Andrés Comerma está considerado unha das figuras clave da enxeñaría naval en España. Esta fotografía apareceu no Almanaque Gallego de 1913.
Andrés Comerma está considerado unha das figuras clave da enxeñaría naval en España. Esta fotografía apareceu no Almanaque Gallego de 1913.

O “visionario” enxeñeiro Andrés Comerma, Científico Galego do Ano 2020

O investigador, que viviu gran parte da súa vida en Ferrol, foi tamén farmacéutico, xornalista e impulsor de diversas iniciativas culturais na cidade

O enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador Andrés Comerma y Batalla (1842-1917) será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas e, en moitos casos, descoñecidas para o gran público. O carácter polifacético e visionario deste intelectual, xunto coas importantes achegas en termos de progreso e modernidade que o seu traballo supuxo para Galicia, foron os principais motivos da súa elección unánime por parte do pleno da RAGC.

O acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro, pero a RAGC iniciará de inmediato os contactos con todas as institucións científicas vinculadas a Comerma e aos seus campos de coñecemento para organizar nos vindeiros meses actividades de difusión e divulgación sobre a súa figura.

Pioneiro da enxeñería naval

Andrés Avelino Comerma y Batalla naceu na localidade de Valls (Tarragona), aínda que desenvolveu toda a súa carreira en Galicia desde que aos 21 anos se fixera cunha praza na Escola de Enxeñeiros da Armada de Ferrol. Tres anos despois foi nomeado profesor de Física e Xeometría da maestranza e enxeñeiro auxiliar do estaleiro de Ferrol. Durante esta primeira etapa en Galicia, licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago e exerceu como correspondente do xornal La Renaixença, publicación ligada ao movemento catalanista.

Recoñecido na comunidade científica como unha das figuras máis relevantes da tecnoloxía naval española dos últimos séculos, Comerma foi o autor do proxecto e director da construción da obra máis importante realizada en Galicia en todo o século XIX: o Dique da Campá no Arsenal de Ferrol, tamén coñecido como Dique de San Julián, que polas súas dimensións se converteu nun dos máis grandes do mundo na súa época.

Vista do Dique da Campá, cuxa construción foi dirixida por Comerma, no ano 1897. Foto: JM Sánchez.
Vista do Dique da Campá, cuxa construción foi dirixida por Comerma, no ano 1897. Foto: JM Sánchez.

A construción, que se levou a cabo entre 1873 e 1879, comezou coa retirada de 174.000 toneladas de terra en case 12 millóns de capazos a cargo de 200 mulleres. O interior foi construido con 139.500 toneladas de formigón, máis de 40 millóns de pedras de mampostería e 10.000 toneladas de cal. Nos traballos, que custaron 25 millóns de reais, participaron máis de 1.200 obreiros. A expectación que levantou a obra foi enorme, tanta como a falta de confianza no seu éxito, ata o punto de que estiveron a punto de retirar a Comerma da dirección do proxecto.

Logo da inauguración do dique, que hoxe segue a pleno rendemento, foi nomeado xefe do estaleiro, un cargo desde o que dirixiu a construción de embarcacións moi diversas, desde fragatas acoirazadas ata cruceiros. Pero tamén se involucrou na dirección doutro tipo de obras, coma os xardíns das Angustias e o Hospital da Mariña en Ferrol.

Uns anos máis tarde, presentou o seu proxecto máis ambicioso: a unión de Europa e África mediante a construción dun túnel submariño baixo o estreito de Xibraltar. A súa proposta, de 19 km. de lonxitude e máis de 800 metros de profundidade nalgúns tramos, atopouse coa oposición de Gran Bretaña e quedou sobre o papel como un proxecto visionario de gran calidade técnica.

Proxectou un túnel submariño baixo o estreito de Xibraltar que non foi adiante pola oposición británica

Apaixonado pola innovación tecnolóxica

Comerma introduciu numerosas innovacións tecnolóxicas en Galicia, inspirado polas súas viaxes e intereses diversos. A el debeuse a instalación da primeira liña telefónica de Galicia, que no ano 1878 comunicou a Capitanía e o Arsenal de Ferrol. Tamén realizou as primeiras experiencias en Galicia con raios X. A electricidade foi outra das súas paixóns, ata o punto de participar en 1881 en París na elaboración do “Código das unidades eléctricas” xunto con científicos de primeira categoría como Siemens e Thompson. Os seus estudos sobre a electricidade valéronlle posteriormente a concesión da Lexión de Honra francesa.

Sobre estes e outros avances tecnolóxicos do seu tempo, como o cinematógrafo ou o fonógrafo, realizou investigacións e publicou numerosos textos divulgativos. Comerma coñecía oito linguas (galego, catalán, castelán, portugués, francés, inglés, aleman e italiano) e ademais foi o introdutor do esperanto en Galicia.

A súa primeira obra, Curso práctico de construción naval, publicada en 1868, recolle xa cuestións como a eficiencia económica da enerxía eólica como fonte de propulsión dos buques. Sen embargo, as súas publicacións irían moito máis alá do relativo á enxeñería. A súa preocupación pola conservación do patrimonio levouno a realizar múltiples estudos e a publicar o libro Los castillos feudales de Moeche, Narahío y Andrade. Ademais, colaborou frecuentemente co xornal El Correo Gallego, que daquela se editaba en Ferrol, e coa publicación Almanaque de Ferrol, aos que contribuía con ensaios sobre enxeñería e recuperación do patrimonio.

Aínda que no ano 1891 solicitou o seu pase á reserva e se trasladou a Madrid, onde chegou a catedrático de Técnica micrográfica e Histoloxía vexetal e animal, seguiu moi vinculado á vida social e cultural de Ferrol. Foi presidente do Casino Ferrolán en 1900, director do Ateneo Ferrolán entre 1903 e 1906 e presidente da xunta de accionistas do Teatro Jofre, ademáis de presidente da rondalla Airiños da miña Terra. En 1910 regresou de forma permanente a Ferrol, xa coa categoría de xeneral, onde faleceu en 1917.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.