climático, ou sexan os concelleiros e concelleiras que polo país adiante iluminan a noite dilapidando millóns de euros e agredindo o medio ambiente do que os humanos tamén formamos parte”.

Unha “rede de tradución”

O tradutor do boletín da IAU aproveita tamén para facer un convite para botar unha man a quen o desexe na tradución á lingua galega. “A IAU, de feito, promoveu unha ‘rede de tradución astronómica’para levar a diferentes linguas materiais e recursos didácticos de uso libre. Se hai máis mans e cabezas que se ofrezan, estamos a tempo de armar un grupo galego, e sería ademais doado establecer contacto e aproveitar sinerxías cos tradutores e tradutoras do país veciño”.

Podes ler a tradución ao galego do boletín da Unión Internacional de Astronomía nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.