Sábado 20 Abril 2024

Científicos da USC relacionan wifi con toxicidade celular ante contaminantes

Investigadores do CRETUS publican un estudo no que afirman que fontes de radiofrecuencia de 2.45 GHz interactúan nas células co carbono negro

É un artigo científico novidoso e seica controvertido. Porque relaciona a exposición a redes de 2.45 GHz, como son por exemplo as redes Wi-Fi, cunha maior toxicidade celular e problemas no sistema inmune, cando estas ondas de radiofrecuencia están presentes nun entorno de contaminación atmosférica, concretamente por carbono negro (ou negro carbón), un contaminante moi común polo consumo de combustibles fósiles.

A exposición combinada a unha fonte de radiofrecuencia de 2.45 GHz en ambientes contaminados con partículas como o carbono negro, incrementa notablemente a toxicidade celular, provocando modificacións na resposta inmune das células. Esta é a principal conclusión á que chegaron científicos da USC no Centro Singular CRETUS, en colaboración co Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IIAQBUS), no artigo Radiofrequency at 2.45 GHz increases toxicity, pro-inflammatory and pre-apoptotic activity caused by black carbon in the RAW 264.7 macrophage cell line, publicado na revista Science of The Total Environment.

Publicidade

Na actualidade son moi escasos os estudos que analizan o efecto combinado de dous axentes ambientais de distinta natureza. De feito, tal e como constatan os autores da investigación, a maioría dos estudos sobre saúde humana que involucran a radiación non ionizante e as partículas ambientais fano por separado. A particularidade desta investigación na que participan  Mª Elena López do departamento de Ciencias Morfolóxicas; Aarón A. SalasJ. Antonio Rodríguez Francisco J. Ares do departamento de Física Aplicada; así como Rosa A. SueiroJ. Manuel Leiro do Departamento de  Microbioloxía e  parasitoloxía, reside en que se estudaron os efectos causados pola interacción conxunta de ambos os dous axentes.

“A confluencia destes dous axentes ambientais nos ensaios de laboratorio podería constituír un escenario real, xa que ambos os dous poden aparecer perfectamente en espazos públicos abertos como parques, por exemplo”, sinalan os científicos. “Os efectos na saúde humana ao respirar unha calidade deficiente de aire debida á suspensión de partículas  contaminantes e á exposición, ao mesmo tempo, a fontes de radiofrecuencia a 2.45GHz, como as que estarían presentes nunha rede sen fíos Wifi ou as que virían representadas por dispositivos como os teléfonos móbiles son ata o de agora descoñecidos”, apuntan os investigadores.

Mortes prematuras

Diversos estudos teñen abordado os efectos das partículas en suspensión “pois representan o compoñente máis daniño da contaminación do aire en Europa e estimouse que neste continente serían responsables de ao redor de 400.000 mortes prematuras ao ano”, sinalan. Neste senso, o impacto das partículas inhaladas podería favorecer enfermidades respiratorias, cardiovasculares, alén de ser recentemente consideradas como axentes canceríxenos pola Axencia de Investigación Internacional do Cancro. Por outra banda, o uso xeneralizado de novas tecnoloxías e aplicacións sen fíos suscitou nas últimas décadas unha preocupación nas autoridades sanitarias no relativo aos posibles efectos na saúde dos campos electromagnéticos. “Existe unha forte evidencia de que a exposición prolongada ou a longo prazo a certas fontes electromagnéticas constitúe un factor de risco para certos tipos de cancro, así como unha posible causa de estrés oxidativo,  apoptose e dano do ADN celular”, apuntan. Este estudo que combina ambos os dous axentes ambientais a nivel celular podería axudar a entender un pouco máis a influencia da contaminación ambiental no desenvolvemento dalgunhas enfermidades.

Os resultados que se revelaron nesta investigación experimental indicaron que a radiofrecuencia aumentou drasticamente a toxicidade inducida polo carbón negro, o que supuxo unha modificación na resposta inmune dos  macrófagos, incrementando a resposta  inflamatoria, activando a  apoptose e acelerando a toxicidade celular. “Será necesario investigar no futuro o papel que ten na saúde a combinación de ambos os dous axentes ambientais en relación ás reaccións de  hipersensibilidade e trastornos  autoinmunes”, explican os científicos.

Esta investigación enmárcase dentro do proxecto ‘Determinación do nivel de concentración de partículas atmosféricas con antenas: método de monitoraxe para desenvolver unha estratexia de protección integral do cidadán’.

Aquí podes consultar o artigo científico publicado polo CRETUS

4 COMENTÁRIOS

  1. Intensidade do campo eléctrico usado no experimento: 102,8 V/m, intensidade do campo eléctrico dunha rede WiFi a 2 metros da antena: 0,86 V/m

    Densidade de potencia usada no experimento: 28,0 W/m2, densidade de potencia dunha rede WiFi a 2 metros da antena: 0,002 W/m2

    (Para que non queden dúbidas, a 1 metro da antena WiFi: 1,73 V/m e 0,008 W/m2)

    A única conclusión válida do artigo publicado é a perigosidade de meterse nun microondas en funcionamento (básicamente, o entorno de traballo do experimento en cuestión é un forno microondas que funciona a 12W en vez de 900W dos domésticos).

    Evidentemente, este é un exemplo de como se pode retorcer a ciencia, levando a cabo unha investigación capciosa en condicións alonxadas da realidade, coa intención de malinterpretar os resultados para acadar relevancia nos medios de comunicación (supoño que pola proximidade das convocatorias de axudas de GAIN).

    Considero que é moi importante levar a cabo experimentos SERIOS para analizar os efectos da radiofrecuencia nos seres vivos, pero este tipo de investigación non vale para eso.

    ¿Por qué non facedes o mesmo estudo cunha PIRE de 100mW a 2,45GHz (WiFi real)?

  2. “Existe unha forte evidencia de que a exposición prolongada ou a longo prazo a certas fontes electromagnéticas constitúe un factor de risco para certos tipos de cancro, así como unha posible causa de estrés oxidativo, apoptose e dano do ADN celular” din eles e vós publicades. A verdade, non parece unha frase propia dun científico.
    De que forte evidencia falan? Ou, sobre todo, de que certas fontes electromagnéticas falan? Porque se falamos dun reactor nuclear, pois si que parece que hai forte evidencia. Incluso para a radiación UV, ionizante, do sol hai forte evidencia. Pero o que estes/as científicos/as semellan querer dicir é que hai evidencia de risco de cancro pola exposición a fontes electromagnéticas de radiación non ionizante. Pois que conten onde están esas evidencias.

    • Gracias a José Antonio y Excéptica por explicar la noticia, unos comentarios muy valiosos.

      Me parece estupendo que en esta web puedan hacerse comentarios con fundamento científico a las noticias publicadas.

  3. Gracias por este trabajo. Se ve que, a pesar de la dictatura sanitaria – política y la seudociencia basada en la doctrina absurda de los gérmenes de Pasteur que están al mando, aún es posible que la ciencia auténtica progrese y abra nuevos diálogos con cara al futuro. Gracias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

Un equipo da USC logra transportar biomoléculas ao interior celular empregando luz

O grupo deseñou novos compostos moleculares para a entrega de péptidos cuxo paso, a través da membrana, se activa de xeito remoto

Un equipo da USC descobre un novo factor que altera o ciclo do carbono

O estudo realizado polos galegos Mar Sobral e Antonio Martínez Cortizas podería ser de utilidade na loita contra o cambio climático

Polbos, chocos e luras: pezas clave para garantir a seguridade alimentaria

Científicos da USC expoñen os vínculos entre os ecosistemas, as políticas e o benestar humano para fomentar un sistema alimentario de cefalópodos máis sostible