Martes 19 Marzo 2024

Estudantes da UVigo idean un prototipo para a comunicación de persoas con parálise cerebral

O sistema, inspirado no que usaba Stephen Hawking, está sendo usado con Carlos, curmán de Juan Abia, un dos impulsores da idea

CharlieSays botou a andar cando a tía de Juan Abia lle propuxo a este estudante de cuarto curso do Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática da Universidade de Vigo que desenvolvese para o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) un sistema que permitise a comunicación con Carlos, o seu fillo e curmán de Juan, que este mes cumpre 33 anos e que sofre parálise cerebral. Carlos, que naceu sendo un neno san, sufriu cando tiña un ano unha parálise cerebral, producida pola aciduria glutárica que padece e que non lle foi diagnosticada ata que cumpriu 11 anos. Esta enfermidade que impide a quen a padece descompoñer as proteínas animais correctamente, unha vez diagnosticada e establecida unha dieta que reduce á mínima expresión a presencia de proteínas animais, permite ás persoas enfermas desenvolver unha vida normal. Non obstante, no caso de Carlos a diagnose chegou moi tarde, ocasionándolle graves secuelas, como a parálise cerebral que lle impide falar ou moverse voluntariamente, agás algún movemento aparentemente controlado e con máis forza que é quen de facer coa súa man dereita.

 

O proxecto comezou co estudo de diferentes opcións actualmente existentes no mercado para facilitar a comunicación das persoas con parálise cerebral, “pero teñen dúas grandes desvantaxes: un prezo demasiado elevado e non se poden adaptar o suficiente ás necesidades de Carlos, xa que no se poden mudar parámetros como o tempo de pulso ou a forza aplicada”, explica Juan Abia, que lembra que, o que comezou como unha proposta de TFG, logo pasou a ser un proxecto da asociación da rama de Estudantes do IEEE da UVigo, “e aí empezamos a traballar sobre o que eu fixera, inspirándonos no sistema que utilizaba Stephen Hawking”, contando ademais coa participación de Fernando Flores e Mateo González, estudantes do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación.

Publicidade

Foi a partires dese momento cando o equipo desenvolveu un sistema, que a día de hoxe xa dispón dun prototipo terminado, totalmente adaptado ás necesidades de Carlos e no que é posible modificar todos os parámetros. “O sistema detecta a forza que fai o usuario sobre unha pelota antiestrés e envía este sinal á aplicación, que está instalada nunha tableta de Carlos, que ten un maior control sobre a man dereita”, detalla o estudante.

Co prototipo xa rematado, ata agora o equipo desenvolveu a funcionalidade principal “que é ter o sensor e a comunicación coa aplicación funcionando, cunha comunicación simple de “si” e “non”. A partir de aí queda, en primeiro lugar, moita práctica por parte de Carlos para que se faga ao sistema, e unha vez conseguido isto, poñerémonos a traballar en funcionalidades da aplicación máis complexas, como comunicación mediante pictogramas e teclado por barrido”, explica Juan Abia.

Dispor dunha parte do corpo sobre a que se teña algo de control, sen importar a velocidade de reacción nin a forza aplicada; vista para poder ver a tableta e saber ler, para poder utilizar  funcionalidades futuras, son as capacidades que precisan ter as persoas que queiran empregar este sistema, cuxo núcleo é Arduino Leonardo, o microcontrolador que ten a función principal de ler o sinal do sensor e filtrala, para finalmente enviala á aplicación na tableta.

Financiamento

Tras presentar CharlieSays na feira de tecnoloxías abertas OSHWDe, “onde tivo grande acollida”, os promotores do proxecto atópanse actualmente na procura de patrocinadores para financialo e tamén de colaboradores para poder continuar o seu desenvolvemento e mellora. “Como o proxecto está dentro da asociación de alumnos da Rama de Estudantes do IEEE da UVigo a nosa idea é lograr patrocinadores para a asociación e así poder financiar este proxecto e outros, ademais doutras actividades que realizamos”, detalla Juan Abia, que confirma que neste intre xa están en contacto cun par de empresas que amosaron o seu interese en converterse en patrocinadores desta iniciativa.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha galega estuda o uso da realidade virtual no día a día das persoas con discapacidade

Un sistema óptico rastrexa o movemento das mans e dedos para mellorar a inmersión dos participantes nos diferentes escenarios

Enxeñería solidaria para rachar coa fenda dixital: “Ter acceso á rede é unha necesidade básica”

Estudantes da Escola de Enxeñería da UVigo recompoñen equipos informáticos vellos para facelos funcionais e doalos a persoas que os precisan

A invisibilidade das enfermidades raras

Dificultades no seu diagnóstico, tratamentos complexos e falta de entendemento son algúns dos desafíos aos que se teñen que enfrontar os doentes

Un proxecto universitario forma ao alumnado de Down Vigo en matemáticas aplicadas

Estudantes do Grao en Educación Primaria achéganlles habilidades básicas de cálculo para a vida cotiá a través de actividades lúdicas