Xoves 25 Abril 2024

Confirmado: os galegos teñen a maior porcentaxe en España de ADN de África

Científicos de Santiago e Oxford publican en "Nature Communications" unha investigación sobre a distribución xenética das poboacións peninsulares

En marzo do ano pasado, un equipo de investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Oxford compartiron no repositorio BioRxiv unha versión previa dun traballo que espertou moito interese polas particularidades xenéticas que expoñía. A partir da análise de máis de 1.400 individuos de toda España demostrábase como as migracións foron moldeando os patróns xenéticos nos últimos mil anos. Un dos achados foi que Galicia amosaba unhas grandes porcentaxes de trazas de ADN africano, máis ca zonas máis próximas ao norte deste continente. A versión definitiva, publicada este venres en Nature Communications, confirma o avanzado o ano pasado.

O texto subliña que “sorprendentemente, a ascendencia do norte de África non reflicte a proximidade ao continente, nin sequera ás rexións que estiveron máis tempo baixo control musulmán na Idade Media”. Así, a investigación determinou que “as maiores cantidades de ascendencia atópanse no oeste, incluída Galicia, aínda que esta rexión tal e como se define hoxe, ao norte do río Miño, nunca estivo baixo dominio musulmán nin bereber, e os asentamentos ao norte do Douro foron abandonados no 741″.

Publicidade

As maiores cantidades de ascendencia do norte de África atópanse no oeste, incluída Galicia, di o estudo

Que puido pasar entón? O traballo postula que “o patrón que vemos veu impulsado por fluxos migratorios internos posteriores entre Portugal e Galicia, e isto tamén explicaría porque estas dúas zonas amosan ancestros indistinguibles que comparten con grupos non españois de forma máis xeral”. Este é un dos aspectos no que incide o traballo: a relación xenética entre Galicia e Portugal é moito máis forte ca co resto de España. Outra das opcións, di o artigo, é que “podería ser que estes patróns reflictan as diferenzas rexionais nos patróns de asentamento e integración cos pobos locais dos mesmos inmigrantes do norte de África, ou dos diferentes graos de expulsión a gran escala dos musulmáns, que aconteceu despois da chamada Reconquista e especialmente nas vilas e cidades”.

Diferenzas xenéticas en menos de 10km en Galicia

No caso de Galicia, a análise ofreceu datos moi interesantes a pequena escala. “Foi posible identificar grupos de individuos xenéticamente semellantes en escalas moito máis precisas –de menos de 10 quilómetros de distancia nalgúns lugares–, como ao longo do vales dos ríos. Unhas agrupacións que, en opinión de Ángel Carracedo, apuntan á probable existencia de mutacións raras localizadas xeográficamente, incluídas as causantes de enfermidades. Di o científico do grupo de Xenómica que “as extensas diferenzas xenéticas observadas a pequena escala en Galicia poderían explicar porque algunhas enfermidades con compoñente xenética parecen concentrarse en áreas concretas”.

Alén disto, a investigación identifica diferenzas xenéticas máis fortes no eixo imaxinario que vai do leste ao oeste da Península, así como mostras de movementos históricos de poboación que transcorren de norte a sur en España. A autora principal do estudio, Clare Bycroft, explica que estes patróns reflicten a historia singular da Península Ibérica e, tendo en conta unicamente o seu ADN, apuntan “a agrupación de individuos modernos cuxos límites xeográficos coinciden estreitamente cos de distintos reinos, cos seus respectivos idiomas, presentes hai máis de 500 anos”.

O estudo pon en relación a xenética coa historia das migracións e as linguas da Península. Fonte: Nature Communications.
O estudo pon en relación a xenética coa historia das migracións e as linguas da Península. Fonte: Nature Communications.

Un destes movementos destacables foi a chegada de aproximadamente 30.000 combatentes, aínda que tamén se rexistrou unha migración civil dun número descoñecido de persoas, e estímase que principalmente foron bérberes procedentes do norte de Marrocos que se instalaron en diversos puntos da Península Ibérica. As análises previas darían conta de que este movemento tería producido un “impacto xenético substancial e xeneticamente variable”.

Ademais, os resultados acadados implican a predominancia de ADN procedente do noroeste de África durante a emigración. No conxunto do territorio español, a presenza de ancestros de orixe africana ocorreu en todos os grupos, se ben os niveis son menores no País Vasco e na zona correspondente co espazo no que se asentaba a Coroa de Aragón durante o século XIV.

En conxunto, estes resultados indican que os movementos poboacionais de séculos de antigüidade asociados coa conquista musulmá e a posterior retirada deron forma á xenética moderna da Península. O interese de estudar esta rexión de Europa, radica en opinión dos autores do traballo no feito de que “a Península Ibérica é lingüisticamente diversa, ten unha historia demográfica complexa e é única entre as rexións europeas por ter un período de séculos de dominio musulmán”.

O traballo contou co financiamento do Wellcome Trust e o Fondo de Investigación Sanitaria.

Referencias (acceso aberto):Patterns of genetic differentiation and the footprints of historical migrations in the Iberian Peninsula (Nature Communications, 1 de febreiro de 2019).

1 comentario

  1. Non sei se o traballo tivo en conta o tributo das cen doncellas. Mulleres rapazas que se tiñan que entregar os mmusulmans cada ano, Non sei por certo cantos años durou; nin se unha vez preñadas volvian o territorio cristián.; o que noos daría unhos resultados más rigurosos. e tamén as violacións, dada as continúas contiendas entre musulmáns e cristián. En definitiva esto so e unha mera especulación; que pode ser unha pequena aportación, ou unha valoración xa exposta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea