Venres 26 Abril 2024

500 anos de furacáns e naufraxios no Caribe revelan a actividade do Sol

Furacáns, naufraxios e actividade solar. Tres factores que se unen nunha investigación internacional na que participa a Universidade de Santiago. Desde o descubrimento de América, multitude de navíos españois cruzaron o Atlántico cara ao Caribe, pero as tormentas impediron que moitos deles chegasen á costa. Agora, os rexistros históricos dos seus naufraxios xunto aos aneis de crecemento de piñeiros nos Cayos de Florida revelan que a actividade destes ciclóns puido estar relacionada coas flutuacións da radiación solar.

Pouco despois da chegada de Cristóbal Colón a América, o tráfico marítimo entre España e o Caribe incrementouse e a actividade quedou documentada no Arquivo Xeral de Indias. Segundo os datos, as tormentas representaban a principal causa de afundimentos nesta rexión.

Publicidade

Restos dun naufraxio no Caribe.
Restos dun naufraxio no Caribe.

Agora, científicos estadounidenses e españois analizaron os últimos 500 anos de furacáns no Caribe. Para iso, recompilaron os rexistros históricos de naufraxios de barcos españois recolleitos no libro de R.F. MarxShipwrecks in the Americas‘ (1983), ocorridos na estación de furacáns (de xullo a novembro) durante o período 1495-1825, e nos que se especifica que foron causados por tormentas ou causas descoñecidas.

“Ao comparar a nosa serie de naufraxios coa cronoloxía de piñeiros dos Cayos de Florida en Estados Unidos, que tamén reflicte os anos de furacáns, observamos gran sincronización entre as series, é dicir que os anos de comezo de reducións severas de crecemento nos piñeiros coinciden con picos na serie de naufraxios”, detalla a Sinc Marta Domínguez-Delmás, coautora do traballo e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela.

O estudo, publicado en PNAS, revela que a serie de naufraxios desenvolvida polos científicos pode ser utilizada como patrón para inferir ciclóns tropicais no Caribe. Así, as series combinadas de naufraxios e a dos aneis das árbores de Florida “cuxo crecemento se atrasa durante anos debido a estes fenómenos atmosféricos” reflicten un descenso do 75% da actividade dos ciclóns tropicais de 1645 a 1715, que coincide cun período coñecido como o mínimo de Maunder, durante o cal as manchas solares practicamente desapareceron da superficie do Sol.

“Nese momento, a actividade das manchas solares sufriu a maior redución documentada desde que empezaron a rexistrarse en 1610”, recalca a investigadora española. “Non estabamos a buscar o mínimo de Maunder, pero coincidiu cos nosos datos”, sinala Valérie Trouet, autora principal do traballo e investigadora na Universidade de Arizona.

O mínimo de Maunder derivou nun descenso do 75% na actividade dos ciclóns tropicais

Durante este período, como a Terra recibiu menor radiación solar non só se produciron menos ciclóns senón que tamén se experimentou no hemisferio norte un descenso relativo de temperaturas. “Debemos entender a influencia dos grandes cambios na radiación solar sobre a Terra nun contexto de quecemento global favorecido polos gases de efecto invernadoiro, xa que isto axudaranos a entender a actividade dos furacáns”, subliña a dendroarqueóloga.

As proxeccións previstas para o século XXI para os ciclóns tropicais do Atlántico norte son cruciais para establecer medidas de adaptación e mitigación, pero están suxeitas a moita incerteza, sobre todo por como responden estes fenómenos a actividade solar. A pesar de que os modelos climáticos globais indican que os furacáns serán cada vez máis intensos a medida que o clima se quenta, non son os suficientemente bos en predicir fenómenos a escala rexional. Para os científicos o estudo permitirá ser máis precisos nestas predicións.

“Estes modelos  de predición non coinciden na magnitude de tal aumento e ademais son pouco fiables nas predicións a escala rexional, debido en parte á relación incerta entre a actividade destes fenómenos e as variacións naturais na actividade solar”, apunta Domínguez-Delmás.

Para os científicos, entender como inflúen as variacións na radiación solar sobre a actividade dos ciclóns tropicais no Caribe pode contribuír a mellorar os modelos de predición nesta zona xeográfica xa que son fenómenos moi destrutivos. Segundo outros investigadores, entre 1970 e 2002 os danos por furacáns e ciclóns tropicais nos Estados Unidos estimáronse en 57.000 millóns de dólares.

Referencia bibliográfica:
Valérie Trouet et al. “Shipwreck rates reveal Caribbean tropical cyclone response to past radiative forcing” PNAS 7 de marzo de 2016

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O furacán ‘Margot’ avanza cara aos Azores: así afectará a Galicia

No seu avance cara ao oeste peninsular perderá forza e prevese que se converta en borrasca, que deixará abundantes chuvias no país

Un novo furacán desprázase polo Atlántico con capacidade de xerar unha DANA en Galicia

Os meteorólogos advirten dun cambio da circulación atmosférica a medio prazo que cambiará o tempo na península

A borrasca ex ‘Danielle’ volve sorprender ao adquirir características de ciclón subtropical

Os meteorólogos advirten un cambio no comportamento pero, de momento, só afectaría a zonas marítimas e non impactaría en Galicia

O exfuracán ‘Danielle’ activa a alerta amarela no litoral galego e puntos do interior

As precipitacións serán especialmente intensas a primeira hora do martes na costa atlántica, o Miño e zonas montañosas do interior