Venres 19 Abril 2024

Chemtrails: unha ‘conspiración’ sen evidencia científica

Un importante número de persoas secunda a través das redes sociais a conspiración dos chamados ‘chemtrails‘, ou ronseis químicos. Segundo as súas teorías, un exército de avións e avionetas estarían botando substancias químicas na atmosfera, dentro dun plan do que chaman ‘xeoenxeñaría climática’, para cambiar o clima, fumigar á poboación con produtos nocivos, producir enfermidades ou catástrofes e influír na actividade agrícola, entre outras elucubracións. Así, os rastros de vapor de auga e combustible que deixan tras de si os avións, ou as nubes altas, como os cirros, serían en realidade armas dunha especie de guerra química e climática.

Unha procura nas redes tamén descobre supostas evidencias de ‘chemtrails’ en Galicia. Canles de YouTube con milleiros de suscripcións, e numerosos vídeos e imaxes nas que se quere soster a teoría das fumigacións. Nalgúns destes grupos da conspiración aparecen todos os días presuntas probas gráficas do paso destes avións contaminantes. Se Galicia e a Península sofren seca durante meses, a culpa é das avionetas que dilúen as nubes e afastan as esperadas precipitacións. Pero se de súpeto chegan varias frontes de borrascas e a seca queda atrás, a xeoenxeñaría climática tamén é a culpable, porque é quen, segunod afirman, xera estas frontes de baixas presións.

Publicidade

Os partidarios dos ‘chemtrails’ cúlpanos tanto da seca como da abundancia de chuvias

Pero realmente hai evidencia científica detrás destas teorías da conspiración? Aumentou a prevalencia de enfermidades nas zonas supostamente fumigadas? Están os solos agrícolas contaminados por estas actividades? É posible cambiar o clima cunha frota secreta de avións botando produtos químicos no medio da inmensidade da atmosfera? Alén das páxinas que alimentan a conspiración – e que comparten noticias falsas e imaxes manipuladas que son replicadas por milleiros de persoas – non existen estudos científicos coa profundidade suficiente que reforcen estas teorías.

Juan Taboada, de MeteoGalicia, explica que os supostos chemtrails son realmente “fenómenos naturais” de condensación. “Carece de sentido pensar que haxa alguén con intención e capacidade de mudar as condicións do aire: a atmosfera é un sistema tremendamente complexo, con escalas espaciais e temporais moi grandes na que interveñen moitos factores”, expón.

Taboada explica que esta gran variedade de elementos implica que “o clima é un sistema indivisible, sobre o que non se pode actuar de forma illada, desmontando unha peza e cambiándoa por outra, quitando humidade ou aire seco de aquí e levándoos para outro lado; facer isto requeriría dunha cantidade de enerxía moi grande, que ninguén está en disposición de producir”.

Como exemplo, o meteorólogo pon os grandes furacáns que golpean os Estados Unidos. “É un país con todos os medios ao seu alcance, e cando se achega un furacán ás súas cidades o único que poden facer e tomar precaucións e evacuar á poboación. Non hai outra opción. A enerxía que se xera nestes casos é algo imposible de modificar”, explica Taboada. E o mesmo acontece cos longos episodios de seca que, curiosamente, acontecen en rexións que levan milleiros de anos sendo desérticas. Ninguén é capaz de sementar chuvia alí.

Un dos vídeos onde se alimenta a conspiración dos 'chemtrails' en Galicia. Imaxe: Youtube.
Un dos vídeos onde se alimenta a conspiración dos ‘chemtrails’ en Galicia. Imaxe: Youtube.

“É algo que ninguén cun mínimo de conciencia crítica pode xustificar”, sostén Juan Antonio Añel, doutor en Física pola Universidade de Vigo e experto en física atmosférica e cambio climático. “Calquera avión que circule pola atmosfera pode deixar un ronsel, iso é un dos fundamentos da física atmosférica. Do mesmo xeito que se vas cunha lancha polo mar tamén deixas un ronsel de escuma, o aire tamén é un fluído. O vapor procedente da combustión do queroseno dos avións leva humidade e sae a unha temperatura moi alta dos motores; e ao contactar co aire moi frío, aparecen as nubes en forma de ronsel”.

En 2016, un estudo realizado por un equipo da universidade de California preguntou a 77 expertos atmosféricos sobre a posibilidade de que existiran evidencias científicas que probasen a conspiración dos chemtrails. E 76 afirmaron que non había ningunha proba da súa existencia. “O único que dixo que podería haber dúbidas, non probas definitivas -segundo lembra Juan Antonio Añel- só citou como base para a dúbida un estudo local sobre un exceso de bario nunha pequena rexión; é dicir, en ningún caso falou dun efecto a nivel global”. Porén, outra enquisa internacional realizada en 2011 sostiña que un 17% dos participantes daba crédito a estas teorías, o que dá unha mostra do predicamento que teñen entre a poboación.

Nun estudo de 2016, 76 dos 77 científicos consultados dicían que non había unha soa proba sobre a suposta conspiración

Algúns dos argumentos son supostos restos de metais pesados que se atopan, segundo din os defensores da conspiración dos chemtrails, nas terras sobre as que se deixan caer estas nubes fumigadoras. Pero non existe evidencia científica de que os materiais atopados procedan do aire. Moitas veces, proceden dos propios fertilizantes utilizados para abonar a terra.

Con todo, o debate chegou tamén ao Parlamento Europeo. O deputado do PDeCat Ramón Tremosa realizou unha pregunta en maio de 2015 baseada nunha das páxinas que alimentan esta teoría da conspiración, na que se cita unha suposta entrevista na Cadena Ser do 4 de outubro de 2014, que ninguén da propia web puido atopar nin reproducir. Nesta ‘confesión’, “catro traballadores da Aemet” recoñecían que “España está sendo rociada na súa totalidade con avións espallando pola atmosfera” supostos produtos contaminantes. O obxectivo destas prácticas sería crear un ambiente propicio para o turismo e “axudar ás corporacións da agricultura”, unha práctica que “a súa vez está producindo gotas frías con moita intensidade”. A entrevista na Cadena Ser, nunca probada, segue a ser utilizada catro anos despois en numerosas publicacións con miles de visualizacións nas redes sociais. E respecto á pregunta do deputado Tremosa, a Comisión Europea respondeu que non hai evidencia algunha sobre estas prácticas.

Semente de nubes, non ‘chemtrails’

Pero hai algún tipo de práctica para provocar chuvias ou impedilas? Existen, pero son moi limitadas no espazo e no tempo, e a súa eficacia non está totalmente probada. Segundo explica Añel, que tamén é coautor e revisor de informes da Organización Meteorolóxica Mundial e o Panel Intergobernamental de Cambio Climático (IPCC), son remedios puntuais como a semente de nubes, unha técnica que se emprega de forma localizada desde os anos 50. “Hai avionetas que botan compostos como o ioduro de plata, que provocan núcleos de condensación nas nubes, para que chova máis”. E tamén existe a técnica contraria, a de intentar desfacer as nubes para evitar que chova en determinados actos multitudinarios, como os desfiles militares ou as grandes probas deportivas.

Tanto a Axencia Estatal de Meteoroloxía como a Organización Meteorolóxica Mundial expoñen nalgúns dos seus informes as técnicas de modificación artificial do tempo, tal e como demostran as investigacións realizadas en varias rexións do planeta. Sempre se insiste, con todo, en que son accións puntuais, con resultados limitados, e en ningún caso se fala da emisión de substancias químicas nocivas para a saúde humana ou fumigadoras.

“É unha tolería pensar que se pode cambiar o clima con isto”, di Añel, que desenvolve varias razóns. En primeiro lugar, na maioría das ocasións, as fotos dos supostos ‘chemtrails’ están á mesma altura á que viaxan os avións, entre os 12 e os 15 quilómetros de altura. “E a semente de nubes tense que facer, en calquera caso, por debaixo dos sete quilómetros de altura, onde haxa humidade, porque a máis altura dispersaríanse os compostos e non sería efectivo”.

“Por suposto que estamos cambiando o clima, pero co que contaminamos con CO2”, di Añel

Sobre estes mecanismos, Juan Taboada tamén ten as súas reservas. “Non está moi clara a efectividade, e os expertos tampouco se poñen de acordo en se funciona ou non. Pero aínda dando por feito que sexa posible crear chuvascos localizados ou evitar que chova nun momento e nun lugar determinado, isto é algo que non sempre se pode forzar”. E engade: “Do mesmo xeito que é imposible parar unha borrasca, tampouco podemos provocar que chova co ceo totalmente despexado; ten que haber un mínimo de humidade e nubosidade para inducir ás nubes a que condensen e se produzan as precipitacións”.

Por outra banda, o físico da UVigo Juan Antonio Añel indica tamén que un exército de avións, por moi numeroso que sexa, non pode combater unha borrasca. “Estamos falando de frontes de nube e chuvias cunha enerxía tremenda, de varios quilómetros de altura e centos de quilómetros de lonxitude; é imposible frear iso cun grupo de avións”.

“Xa contaminamos dabondo co CO2

Sobre a posibilidade de que os chemtrails estean contribuíndo ao cambio climático, Añel apunta que “non é precisa ningunha inducción nin conspiración oculta” para aumentar este efecto. “Xa contaminamos dabondo co CO2 que emiten os avións que voan todos os días no planeta”. Nun voo de ida e volta entre Santiago e Frankfurt, por exemplo, o avión emite 461 quilos de CO2 por cada pasaxeiro; o que veñen sendo 25 toneladas de CO2 que se emiten á atmosfera nesta viaxe. Por suposto que estamos modificando o clima, pero é que non precisamos nada máis para contaminar, o CO2 que todos coñecementos ben, e que a actividade humana emite todos os días, xa é suficiente”.

Neste senso, Juan Antonio Añel engade que a ciencia, por agora, non dispón das ferramentas suficientes para poder manexar o clima a demanda. “É impensable que alguén poida facer iso hoxe en día. De feito, eu acabo de pedir financiamento para un proxecto teórico co que queremos estudar as posibles opcións que hai para actuar sobre o tempo nunha zona determinada mediante o uso de ondas. Pero é que aínda estamos coa teoría, mirando como se podería facer. Queda moito para que isto teña unha aplicación práctica”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso