Concepción González Bello, primeira muller que recibe a medalla Ignacio Ribas

O galardón, que outorga a Real Sociedade Española de Química, recoñece a traxectoria e a proxección internacional do traballo da científica do CiQUS

Concepción González Bello é profesora da USC e dirixe un grupo de investigación no CiQUS. Foto: CiQUS.
Concepción González Bello é profesora da USC e dirixe un grupo de investigación no CiQUS. Foto: CiQUS.

Concepción González Bello, profesora do Departamento de Química Orgánica da USC e investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), converteuse recentemente na primeira muller que recibe a medalla Ignacio Ribas, concedida pola Real Sociedade Española de Química  e que recoñece a súa traxectoria científica ascendente, destacando tanto a súa calidade como a súa proxección estatal e internacional.

Publicidade

A investigación de González-Bello céntrase no desenvolvemento de novas terapias para o tratamento das infeccións causadas polos patóxenos resistentes a múltiples fármacos, ben sexa desactivando os mecanismos de comunicación entre células ou bloqueando a sofisticada maquinaria bacteriana para causar resistencia aos antibióticos. Ademais, as súas liñas de traballo inclúen estudos de simulación de biomacroméculas para comprender a plasticidade das proteínas ou o deseño de compostos baseado na estrutura, o movemento e o mecanismo de acción.

O equipo que dirixe Concepción González Bello no CiQUS aborda un dos prinicipais retos de saúde pública nos vindeiros anos. Os fármacos actuais perderon eficacia fronte ás superbacterias, xa que estas desenvolveron sofisticados e eficientes mecanismos que “evitan a súa acción”, sendo o máis importante a destrución do antibiótico antes de que chegue a matar a bacteria, tal e como sinala a profesora González Bello ao Xornal da USC. Estes microorganismos son o “pesadelo” entre os pacientes hospitalizados cun débil sistema inmune e dificultan tamén o manexo das infeccións habituais en pacientes vulnerables sometidos a quimioterapia fronte ao cancro, diálise fronte á insuficiencia renal, implantación de dispositivos sanitarios ou cirurxía. Estímase que este tipo de patóxenos son responsables da morte de ao redor de 25.000 persoas en Europa cada ano.

Dúas estratexias fronte ás superbacterias

Fronte a isto, o grupo da USC pretende resolver este problema de dúas formas. A primeira consiste nunha terapia “sen antibióticos” creando unha situación similar ao tratamento cunha vacina, “desarmando a bacteria” e quitándolle a súa capacidade de causar infección, deixando que o sistema inmune a elimine do organismo. Como para que se desenvolva unha infección, as bacterias deben formar grupos que logran, comunicándose entre si, producir uns compostos químicos que actúan como “feromonas que atraen a outras bacterias”, evitar esta comunicación permite que as bacterias se manteñan illadas e non infecten.

A segunda estratexia que desenvolveron os investigadores da USC é o uso de “potenciadores dos antibióticos”, compostos que combinados co antibiótico potencian a súa acción xa que impiden que as bacterias os destrúan antes de actuar. Utilizan programas computacionais de simulación que lles permiten predicir e entender como funcionan as superbacterias, e así deseñan os compostos que poidan ser máis eficaces antes de preparalos no laboratorio. Estes investigadores lograron desenvolver compostos moi potentes que en pequenas doses logran paralizar o desenvolvemento da infección, mesmo fronte ás superbacterias máis perigosas.

O galardón da RSEQ que agora recibe Concepción González foi creado hai máis de dez anos polo Grupo de Química Orgánica desta entidade, coa intención de honrar a memoria do catedrático da USC Ignacio Ribas, recoñecido como o impulsor da química orgánica en Galicia grazas aos seus traballos na preparación de produtos naturais con relevantes propiedades farmacolóxicas a partir de especies vexetais autóctonas. En edicións anteriores recibiran a medalla Ignacio Ribas outros investigadores da USC, como Diego Peña (2018), Juan R. Granja (2014) e Carlos Saa (2012).

1 comentario

  1. Noraboa a Concepción .pola seu importantísimo traballo . Unha muller de ciencia facendo historia .
    Espero que siga avanzando nesa estratexia de
    acadar un sistema para impedir esas resistencias
    que impiden actuar satisfactoriamente os antibióticos .
    Grazas a ela e ao seu equipo . Isto é moi importante .

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.